Estas foron as palabras de benvida ao público que acudiu o pasado venres á Adega A Capeleira, en Marín, para asistir á primeira parte das II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, co lema “Unha dobre loita xudicial gañada a pulso”, cos avogados da Asociación Monte Pituco, Juan e Rafael Areses, como protagonistas.
Boa tarde, benvidas e benvidos e moitas grazas por acompañarnos nestas II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián.
Como sabedes, este local non é o espazo natural dun encontro que por lóxica se debería celebrar na nosa parroquia. Estamos aquí exiliados polo veto, a vinganza e a represión da Comunidade de Montes de San Xián, que o ano pasado nos prohibiu celebrar a primeira xuntanza no bar da Casa de Montes en castigo por ter denunciado -como era a nosa obriga cívica, porque do contrario seriamos encubridores e cómplices- unha agresión ao conxunto rupestre da Carrasca cometido pola neglixencia da propia directiva das comuneiras e comuneiros. Daquela, acudimos a Camilo e inmediatamente atopamos nel a colaboración que se nos negou onde debería ser a nosa propia casa. Este ano, a A Capeleira pechaba por vacacións durante estes días pero Camilo ofreceuse a abrirnos as portas da adega para podermos celebrar este encontro, así que o primeiro agradecemento vai para el pola súa hospitalidade e pola súa deferencia. Moitas grazas.
Estas II Xornadas teñen unha significación moi especial, moi importante: hai un ano por estas datas xa coñeciamos a sentenza do TSXG do 18 de maio de 2017 que lle ordea á Xunta retirar o Monte Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. Pero non sería ata o 23 de novembro dese mesmo 2017 cando o TSXG volveu darnos outra alegría coa segunda sentenza que obriga o Concello de Marín a anular a clasificación do Pornedo como solo industrial. A estas alturas, ambos dictames xa son firmes: o primeiro dende o 1 de setembro de 2017 e o segundo dende o 23 de xaneiro deste 2018. O Monte Pornedo, ou Pituco, está xuridicamente a salvo da desfeita que pretendían o Goberno local de Marín e a Xunta de Galicia coa implicación de tres entidades que prestaron o seu nome a unhas alegacións favorables á instalación dun polígono industrial no ‘balcón da ría’: Asociación Virxe dos Remedios, Revestimientos Tito e Eventos Dibay. Todos derrotados nos tribunais.
[Cerámica obsequiada aos participantes no Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’, elaborada en Alén das Olas]
E esta “Dobre loita xudicial gañada a pulso”, como titulamos o lema destas II Xornadas, foi posible grazas a un equipo xurídico formado por Juan Areses e Rafael Areses, pai e fillo. Este encontro está concebido como un recoñecemento ao seu traballo: oito longos anos de acopio de documentación, de estudo de farragosa lexislación urbanística, de presentación de recursos e comparecencias. Vaia pois un brinde por eles, de agradecemento ao seu compromiso e para que sigan colleitando logros que axuden a darnos esperanza aos idealistas e soñadores que seguimos crendo nun mundo mellor, máis xusto, máis sostible, menos corrupto, menos sometido aos caprichos e intereses dos que ostentan o poder.
E este arduo camiño no que houbo que aturar dende insultos, ata duras campañas de desprestixio persoal e profesional, pasando por ameazas máis ou menos veladas, non tería sido igual de transitable ou levadeiro sen a axuda e o apoio familiar, das veciñas e veciños simpatizantes da Asociación Monte Pituco, a Plataforma Montes do Morrazo, o grupo ‘Petroglifeir@s’ e o novo equipo do Colectivo Feminista Zeivas que respalda a celebración deste encontro. Se algo quedou patente neste tempo –ademais de aprender ‘algo’ sobre curvas de nivel, intervisibilidade, petroglifos, mámoas, canteiras, lendas, endemismos botánicos, saramagantas rabilongas e demais bichería do Monte Pornedo– foi o machismo dos ‘señoros’ que non se afán a que haxa mulleres que os rebatan con argumentos imbatibles, e por riba lles gañen as batallas e a guerra: Monte Pornedo 2 – ProPolígonos 0.
Esta charla tamén vai para eses que, como o ex-edil de Xardíns e cabeza de lista do Psoe, mentiu afirmando sen rubor e amparándose na súa capacitación profesional, que o Monte Pornedo era “o sitio máis chan de todo Marín”; como o ex-edil de Urbanismo que proclamou en sede plenaria que se a pertenza do Pornedo ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo era impedimento para a construcción dun parque empresarial, “desaféctábase e punto”; o mesmo que amedrentaba a veciñanza do Pornedo con frases tan prepotentes como “ídesvos joder (sic) que vos van poñer o polígono”; o mesmo que anos despois se desdicía de todo aquilo proclamando que un parque empresarial no Pornedo era “inviable e non se ía construír na vida”.
