Este sábado teremos a honra de recibir no Monte Pituco (Pornedo) a unha vintena de mozos de Galicia, Portugal e Italia que están participando no proxecto europeo Comunix, coordinado a nivel autonómico pola Cooperativa Trespés. Esta semana comezan un intenso e interesante programa formativo arredor do monte veciñal como fórmula de xestión comunitaria do territorio, que os levará coñecer o modelo de xestión da exemplar Comunidade de Montes de Salcedo, a visitar o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, achegarse ata Hío para comprobar o funcionamento dun proxecto de explotación de gando caprino no monte comunal desa parroquia canguesa, e facer un percorrido nocturno polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Aí entra a colaboración da Asociación Monte Pituco, que vai exercer de anfitriona desta andaina a través dos conxuntos rupestres de Pornedo e Sete Camiños en San Xulián, e de Chan das Mouras en Salcedo. Abarcaremos así os tres principais motivos de representación rupestre que temos nesta zona: figuras circulares e abstractas, armas e zoomorfos.
Non deixaremos atrás unha forma tan chamativa de inscrición ‘moderna’ como a que deixou José Meijón en numerosos puntos da xeografía marinense e da contorna.
Conxunto rupestre do Pornedo, nº1
Petróglifos de Sete Camiños
O paso pola zona que abrangue o alto do Pornedo e Sete Camiños tamén vai permitir que observemos elementos de interese etnográfico relacionados coas antigas canteiras tradicionais, que abasteceron de pedra para a construcción de vivendas e edificacións próximas. As marcas dos guillos e das cuñas están moi presentes na historia deste enclave pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, que constitúe un punto de indubidable interese paisaxístico e que actúa como verdadeiro ‘balcón da ría’.
Tamén nos deteremos -mentres a luz do atardecer o faga posible- nas especies de flora e de fauna máis características da matogueira, como ecosistema predominante nesta área. Nestas alturas do verán xa están deitando a súa semente os exemplares de Allium e, asemade, tamén están florecendo a Calluna vulgaris e a Erica ciliaris.
Con sorte, mentres se vai poñendo o sol, poderiamos presenciar a chegada dalgún barco cargueiro ao porto de Marín.
Mais, o espectáculo único, incomparable e irrepetible que se pode gozar dende o ‘balcón da ría’ en todo o seu esplendor é o crepúsculo.
Agardamos que estes mozos e mozas aprecien o valor natural, cultural e histórico o Monte Pituco, e que sexan embaixadores e embaixadoras desta beleza aló a onde retornen trala súa experiencia no proxecto Comunix.
Deixar unha resposta