Hai motoristas que non respectan o básico, que obran ao seu antollo e, por riba, cando se lles pide amablemente que non circulen polo Alto do Pornedo porque hai un sinal perfectamente claro instalado pola Comunidade de Montes de San Xulián prohibindo esa actividade, tómano a mal, despotrican e marchan -no mellor dos casos- a regañadentes. Este fin de semana volveron aparecer rodadas, seis meses despois da colocación do panel informativo pertinente na entrada a esa zona. Puntualmente presentábase algún piloto, polas marcas que se vían no sendeiro; “típica” travesura de xente nova que, sin a mínima equipación básica, tomaba a incursión máis como un desafío que como unha acción a mantenta para exercitarse co vehículo. Pero as rodadas que ilustran este artigo demostran que a motocicleta pasou unha, dúas, varias veces polo “antigo” itinerario do circuito ilegal que tanto custou erradicar, coa intervención do Seprona e a colaboración -máis vale tarde que nunca- da comunidade de montes.
É intolerable que os motores volvan ocupar o Pornedo. Ningún piloto no seu san xuízo pode atreverse a insinuar un despiste, ou simular sufrir un caso -digno de estudo científico- de analfabetismo repentino e transitorio, para rodar por este monte. Cómpre lembrarlles por que: o punto 2 do artigo 54.bis la Lei de Montes di que “a circulación con vehículos a motor por pistas forestais situadas fóra da rede de estradas quedará limitada ás servidumes de paso ás que houbera lugar, á xestión agroforestal e ás labores de vixiancia e de extinción das Administracións Públicas competentes”. Por tanto, as motos de uso deportivo, como as que frecuentan esta zona, literalmente sobran; só poden circular polas pistas habilitadas e polos espazos que, dentro do monte comunal, determine a Comunidade de Montes, co visto e prace da Xunta.
Por riba, como tantas veces se ten insistido nesta páxina, no Alto do Pornedo hai un conxunto rupestre catalogado e declarado Ben de Interese Cultural, ao redor do cal se debe gardar un perímetro de seguridade de 200 metros. É totalmente inadmisible que haxa vehículos motorizados circulando a grande velocidade a menos de cinco metros destes vestixios prehistóricos.
DEFENDE O MONTE PITUCO non deixará de denunciar, cantas veces faga falta, ante o Concello de Marín, a Xunta de Galicia, o Seprona e a Comunidade de Montes, as agresións que sofre este enclave sensible da nosa parroquia.
No Alto do Pornedo está
Deixar unha resposta