A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizan unhas “Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” que comezarán este venres día 24 cunha barferencia ás 19:30 horas na Adega A Capeleira de Marín (rúa do Forno, 23) a cargo do experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa.
Co lema “Técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián”, a charla de Costa permitirá apreciar -con imaxes en tres dimensións procesadas a través dun novidoso sistema informático- diversos gravados rupestres da Idade do Bronce. En especial, amosaranse algúns dos novos xacementos descubertos polo marinense Paulo Troitiño no conxunto rupestre da Carrasca, cuxa existencia foi notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta para a súa catalogación. Entre eles atópase unha figura con forma reticular; a única da que se ten constancia da súa conservación na bisbarra do Morrazo.
As Xornadas continuarán o sábado 25 cunha andaina que -guiada polo propio Paulo Troitiño e por Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo- sairá ás 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, percorrendo os lugares de A Carrasca, Champás, o rego de Castiñeiras, os muíños do Sacristán e de Briasco, e Pelagartos, para finalizar sobre as 14:00 horas no punto de inicio da ruta.
O obxectivo destas Xornadas é dar a coñecer o importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico de San Xián, que vai dende o Neolítico ata a Era Moderna. Tamén pretenden concienciar a veciñanza sobre a riqueza desta parroquia como unha das zonas con maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo.
Ademais, reivindican a posta en valor dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, descoñecidos pola cidadanía, pola veciñanza da parroquia de San Xián e mesmo polos responsables da súa conservación. Amosando e divulgando os incuestionables valores culturais e ambientais destas paraxes, a Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apelan ás Administracións autonómica, provincial e local, así como á Comunidade de Montes de San Xián, para que A Carrasca e Champás formen parte da necesaria conexión co corredor ambiental e cultural entre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Lago de Castiñeiras.
Precisamente, na ruta de sendeirismo do sábado visitaranse os petróglifos da Carrasca e de Champás, datados hai 4000 anos. Situados entre as concas dos regos de Castiñeiras e da Agrela, entre os 235 e os 345 metros de altitude sobre nivel do mar, estes xacementos arqueolóxicos abranguen seis estacións rupestres no caso da Carrasca e tres no de Champás. Os elementos representados son variados: círculos concéntricos, coviñas ou cazoletas, armas, figuras zoomorfas e reticulares, entre outros motivos. Ademais, seguen atopándose novas rochas con gravados dos que non había constancia.
As paraxes naturais onde se atopan -pequenos outeiros, camiños e corredoiras entre a matogueira ou preto de brañas e na ribeira fluvial- resaltan polo seu valor paisaxístico dentro dunha área de gran valor ambiental pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, en solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
Malia que os xacementos documentados están inventariados e catalogados como Bens de Interese Cultural, coa máxima figura de protección a nivel autonómico, a lei non se está aplicando na maioría dos casos e moitos dos elementos están sendo afectados no seu ámbito de protección por distintas causas -desbroces, apertura de pistas forestais, paso de maquinaria pesada, eucaliptización- como xa denunciaron varios colectivos en xaneiro deste ano a causa dunha agresión no grupo número 5 do conxunto rupestre da Carrasca.
Ademais dos xacementos da Carrasca e Champás, tamén destacan polo seu interese os petróglifos da Idade do Bronce de Briasco e da Carballeira do Rei; asimesmo, pola súa particularidade, os gravados modernos realizados ao longo do século pasado polo marinense José Meijón. Dende o punto de vista etnográfico, a ruta tamén fará fincapé no valor das corredoiras tradicionais que atravesan entre os vales e os montes da zona, e na singularidade do muíño do Sacristán, cunha monumental canle e cubo en forma de valo, xunto coa súa presa de auga.
A nivel ambiental e paisaxístico salienta o lugar de Pelagartos, onde se atopou un asentamento humano da Idade do Bronce. Trátase dun dos achados de máis antigüidade da parroquia, moi anterior ao histórico igrexario moderno e barroco de San Xián dos Encoirados, que conforma o núcleo parroquial dende o Medievo e onde se atopan os alicerces da actual vila de Marín. Pola súa importancia ambiental non faltará a visita ao rego de Castiñeiras, leito principal do rego Lameira e fornecedor de recursos hídricos a nivel local dentro dunha parroquia que aínda conserva bastantes cualidades do seu carácter rural e agropecuario.
Estas Xornadas forman parte dunha convocatoria feita a nivel autonómico pola Rede do Patrimonio Cultural con motivo do Día Internacional do Patrimonio, que se conmemorou o pasado 16 de novembro. A Asociación Monte Pituco, adscrita a esta entidade, é un dos 25 colectivos de toda Galicia que participan nesta iniciativa, con máis de 40 actividades programadas.
Deixar unha resposta