Publicado por: MontePituco | 06/08/2020

MÁIS VERTEDURAS… DENUNCIA!

Verteduras na pista forestal do Pornedo

O colectivo Monte Pituco vén de solicitarlle ao Concello de Marín a retirada das numerosas verteduras ilegais que se localizan en diversos puntos do Monte Pornedo, ou Pituco, ante a falta de iniciativa da Comunidade de Montes de San Xián. Algúns dos refugallos foron abandonados nas últimas semanas, outros remóntanse ao recente período da desescalada posterior ao confinamento provocado pola pandemia de coronavirus, aínda que tamén segue habendo lixo cuxa presenza xa foi denunciada en agosto de 2019.

Dende o colectivo Monte Pituco cualifican de preocupante a proliferación destas agresións ao medio ambiente, das que se teñen contabilizado unha decena de casos entre a pista forestal principal do Pornedo e a arboreda situada no seu inicio, camiños secundarios e a vía de servizo paralela á Variante de Marín. Nesta última sitúase unha voluminosa vertedura de restos de obra, cemento, ladrillos e outros materiais de construcción, ao carón dun dos túneles deste vial.

No lugar da Fonte das Pulgas tamén se localiza un considerable foco de contaminación con obxectos de procedencia doméstica, como electrodomésticos, colchóns, enseres vellos, recipientes de cociña, roupa e calzado. Hai máis verteduras destas características -bolsas de plástico cheas de desperdicios, potas, grellas e outros refugallos- preto dos petróglifos de Sete Camiños.

Recente foco de contaminación, preto dos petróglifos de Sete Camiños

Algúns destes vertidos permanecían semiocultos pola vexetación ata que, unhas recentes tarefas de desbroce os deixaron completamente á vista. Por unha banda, todos estes entullos e refugallos representan unha pésima imaxe para un enclave de gran valor cultural e paisaxístico integrado na ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo.

Ademais do aspecto deplorable que ofrece, a presenza de lixo no monte provoca un indesexable “efecto chamada” que acentúa o risco de que aumente o número de verteduras realizadas por xente desaprehensiva e irresponsable. A isto súmase que a maior parte destes residuos -plásticos, madeiras, materiais téxtiles e sintéticos, restos vexetais procedentes de podas…- supoñen un serio perigo en plena época de incendios forestais, polo seu carácter altamente inflamable.

Por todo isto, o colectivo Monte Pituco insta o Concello de Marín a que, en coordinación coa Comunidade de Montes de San Xián -que como titular dos terreos ten a obriga irrenunciable de velar polo seu óptimo mantemento-, procedan a retirar urxentemente todas estas verteduras. A entidade veciñal ofrece a súa colaboración na identificación dos puntos onde se atopan e tamén demanda a aplicación de medidas efectivas para tratar de reducir a incidencia destas agresións, como repoñer a sinalización disuasoria contra os vertidos nos accesos á pista forestal do Pornedo, de onde foi retirada.

Denuncia perante o Concello de Marín pola proliferación de verteduras


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: