Un grupo de propietarios de fincas situadas no lugar d’A Pena que se regan con auga procedente do rego das Presas, situado na ladeira do Monte Pornedo (Pituco), remitiulle a pasada semana un escrito vía burofax á Comunidade de Montes de San Xián nos seguintes termos:
“Como é do seu coñecemento, a auga deste regato é utilizada para o rego dunha gran cantidade de parcelas situadas n’A Bouza e n’A Pena, polo que toda corta de madeira que afecte ao regato debe contar coa previa autorización por parte do organismo Augas de Galicia (Demarcación Hidrográfica Galicia – Costa), tal e como esixe a Lei 9/2010, de 4 de novembro, de Augas de Galicia, constituíndo a súa omisión unha infracción sancionada nos artigos 85 e seguintes da citada lei, o que se pon no seu coñecemento a fin de que o teñan en conta respecto da corta a matarrasa que esta Comunidade de Montes está realizando sobre o piñeiral existente no Monte Pituco (Pornedo).
Requíreselle que, na execución da tala de madeira que están realizando a matarrasa no Monte Pituco (Pornedo), procedan de forma que quede salvagardado o citado regato, a canalización da auga do mesmo cara ás fincas (que deberá quedar limpa e libre de todo resto de corta, para evitar o seu atoamento) e demais dereitos de todos os regantes, así como de forma que se eviten futuros danos e perxuízos ás leiras d’A Pena, que se poidan derivar como consecuencia das escorrentías que poidan producirse coa chegada das chuvias, ao realizarse a tala a matarrasa nunha zona de ladeira, ao pé da cal se atopan as citadas fincas”.
A empresa madeireira, da que cómpre destacar a empatía do equipo que está traballando por encargo da Comunidade de Montes, segue derrubando todo o piñeiral que abrangue o que antano era o perímetro do polígono industrial anulado por senllas sentenzas do TSXG contra o Concello de Marín e a Xunta. Curiosa coincidencia. Supostamente o propósito é que o bosque natural forxado durante moitas décadas se convirta nunha plantación forestal que seica se dedicaría a piñeiro. Outra curiosa coincidencia: o recente anuncio de creación da Fundación Arume e da marca Pino de Galicia, co auspicio de 50 entidades do sector madeireiro e Abanca.
Como responsable destes traballos, a Comunidade de Montes ten a obriga de garantir que non queden restos da tala ciscados, especialmente nunha zona de gran desnivel que, polo efecto da erosión e da pluviosidade, poidan afectar o rego das Presas, o rego do Pornedo e as conduccións da auga de regadío cara ás fincas da Curxeira e aledaños.
Como responsable destes traballos, e ante a posibilidade de que a corta continúe pola parte inferior da Variante, preto do núcleo de vivendas d’O Caeiro, a Comunidade de Montes tamén está na obriga de garantir a protección do conxunto rupestre catalogado de Pinal de Caeiro, coñecido como O Ciclista. Polo tanto, é imprescindible que haxa autorización previa de Patrimonio, que a tala se produza baixo supervisión arqueolóxica balizando a zona na que se atopa o xacemento, e respectando escrupulosamente a distancia de seguridade que estableza Patrimonio entre o punto no que se localizan os gravados rupestres e a zona na que se inicie a tala.
Non queremos ningunha agresión máis como a que afectou o conxunto rupestre da Carrasca en 2017. Non queremos máis ameazas contra a integridade do Monte Pornedo con talas a matarrasa que representan unha agresión ambiental en toda regra, deixando totalmente desprotexido un espazo sensible polas súas cualidades xeotécnicas, e que se sostiña grazas ás raíces do arborado que o cubría. Despois de ter o recoñecemento dos tribunais contra unha urbanización industrial ilegal, non queremos máis infraestruturas que devalúen os valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos do Monte Pornedo, especialmente atendendo á riqueza hidrolóxica do subsolo.
Deixar unha resposta