
Este vindeiro 9 de outubro celébrase o Día Europeo da Arte Rupestre, unha data na que o Colectivo Monte Pituco reivindica a necesidade de impulsar o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Neste 2020 cúmprense dez anos da posta en marcha da ‘comisión técnica’ multidisciplinar que impulsou esta iniciativa, finalmente materializada en 2015 coa sinalización e inauguración da ruta por parte das Comunidades de Montes de Salcedo e de Lourizán (Pontevedra) e de San Xián (Marín).



Nos últimos cinco anos, o Espazo Sete Camiños existe na medida en que perdura o patrimonio biolóxico e cultural que o conforma, e na firmen vontade de quen nunca deixou de darlle difusión; pero Salcedo é a única entidade que mantén autenticamente o seu compromiso no mantemento dos xacementos arqueolóxicos e na mellora continua do seu territorio a nivel forestal.
No extremo oposto, San Xián desentendeuse totalmente da súa responsabilidade, desmantelando o cartel informativo que lle daba a benvida aos visitantes no acceso á pista forestal do Pornedo, ignorando a reposición dos paneis afectados por actos de vandalismo e desentendéndose por completo da obriga de conservar en boas condición os puntos de interese histórico e paisaxístico, por máis que a súa xestión dende o punto de vista forestal é máis que cuestionable: talas a matarrasa, reforestación con sistemas que agreden un solo caracterizado pola súa forte pendente, desbroce de pistas e sendeiros sen tomar medidas de cautela arqueolóxica, abundante presenza de vertedoiros ilegais de lixo… por citar algúns dos problemas máis chamativos.

A pesar de que a ruta inaugural nunca máis tivo continuidade en sucesivas andainas organizadas polas tres entidades, como tería sido desexable, son moitas as persoas que seguen botándose ao monte de xeito respectuoso para camiñar con mascotas ou practicar deporte, para visitar as mámoas, os petroglifos prehistóricos e os gravados modernos de José Meijón, para admirar a recreación do poboado neolítico construído en Chan das Mouras pola Comunidade de Montes de Salcedo e beber nas fontes instaladas a cada recanto do camiño, para rematar a xornada co espectáculo do solpor no ‘balcón da ría’, preto do conxunto rupestre do Pornedo.





Ninfa de Mantis pau (Empusa pennata)


Petróglifos das Apañadas (tamén coñecidos como do Campo de Tiro, pola súa proximidade á Brilat)
O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños podería seguir desenvolvéndose porque hai máis elementos que se poden incorporar a este itinerario, que abrangue unha das áreas de maior concentración de arte rupestre. Os gravados no outeiro dos Apañados en Salcedo, que non forman parte do roteiro ‘oficial’, ofrecen unha xenerosa combinación de círculos concéntricos e coviñas, ademais dunha ampla panorámica do Outeiro da Mina (ou Chan das Mouras).
Precisamente, neste último punto, a poucos metros da lendaria Pedra do Fundamento, chama a atención outro petróglifo formado por coviñas e círculos concéntricos realizados sobre xisto, que tampoco está destacado na guía do Espazo Sete Camiños.



Pedra do Fundamento, en Chan das Mouras

Ogallá os concellos de Pontevedra e de Marín colaborasen para incorporar o Espazo Sete Camiños ás súas respectivas ofertas culturais, educativas e de lecer. Ogallá soprasen novos ventos de cambio na Comunidade de Montes de San Xián para que o desprezo polo patrimonio arqueolóxico se transforme en respecto, aprezo e revalorización.

Deixar unha resposta