Xa está case rematado o mural de graffiti que se está realizando debaixo do enlace coa autoestrada, nun obradoiro xuvenil coordinado por O Ras e organizado por Vaipolorío, no marco nun programa municipal de lecer
Remataba a primeira xornada da XX Campaña de Limpeza do Gafos que organiza Vaipolorío e un peregrino que camiñaba en grupo, ao observar o transporte das bolsas cheas co lixo retirado, dixo: “Grazas polo labor que realizan”. E coa satisfacción desas palabras sinceiras hai quedar, co recoñecemento social que xa supuxo varios premios na brillante traxectoria deste colectivo ecoloxista. Tamén cómpre valorar o aspecto xeral do río e da súa contorna, coa presenza de poucos residuos; sinal dunha crecente concienciación veciñal de respecto á natureza.
Na parte negativa, a preocupación polo escaso nivel do cauce fluvial a causa da prolongada seca e das numerosas captacións de auga nas vivendas situadas preto do río que, en ausencia de chuvias, merman considerablemente o seu caudal.
O vindeiro domingo, nova xornada de limpeza! Unha oportunidade para colaborar nunha boa causa e tamén para admirar a rica biodiversidade deste fermoso recuncho, catalogado como Espazo Natural de Interese Local.
Unha vintena de participantes, entre integrantes de Vaipolorío e voluntarios, sumáronse a esta xornada. Divididos en dous grupos, uns traballaron río arriba a partir do inicio da senda rural e outros actuaron río abaixo cara á zona urbana. Botellas, potas de cociña, latas de bebida, envoltorios de plástico, sacos e restos de bolsas de plástico, as terribles ‘toalliñas’ e ata un paraugas foron algúns dos refugallos retirados do río. Como en anteriores ocasións, mentres dúas persoas provistas de vadeadores realizaban a limpeza dende o interior do leito, as demais recollían o lixo nas marxes e daban soporte aos primeiros.
“Contemplando o val dende os montes próximos, podemos observar o río como se dunha cobra arbórea se tratara, que vai zigzagueando polo fondo do val entre veigas, sucando solos profundos con influencia freática. O bosque que se instala ao longo das dúas beiras do río recibe o nome de bosque ripícola…”
Flora do río dos Gafos: Francisco Javier Silva-Pando e Amancio Castro (Vaipolorío, Concello de Pontevedra, 2015)
Deixar unha resposta