Publicado por: MontePituco | 16/06/2010

O CASTRO DA LANZADA

Dá xenio ver este proxecto, que xa comeza a tomar forma e a facerse realidade: a excavación do castro da Lanzada, en Noalla, Sanxenxo, é un proxecto de recuperación e divulgación arqueolóxica impulsado pola Deputación de Pontevedra no marco do Proxecto Pousadas Xardín, financiado con case 600.000 euros dos fondos europeos FEDER. Os traballos comezaron a principios deste mes de xuño, cun equipo formado por unha vintena de personas, entre as que figuran profesionais e técnicos recoñecidos como Xurxo Ayán, Rafael Rodríguez, Roberto Aboal, Virginia Castro ou Cristina Cancela. “Todos estarían, sen dúbida, nunha lista de convocados se houbese unha selección galega de arqueoloxía”, comenta o arqueólogo Xosé Gago nun artigo publicado no xornal Galicia Hoxe que se reproduce no blog A Lanzada, no que se vai facendo un seguemento periódico dos traballos.

Cómpre alegrarse de que o patrimonio do noso contorno saia á luz. No caso do castro da Lanzada, xa nos anos 50-60 se realizaran excavacións dirixidas polos responsables do Museo de Pontevedra. Daquela etapa sobresaen nomes tan senlleiros como Filgueira Valverde ou Blanco Freijeiro. Pero é na actualidade cando este espazo parece acadar un impulso definitivo para investigar a súa riqueza: restos da Idade do Bronce, o castro da Idade do Ferro, a necrópole dos séculos IV e V…

Ogallá no alto do Monte Pituco puidera levarse a cabo unha experiencia semellante: que se puideran acondicionar e estudar os seus petroglifos, que se puidera musealizar algunha das mámoas próximas, que puidera investigarse máis a vida dos antigos poboadores deste lugar de orixe remota. Cómpre traballar aínda moito para merecer semellante premio, polos seus elevados custes e polo carácter aínda incipiente do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

…Vanse dando pasos enfocados á posta en valor deste territorio, á paralización das iniciativas gubernamentais que ameazan a súa integridade, á implicación social e veciñal para que aprecien o fondo calado natural, histórico e cultural do monte. Mentres tanto, seguimos con interese as evolucións da brigada número 6 que actúa na Lanzada. E soñamos con que algún día non moi lonxano teñamos a oportunidade de afondar tamén nas raíces do noso pasado.


Responses

  1. […] mediados deste mes, nun artigo titulado “O castro da Lanzada”, falabamos xa desta interesante excavación arqueolóxica, que destaca pola grande envergadura […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: