Publicado por: MontePituco | 06/01/2020

CAPELA DOS SANTOS REIS, EN BUEU

82428966_2902187296479989_2198482995910803456_o

“Este santuario constituye mi obra integral como artista: tracé los planos, realicé el proyecto, dirigí la construcción, tuve carta blanca para la ornamentación interior del templo… prácticamente hice todo”.

Urbano Lugrís, nunha entrevista en Vida Gallega (1961)

 

A capela dos Santos Reis, situada no lugar de O Valado, en Bueu, é un dos dous únicos templos en Europa dedicados á Epifanía. O outro sitúase na catedral da cidade alemá de Colonia.

A súa construcción encargárona en 1686 os propietarios do pazo de Castrelo, sendo inaugurada polo párroco de Bueu naquel tempo, Fernando de la Rúa Freire. Co tempo deixou de utilizarse, a edificación derrubouse e a trintena de esculturas de pedra que había no seu interior acabaron dispersas en diversas vivendas da vila. Unha representación de Baltasar foi a única peza que se conservou nunha pequena fornela, permitindo que a devoción polo Santos Reis non esmorecese de todo.

Planos e bosquexos de Urbano Lugrís

Non sería ata 1948 cando o Concello de Bueu -co empresario José María Massó como alcalde- decidiu erguer unha nova capela preto do enclave inicial, e con fermosas vistas da ría, do val de Bueu e do Pazo de Santa Cruz: o seu amigo Urbano Lugrís, un dos principais referentes pictóricos do surrealismo en Galicia, foi encargado de realizar o proxecto -os bosquexos orixinais (ou copias, segundo outras fontes) conserváronse primeiro no Salón de Plenos da Casa Consistorial e posteriormente no Museo Massó- e tamén o retablo interior, nunha obra global que incluíu planos, arquitectura, pintura e escultura; por outra parte, a Victoriano Barcala foille encomendada a construcción. A inauguración celebrouse o 4 de outubro de 1953.

Fachada principal da capela dos Santos Reis

Dende o punto de vista estrutural, a capela ten planta rectangular, de 5×6 metros aproximadamente, con cuberta a catro augas. Na fachada presenta un arco de medio punto que se apoia nuns sillares que sobresaen formando un pequeno pórtico. No alto do arco destaca un crismón cunha cruz aspada. O estilo de Lugrís evidénciase na ornamentación a base de motivos mariñeiros: un barco de vela, unha áncora, un peixe, unha cuncha de vieira, unha gaivota, a rosa dos ventos e unha balea.

Nos laterais, a modo de falsos contrafortes, erguéronse catro columnas de pedra con cadanseu evanxelista, dos cales un tampouco é o primixenio. Adornando os soportes dos saíntes graváronse cunchas de vieira, mentres que a decoración elixida para as fiestras en arcos de medio punto foron, respectivamente, unha roda de temón e unha áncora. O remate da fachada posterior é unha espadana en arco da que pende unha campaíña.

Pero a conservación duraría pouco porque nos anos 70 o deterioro do tellado fixo que a cuberta colapsara e o patrimonio fose espoliado, tanto as figuras ornamentais, entre as que había unha talla de madeira que representaba os tres Reis Magos (hai bibliografía que lla atribúe aos irmáns Ribas de Santiago), como o valioso retablo de madeira dividido en tres corpos que contiña cinco cadros de Lugrís: un lenzo grande no centro e dous verticais a cada lado.

Tamén foron roubadas -e substituídas en 2005- as imaxes da Virxe e de San Xosé deseñadas por Lugrís que se situaban nas fornelas dos contrafortes que hai a ambos lados da pórtico de entrada.

81432217_2902187886479930_9145599271569981440_o

A Asociación Cultural Santos Reis encárgase de manter a tradición que cada 6 de xaneiro honra os Magos de Oriente, cunha romaría na que non faltan a misa, a música e o baile folclórico galego, e que remata ofrecéndolles roscón e chocolate aos fregueses.

O libro da exposición “Lugrís: paredes soñadas” organizada en 2017 por Afundación recolle información sobre o papel deste grande artista na recreación da capela. Entre a información que contén, un artigo inédito do xornalista Otero Ricart afirma que malia a importancia de Lugrís nesta obra tan excepcional, unha auténtica xoia patrimonial no Morrazo, “o seu nome apenas aparece citado na detallada documentación que sobre o proxecto se conserva no Concello”.

81271964_2902189909813061_4148580826138804224_o


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: