Merendeiro ao lado da estrada do Caeiro, baixo o Miradoiro do Pornedo: onde van comer, de festa, pinchar a insulina, tirar sofás, colchons, neveiras… Sen ser punto de recollida nin nada! Antes había un contenedor. Antes! O Concello de Marín quitouno para ‘evitar’ este tipo de verteduras.
Recolte, a empresa a que hai que avisar en Marín ANTES de tirar as cousas onde pete (tlf 886906892) está ao tanto, deste e de varios puntos máis non oficiais, e van ir recollendo cando poidan.
Publicación de Sain_indo en Instagram
Atopar nunha rede social tan populosa como Instagram unha publicación sobre o máis que penoso estado da arboreda do Pornedo, convertida nun basureiro ilegal, cheo de lixo e de enseres voluminosos abandonados, debería facerlle caer a cara de vergoña aos responsables do mantemento deste espazo -a Comunidade de Montes de San Xián- e a quen lle corresponde a xestión dos residuos -o Concello de Marín- pola lamentable imaxe que se ofrece diariamente ás numerosas persoas que circulan por esta estrada provincial e aos habitantes desta parte do rural marinense, que vemos -e denunciamos- como a cotío se desprazan vehículos para depositar nesta zona, tanto a plena luz do día como a horas intempestivas, todo tipo de refugallos: colchóns, mobles, electrodomésticos, entullos de obra, restos de poda…
Levamos dende agosto solicitando -e agardando- que o Concello de Marín retire unha ducia de vertedoiros localizados en distintos puntos do Monte Pornedo, ante a indiferenza da Comunidade de Montes de San Xián, máis ‘interesada’ en que se acentúe a progresiva degradación do Pornedo a nivel natural, paisaxístico e patrimonial.
Pero nesta loita xa non estamos sós! Contamos coa solidariedade de quen observa este patético panorama e, lonxe de pasar de longo, non só se molesta en RECOLLER O LIXO, notificarlle a súa presenza á empresa concesionaria do servizo de limpeza e, ademais, denunciar esta situación nas redes sociais para chamar a atención e apelar á conciencia -se é que algo lles queda dela- dos que terían que estar atendendo as súas obrigas en vez de mirar para outro lado.
O rural marinense non pode serguir así por máis tempo! San Xián non é a única parroquia onde o lixo forma parte, indigna e desafortunadamente, da realidade cotiá. Urxe unha campaña informativa -como ten posto en marcha recentemente o Concello de Poio- e con medidas sancionadoras, para que os autores destas verteduras saiban que as súas accións non só atentan contra os bens comúns, a hixiene e o dereito a un entorno decente, senón que ademais non van quedar impunes.
Deixar unha resposta