Sempre é pracenteiro e percorrer a ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Sobre todo cando se cruza o umbral imaxinario que dá paso á Comunidade de Montes de Salcedo, exemplo de transformación revolucionaria e de xestión avanzada do monte veciñal en termos de aposta polo bosque autóctono e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural-etnográfico.
Experiméntase unha mestura de sana envexa por pertencer a outra comunidade onde eses conceptos son extraterrestres; mais tamén un grande orgullo pola modestísima achega que fixemos cando o Espazo Sete Camiños era un proxecto do que fomos parte activa.
Entre os diversos gravados de Chan das Mouras, un detalle da rocha número 5 é o noso predilecto, pola determinación de quen fixo o petróglifo para embelecer un pequeno resalte na pedra.
“A memoria das pedras debuxa telegramas na inocencia do frío”.
Son palabras de Lupe Gómez en “Fosforescencias”, un libro de cartas que a poeta de Fisteus -amiga das vacas- editou o pasado ano en Alvarellos, con ilustracións de Anxo Pastor. Este Premio Gala do Libro 2020 á obra mellor editada é a nosa recomendación no Día das Letras Galegas.
“Somos caracois que avanzan tranquilamente nun xardín de dalias iridescentes”
…Día das Letras Galegas o ano enteiro…
Deixar unha resposta