Algo chama a atención dende o chan na subida ao miradoiro do Pornedo. Entre a herba e os fentos aínda secos do inverno, asoman dúas floriñas malvas: Polygala vulgaris. É unha pequena planta que nalgúns lugares se denomina “herba leiteira” porque alí onde abunda as vacas que a comen seica dán mellor leite. O chamativo é que florece entre abril e xuño, segundo a “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García.
Estamos a 26 de xaneiro, unha data na que casualmente se conmemora o Día Mundial da Educación Ambiental. De verdade segue habendo negacionistas do cambio climático? Se xa os salgueiros agromaron, se a floración se adianta cada vez máis, quen nos seus cabales segue rexeitando a evidencia do quecemento do planeta? En serio non hai conciencia abondo sobre a situación de emerxencia -xa non para a supervivencia doutras especies en perigo de extinción- para a propia humanidade? Acaso entre tod@s non podemos facer cada un/unha de nós algo para mudar esta situación? Dende prescindir do coche un día á semana ata reducir paulatinamente o uso do plástico, ou acender só as luces necesarias? Pequenos xestos cotiás suman unha revolución global…
Deixar unha resposta