Este sábado a Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizamos unha ruta pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, con saída ás 10:00h dende o adro da igrexa parroquial. A andaina será a continuación da ‘barferencia’ que, na véspera, vai ter como protagonista o experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa. Ao longo do percorrido visitaremos varios xacementos arqueolóxicos aos que se aludirá na charla previa.
Pero alén de gravados rupestres, este paseo polas corredoiras, os montes e a ribeira fluvial do Lameira ao seu paso por San Xián daranos a oportunidade de sermos conscientes da biodiversidade desta contorna: insectos, anfibios, aves e pequenos mamíferos habitan na matogueira, nas zonas húmidas ou entre a arboreda… nunha estación, ademais, na que o bosque nos agasalla cun atractivo abano cromático, por máis que a seca e a escaseza de chuvias maniféstanse tamén aquí como plasmación do progresivo e preocupante cambio climático que experimenta o planeta.
Esta camiñada tamén ten como obxectivo sensibilizar os asistentes sobre o negativísimo efecto das especies invasoras. Ao longo do itinerario comprobaremos como a presenza masiva e descontrolada de eucaliptos e acacias converteu o que antano era matogueira ou bosque autóctono nun caótico espazo coa terra empobrecida e onde se acumula unha preocupante carga combustible. Tanto os matos privados como o terreo comunal carecen en gran medida dunha axeitada xestión do arborado, por non falar da ausencia doutros aproveitamentos que redundarían en beneficio económico e social. Estamos moi lonxe aínda de enfocar o monte dende un punto de vista multifuncional.
Deixar unha resposta