Tamén está pensada para líderes emerxentes como este sucesor do anterior purgado que utiliza o seu cargo orgánico e a acta da súa concelleira de confianza para repartir “zascas” e pendurarse medallas aproveitándose do traballo dos colectivos sociais, porque é máis doado facer mocións lendo as noticias que se publican no xornal que dirixíndose ás fontes desas informacións tan electoralmente apetitosas.
E por suposto, aínda que con poucas expectativas de receptividade, esta charla está dirixida aos botarates que querían dous polígonos no Monte Pornedo, aos que acuñaron expresións tan delirantes como “as pedras do 2000” ou “as pedras non dan de comer”, aos que son felices pronunciando o palabro “petroglíficos”, e aos teñen empregado apelativos malsoantes como “sinvergüenza” ou “impresentable” para atacar a quen representa este modesto colectivo veciñal. Oubearon en balde.
A ristra de inimigos é longa. Pero a ningún lle hai que ter medo, por máis que se nos aconselle non desprazarnos máis lonxe da conta indo polo monte, ou que teñamos coidado co que publiquemos no blog do Monte Pituco. Se algún dereito cómpre defender é o exercicio da liberdade de expresión.
Juan Areses procede dunha estirpe de abogados; unha saga que continúa con polo menos dous dos seus fillos exercendo esta profesión no despacho familiar. En 2016 recibiu a Medalla ao Mérito no Servizo da Abogacía que lle concedeu o Pleno do Consello Xeral da Avogacía Española a instancias da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra. Antes de asumir a representación legal da Asociación Monte Pituco, foi o abogado da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres nos recursos deste colectivo contra os recheos portuarios ilegais e contra o ramal ferroviario que atravesa ilegalmente a Praza dos Praceres: “Hai moitos anos que non creo na Xustiza, só creo na forza dos movementos veciñais”, afirmou nunha entrevista publicada por La Voz de Galicia en 2009.
Nese mesmo medio tamén cuestionou o comportamento das Administracións ante os dictames xudiciais que avalaban as demandas sociais: “Xa sabemos todos como funcionan. Son decisións políticas e non importa quen teña a razón ou o que estea ben ou o que estea mal. Hai obxectivos e cúmprense. O único que vexo claro é que aquí ninguén se trabuca. Cando os tribunais din que unhas actuacións son ilegais, todos din que estaban de acordo no contrario do que se fixo. Ninguén entoa o mea culpa. E a Administración? Ten os seus obxectivos e non lle importan as razóns legais en absoluto”.
Con Juan e Rafael Areses conversamos sobre as similitudes e diferenzas dos casos impulsados pola Asociación Monte Pituco e pola Plataforma dos Praceres, cunha cunha notable diferenza entre ambas: no Pituco non chegaron a iniciar as obras, mentres que nos Praceres e no Porto loitouse contra feitos consumados.
[Xoán Torres, da Plataforma en Defensa da Praza de Praceres]
Tamén se criticou o papel das Administracións como ‘apisonadoras’ capaces de elaborar proxectos con nula coherencia interna. No caso do PXOM de Marín, a memoria ambiental dicía que no Pornedo había unha “capacidade limitante absoluta” para acoller proxectos industriais e residenciais. Cabe preguntarse logo como foi posible que clasificase como solo industrial un espazo que ambientalmente é susceptible de protección, no propio documento do Planeamento.
Entre as contradicións incomprensibles tamén se lembrou o proxecto inicial de polígono que plantexaba o Plan Sectorial da Xunta, a cabalo entre Pontevedra e Marín. Mentres que Pontevedra alegou en contra argumentando que a zona afectada estaba clasificada como de interese arqueolóxico, no terreo lindante de Marín o Concello catalogaba ese terreo como solo industrial.
E malia as dúas sentenzas firmes e irrevogables acadadas contra o polígono industrial proxectado no Pornedo, fíxose fincapé na necesidade de seguir velando polo ‘balcón da ría’ e da súa contorna para impedir que os pro-polígono volvan pousar as súas gadoupas del amparándose nas ‘facilidades’ da Xunta en canto á desprotección de espazos naturais que antano tiñan certo nivel de salvagarda.
[Reportaxe fotográfica, Fran Currás]
Deixar unha resposta