Publicado por: MontePituco | 22/11/2026

CHARLA “PATRIMONIO E ENSINO” E HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Na recta final das X Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián celebramos unha charla cos marinenses Ana Acuña e Álvaro Arizaga co lema “Patrimonio e ensino”, a partir da súa experiencia como profesores da Facultade de Ciencias da Educación no campus de Pontevedra e da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, respectivamente.

A preocupación pola delicada situación da lingua galega debido á perda de falantes e á ausencia de políticas activas de promoción; a consideración negativa que segue tendo o patrimonio entre os propietarios de terreos ‘afectados’ pola presenza de bens culturais e mesmo entre os propios profesionais da arqueoloxía, por contraposición á existencia de grupos afeccionados que fan un destacable labor de investigación e difusión dos xacementos rupestres; e a necesidade de artellar mecanismos de contacto e de traballo en rede entre os colectivos e as persoas implicadas no tecido cultural a nivel local e comarcal, foron algúns dos eixes deste encontro tan participativo, que contou coa presenza, entre o público, de representantes de entidades como a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Ronsel, Vaipolorío ou A Rula, dende Compostela, ademais de profesorado de varios centros educativos marinenses.

Na tradicional homenaxe a Xan Montenegro, quince anos despois do seu pasamento, volvemos reunirnos no Carballal arredor do monolito na súa memoria. Lemos textos do intelectual marinense Antonio Blanco Freijeiro, na véspera de que comecen as xornadas de historia que levan o seu nome; e lembramos anécdotas da súa vida, reflexo dunha personalidade xenuina e carismática. Longa memoria ao “marqués do vimbieiro”, ao “can vadío” de San Xián!


Deixar unha resposta

Categorías