Afincado en Marín, Juan Rivas (Pontevedra, 1974) licenciouse en Belas Artes na Facultade de Pontevedra e completou a súa formación en Londres, Austria e Almería. Compaxina o seu traballo como profesor de ensino medio coa súa faceta artística, que ten plasmado en varias exposicións e libros ilustrados.
Iniciada arredor do ano 2014, “Pintura no lugar” é unha serie da que forman parte moitas fotografías que o autor comparte nas redes sociais e que inclúe nas mostras nas que participa. “Consiste en debuxar a paisaxe nalgún soporte que forme parte da propia paisaxe, e dicir, debuxar o que estás vendo nun poste ou nunha farola, de maneira que unha vez rematado o debuxo, dende ese punto, se poidan ver a paisaxe e a súa representación”, ten explicado Juan Rivas na bitácora do fotógrafo galego Manuel Sendón.
Utiliza pastel, xiz, lápices de cores e rotuladores, que son materiais axeitados para traballar técnicas de debuxo rápidas. Trala súa intervención no soporte elixido, o artista inmortaliza o traballo cunha fotografía na que recolle tanto a vista ou a paisaxe como o debuxo que fai dela. “Interésame recoller na fotografía a textura do soporte que está á intemperie (metal, madeira, cemento…) en combinación coa plasticidade da pintura e a luz da escena”, precisa Rivas.
“Antes fotografaba a paisaxe e logo, a partir da foto, pintaba un cadro; agora o proceso invírtese, xa que pinto a paisaxe e fotografo o cadro”, puntualiza o autor sobre esta evolución ou nova fase da súa traxectoria creativa.
“Non levo un cadro ou unha libreta onde pintar; o cadro queda alí onde foi pintado, pero levo unha foto que recolle as dúas cousas: paisaxe e cadro”, comenta Juan Rivas sobre a súa práctica da “pintura do natural”, na que lle importa especialmente a busca dunha perspectiva determinada e mesmo a incidencia da luz cambiante.
Trátase, en definitiva, dun “traballo efémero” que queda fielmente captado coa fotografía, porque os efectos da intemperie sobre a obra -a choiva, o vento, a luz…- irán degradando e borrando co tempo o rastro dos pasteis, dos xices, dos lápices e dos rotuladores sobre o metal, a madeira ou o cemento.
Os aledaños do Monte Pituco teñen sido ‘modelo pictórico’ de Juan Rivas, captando árbores, casas ou camiños cuxa silueta resalta no espazo. Agradecémoslle estes petiscos de colorido entre a natureza para que a sensibilidade artística e a cultura flúan entre as xentes que visitan esta paraxe, agora xa definitivamente protexida e a salvo do formigón, do asfalto, da destrucción.
[Fotografías tomadas do perfil de Facebook de Juan Rivas]
[…] Na beira do río”, que acada a súa décima edición. Entre as obras expostas destaca a serie Pintura no lugar, do artista de Marín Juan Rivas. Enclaves como A Canteira da Laxe ou Miñán están representados […]
By: 10 DIÁLOGOS NA PINTURA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 11/10/2020
at 20:59