Publicado por: MontePituco | 22/12/2017

BO NADAL DENDE O ‘BALCÓN DA RÍA’

Bo Nadal 2017

Un ano máis desexando Boas Festas de inverno aos amig@s do ‘balcón da ría’, e xa van oito dende que a Asociación Monte Pituco (Pornedo) botara a andar timidamente no Nadal de 2009. Neste tempo temos compartido estas datas de celebracións amosando todo tipo de estampas: paisaxes coa ría cuberta dunha espesa néboa como de algodón, flores silvestres que agromaban no val do Pornedo, estampas da fauna que habita neste espazo, detalles dos fabulosos petróglifos que dan conta do milenario pasado destas terras, a auga manando abundantemente da Fonte das Pulgas cando antano a seca era impensable…

Pero neste 2017 dous feitos fixeron que a nosa postal de Nadal dende o miradoiro do Pornedo sexa entre papeis timbrados con selos oficiais: son o resultado de oito anos de arduo traballo con noites de insomnio e moitos sacrificios; mais tamén son papeis empapados de experiencia, continuo coñecemento, asombro ante as sorpresas que nos foron deparando tantas horas de andainas, de lecturas, de conversas.

Queremos que as protagonistas destas Festas sexan as SENTENZAS do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordeando que o polígono industrial proxectado no Monte Pornedo sexa retirado do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia e do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín.

Tiñamos razón cando decidimos -conscientemente e por principios- non dar o brazo a torcer fronte aos enganos e o maltrato dos políticos que nos desprezaron, fronte aos intereses económicos e os feroces ataques dos que esperaban encher os petos a conta da destrucción do monte veciñal, fronte á prepotencia dos que abusaron do seu poder para intentar amedrentarnos, facernos fraquear e desistir do noso empeño. Temos razón e por iso os tribunais puxeron a balanza da xustiza do noso lado. E aínda que nos teñamos trabucado nalgunhas cousas e sigamos cometendo erros, a nosa liña de actuación vai seguir estando na senda da razón: a protección do monte, a dimensión multifuncional dos seus recursos, a conservación do patrimonio cultural, a defensa do medio ambiente e da paisaxe.

Hoxe estamos máis preto de enterrar o machado (neolítico) da batalla legal para centrar a tarefa da Asociación Monte Pituco en causas máis ‘amables’ relacionadas coa promoción da cultura ‘da’ nosa parroquia e ‘na’ nosa parroquia.

Grazas a quen nos ten acompañado neste longo camiño apoiándonos e asesorándonos. Grazas tamén a quen nolo puxo difícil, porque as trabas fixéronnos medrar, superarnos e continuar con máis forza.

…Vémonos no ‘balcón da ría’, tamén polo Nadal!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: