Publicado por: MontePituco | 13/01/2020

RUTA POR VILABOA: MONTE CABALO E ENSEADA DE LARACHE

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

A primeira andaina da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo neste recén estreado 2020 serviu para coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural do Monte de Cabalo e a contorna da Enseada de Larache, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. Estes espazos están catalogados actualmente como solo rústico de especial protección paisaxística, forestal, de costas, agrario, de augas e patrimonial.

O itinerario transitou polos lugares de Barciela, Porta Mauricio, Matos da Igrexa, O Piñón, A Cavada do Cabalo, Punta do Cabalo, A Lagoa, Conchido, Larache, O Cano de Larache, O Regueiro, A Veiga Grande, Xundice, A Carreira, O Gramón, O Con, A Cavada Vella, A Toxeira, O Regueiro, O Cano de Larache, Larache, Mangoeiro, Porta Mauricio e Barciela. Topónimos ben valiosos que, como patrimonio inmaterial que son, tamén cómpre evitar que caian en desuso e desaparezan.

O Monte de Cabalo é un zoónimo que ben referencia a súa orografía, ben alude á presenza histórica deste animal. No caso da Cavada do Cabalo, atende ao labor tradicional de roturación do terreo desde tempos pretéritos. Hoxe en día está cuberto na súa maioría por arborado, entre plantacións forestais de piñeiro e de especies caducifolias autóctonas, de carballos, cerdeiras e castiñeiros, á parte da presenza espontánea das sobreiras.

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

Na franxa litoral da beiramar e na zona desde Conchido ata Larache é salientable a presenza de varios exemplares de carballos de grande envergadura e mesmo a formación natural de fraga e carballeira. Nas áreas máis húmidas dáse tamén espontaneamente e, de xeito natural, a presenza de especies máis propias de ribeira, como ameneiros e salgueiros.

82865942_2917062474992471_575464427264933888_o

Entre as especies arbustivas destaca unha importante biodiversidade coa presenza de loureiros, abelaneiras, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, xilbarbeiras, carrascas e carrascos, carpazas, toxos e érbedos; mais tamén a xesta do mar ou o trovisco que, xunto coa presenza arbórea da sobreira, amosa que á parte da prevalencia das especies propias do ámbito climático atlántico, de xeito asociado, está tamén a presenza das últimas dentro do clima mediterráneo.

Por outra banda, tamén destaca pola súa importancia paisaxística e xeomorfolóxica como rexio entrante de natureza granítica no sedimentario e lamacento fondo da ría, moldeado polo complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. Cunha altitude máxima de 125 metros sobre o nivel do mar entre a contorna das enseadas de Larache e Vilaboa, co Monte do Castro da Croa por medio, e o val de Cobres, desde os altos da Serra Basil e a Serra Domego, co Coto do Home, ata os núcleos rurais de San Adrián e Santa Cristina, posúe unhas excelentes panorámicas en primeira liña da Enseada de San Simón, coa illa do mesmo nome e As Erbedosas no outro extremo, ao fondo.

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

Vista do Alto da Peneda e das illas Erbedosas dende Larache

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

A contorna da Enseada de Larache está composta por unha mestura de ecosistemas, tanto arbóreos como arbustivos e de ribeira, ao que se lle engade o medio seminatural e antropizado cun rico mosaico de cultivos en réxime agropecuario.

81895450_2917060811659304_1037173634923233280_o

Destaca a presenza climácica da carballeira termófila e con exemplares centenarios, a de pequenas formacións de abeledas á beira da enseada e a asociación de ameneiros e salgueiros xunto coa máis escasa do bidueiro á beira do rego de Larache que, tras varias vertentes –de aí os hidrónimos Cano e Regueiro-, desemboca na propia enseada, da que ademais conforma un corredor ecolóxico, mestura do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas e do hábitat natural prioritario de bosques aluviais de Europa atemperada.

Entre a flora menor destaca a gran presenza de fentos, desde a epífita e macaronésica cabriña arredor da cortiza dos carballos, ao dentabrú, a fentalla, o fento negro, o fento das pedras, o fento femia ou o fento macho escamoso. Tamén se atopan en abundancia brións, liques e fungos.

