Publicado por: MontePituco | 27/12/2011

NACE A SOCIEDADE ANTROPOLÓXICA GALEGA (SAGA)

O panorama da nosa cultura conta, dende hai uns meses, cun novo colectivo que está dando os seus primeiros pasos: a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Os seus obxetivos son “por unha banda, a investigación e a divulgación da etnografía, da prehistoria e da historia de Galicia, da súa cultura tradicional —tanto material como inmaterial— e de todos os aspectos incluidos dentro do campo da antropoloxía social e cultural; e por outra banda, a promoción de todas aquelas actividades, publicacións, traballos e accións que vaian en beneficio da conservación, divulgación e investigación do noso acervo cultural galego”.

O antropólogo e economista Rafael Quintía, habitual protagonista nas páxinas deste blog pola súa pertenza á comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, é un dos promotores de SAGA, que na súa directiva tamén conta co profesor de Educación Plástica e especialista en Audiovisuais, João Bieites; co etnógrafo Miguel Losada; co licenciado en Belas Artes e restaurador de arte Francisco Sutil; e co arqueólogo e realizador audiovisual Lukas Santiago, outro dos artífices do proxecto Sete Camiños.

Explica Rafa Quintía no seu blog Á sombra de Bouza Panda, que a asociación cultural SAGA “conta coa colaboración dun amplo número de profesionais das distintas áreas que abrangue o proxecto” e que ao abeiro de SAGA “reúnense antropólogos, etnógrafos, arqueólogos, historiadores, filólogos, artistas plásticos, técnicos en audiovisual, músicos e moitos outros colaboradores comprometidos coa aventura cultural e social” que pilota esta entidade.

Entre os proxectos que leva a cabo a Sociedade Antropolóxica Galega destacan:

•A publicación trimestral do boletín informativo da sociedade, “Caderno de campo”. Unha publicación gratuita e de descarga libre na web http://www.antropoloxiagalega.org

•A edición e publicación do anuario “Fol de Veleno. Revista de Antropoloxía e Historia de Galiza”.

•A edición da colección “Cadernos etnográficos·, na que se publicarán traballos monográficos sobre distintos aspectos da etnografía e da arqueoloxía galega.

•A realización de documentais e doutros traballos audiovisuais que permitan divulgar os tesouros do patrimonio material e inmaterial da cultura galega. Nestes momentos, a SAGA ten producidos os seguintes documentais: “Sete Camiños, encrucillada do tempo”, “Comuneiros. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo” e “Metoca”.

•A organización das xornadas anuais da SAGA sobre antropoloxía galega.

•O desenvolvemento de proxectos de investigación, de divulgación e de posta en valor do patrimonio, como o proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ou a creación do Arquivo Audiovisual de Antropoloxía Galega (AAANGA).

A SAGA está embarcada en todos estes proxectos, especialmente -como parte da comisión técnica- no proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, do que este próximo mes de xaneiro vaise estrear o documental “Sete Camiños, encrucillada do tempo”.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vaia todo noso apoio á SAGA, con desexos ferventes de éxito para as súas iniciativas. Cómpre en Galicia un colectivo multidisciplinar coma este, formado por profesionais con traxectoria e criterio, comprometidos coa protección do patrimonio e da cultura nestes tempos difíciles que corren. O Monte Pornedo felicítase porque ten, na SAGA, un aliado máis, un aliado forte, na súa conservación. Parabéns, e adiante!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: