Canto se bota de menos a paisaxe, a natureza, o colorido, o patrimonio, a brisa… do ‘balcón da ría’! Dende hai dez anos non pasara tanto tempo sen a visita de rigor ao miradoiro do Pornedo. Mais comprobamos con entusiasmo que a auga, as plantas, a vida segue o seu curso. Hoxe o monte foi o lugar elixido por moitos paseantes e deportistas na primeira xornada desta fase inicial de desconfinamento progresivo. Sentidiño… e ánimo!
A pista e os sendeiros do Pornedo foron transitados por camiñantes, deportistas correndo ou pedaleando. Por desgraza, tamén había algún que outro conductor circulando en vehículos, malia que non estivese permitido facer desprazamentos
Na ladeira do Pornedo, o vello (e agora solitario) piñeiro exerce de vixía
Ao carón do único supervivente do piñeiral, o rego das Presas volve lucir verde co exuberantes fento real. As chuvias dos últimos días fan que o caudal sexa xeneroso, ideal para a fauna acuática que abunda neste modesto curso de auga
As xestas florecidas deste recén estreado maio dan a benvida ao sendeiro que conduce ao miradoiro e o conxunto rupestre do Pornedo
A vexetación rodea os petróglifos do Pornedo, a xoia patrimonial desta contorna, xunto cos gravados de Sete Camiños e de Ponal de Caeiro
Primavera verde e colorida coa floración das xestas, dos estalotes e doutras moitas pequenas plantas
O ‘balcón da ría’ reverdecido, cuberto de nubes, coa bruma desdebuxando o horizonte. Curta pero intensa, esta primeira de moitas próximas visitas ao miradoiro do Pornedo!
Deixar unha resposta