A maior parte do medio agrario está destinado a prados, cultivos de cereais e viñedo. Ademais da importancia social e económica a nivel local e tradicional, do que se conservan varios microtopónimos, ten relevancia a nivel paisaxístico e ambiental como espazos abertos e seminaturais, bordeados pola presenza da climácica carballeira, co bosque de ribeira ao seu carón.

Fronte ao Monte de Cabalo e á contorna da enseada de Larache está o espazo da ribeira do mar pertencente á Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón, cunha rica e importante biodiversidade ribeireña e marismeña, e onde na fase invernal se xuntan de media unhas 3.500 aves invernantes acuáticas e mariñas. Sobresae cualitativa e cuantitativamente a presenza de garzas, patos, mazaricos, biluricos, píllaras, gaivotas, corvos mariños… tendo en conta que tamén se trata dunha importante zona produtiva para o marisqueo.

A nivel cultural é salientable a presenza da Casa Grande de Larache, con dous bloques de edificios de dous andares en forma de “L” e terreos arredor que antano cumprían a función de granxa agraria, con orixe entre os séculos XVII e XVIII. Tivo varias ampliacións ao longo do século XIX e finalmente foi rehabilitada entre principios e mediados da década pasada para ter o uso actual de casa rural a nivel hostaleiro. Posúe un hórreo e, noutro tempo, seica tivo unha capela en devoción a San Gregorio.

Dentro da ribeira do mar, na proximidade, están as ruinas da antiga salina da enseada de Larache, ou tamén chamada de Ulló de Abaixo. É unha das catro que, na mesma zona, foron xestionadas entre finais do século XVII e principios do século XVIII pola Compañía de Xesús e posiblemente vencellada, xunto cos terreos dos arredores, coa antiga casona ou pazo da Larache. Á beira da enseada existe unha pequena edificación en pedra que, nos seus inicios, puido ter a función de alfolí ou almacén estanco do sal obtido nesa salina.

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

No extremo oeste do Monte de Cabalo tamén é salientable a existencia do petróglifo de Outeiro do Millo, con coviñas e cruciformes, e do xacemento medieval do Cuarto, da Santa ou Tras do Adro, onde estivo ubicada a antiga igrexa parroquial e ao mesmo tempo se atoparon os restos de antigos sartegos funerarios da época xermánica.

Petróglifos de Outeiro do Millo

O Monte de Cabalo e a contorna da Enseada de Larache, xunto co Monte do Castro da Croa, en Acuña, estiveron integrados ata hai pouco dentro do espazo natural de Mar de San Simón, segundo as antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

As principais afeccións nas últimas décadas ao Monte de Cabalo e á contorna da Enseada de Larache foron a eucaliptización, a invasión das acacias, o urbanismo incontrolado, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, antenas de telecomunicacións, infraestruturas deportivas, xunto co abandono e a degradación do patrimonio cultural e ambiental.

Ruta da Plataforma Montes do Morrazo por Vilaboa

Miradoiro de Monte Cabalo, inutilizado pola presenza de acacias

No alto do Monte Cabalo, preto do miradoiro, onde antano había un antido campo de tiro, o Concello de Vilaboa creou o primeiro Punto Verde Municipal a través dun convenio coa Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres. Trátase dunha zona de compostaxe e depósito de restos vexetais procedentes da poda e desbroce dos parques e xardíns dependentes da Administración local, e onde tamén a veciñanza pode depositar residuos deste tipo. Está prohibido verquer bolsas de plástico, enseres domésticos e madeiras tratadas.

En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta a clasificación de Área de Especial Importancia Paisaxística (AEIP) para o espazo natural de Mar de San Simón segundo as antigas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra e Ámbito de Especial Atención Paisaxística (AEAP) para o Monte de Cabalo e o Monte da Croa- Castro de Acuña, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Texto: Cándido Martínez, da Plataforma Montes do Morrazo

Fotografías: Colectivo Monte Pituco

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: