O Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’ agradeceu o envío de imaxes aos participantes agasallando a cada un/unha cunha peza cerámica que, en forma de broche ou aplicada nun marco, representaba detalles dos petróglifos do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro. O taller cerámico Alén das olas, de Marín, colaborou de xeito importante facendo posible que a Asociación Monte Pituco puidese elaborar estes obsequios: así, traballamos nas instalacións do obradoiro, utilizamos as súas arxilas e as súas ferramentas, seguimos as instruccións de Laura Villanueva e Xermán Iglesias no modelado das formas, o engobe, o gravado e o retoque das figuras, e foi no seu forno onde se coceron as pezas e se remataron cunha segunda cocción tralo esmaltado.
O toque final consistiu en aplicar os broches cunha cola especial de dobre compoñente no caso das figuras que se converteron en prácticos prendedores, ou darlles unha finalidade decorativa poñéndolles un marco de madeira.
Agardamos que o resultado fose do agrado dos destinatarios destas pezas, que tamén foron destinadas ás persoas que conformaron o xurado do certame. Dende a Asociación Monte Pituco, moitas grazas a Alén das olas pola súa complicidade, unha vez máis.
Logo de estirar o bloque de arxila, cortamos as pezas coa forma desexada
Aplicamos o engobe con dúas técnicas: pincel para un acabado máis uniforme, ou esponxa, para que o engobe cubra a arxila de xeito desigual
Unha vez seco o engobe, trazamos a figura -previamente debuxada ou calcada- utilizando un punzón
Detalles dos xacementos arqueolóxicos de Pinal de Caeiro, Pornedo e Sete Camiños foron os trazos representados. Tamén o petróglifo desaparecido no Outeiro da Pena, a partir dunha fotografía que se conserva do gravado
Despois de retirar con coidado os restos das virutals utilizando un pince, retocamos os laterais da peza con engobe, para deixar secar, cocer, esmaltar e volver darlle calor no forno, a altas temperaturas
Velaquí a representación dun fragmento do gravado rupestre do Pornedo, na propia laxe que contén o petróglifo
Deixar unha resposta