Publicado por: MontePituco | 25/07/2017

NA GUÍA TURÍSTICA DA PROVINCIA

Un ano máis, a Guía Turística de Pontevedra 2017 que publica o grupo editorial do Diario de Pontevedra recolle o Monte Pituco entre os “lugares con encanto” do Concello de Marín, a continuación do Lago de Castiñeiras.

Aínda que o contido destas tres páxinas dedicadas ao noso municipio seguramente contan coa supervisión do Goberno local, á Asociación Monte Pituco sempre lle chamou a atención que, nas últimas edicións desta guía, e dende hai ben tempo, o Pituco apareza entre os lugares de visita recomendada. Non porque careza de elementos culturais, naturais e paisaxísticos que o fagan merecedor de figurar nunha guía turística. Todo o contrario; sobran os motivos e o raro sería que non se tivese en conta este enclave da vila entre os puntos de referencia para os visitantes. O que chama a atención é que precisamente polo seu potencial como recurso cultural, natural e paisaxístico fose condenado a quedar clasificado como solo industrial no planeamento urbanístico; unha ‘espada de Damocles’ que por riba se reforzou cando a Xunta recolleu ese proxecto de polígono industrial no seu Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.

Tivo que vir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a dictaminar que esta última clasificación era irregular en base á falta de viabilidade do proxecto dende o punto de vista técnico, económico e ambiental. E a falta de verificar a firmeza desa sentenza, dende a Asociación Monte Pituco seguiremos tentando deslexitimar as pretensións do Concello de Marín e dos seus colectivos afíns, e reivindicando a posta en valor desta contorna.

Mentres o Goberno local fai oídos xordos, son cada vez máis as persoas que se achegan ata o ‘balcón da ría’ para gozar das súas vistas, practicar deporte e sendeirismo, visitar os xacementos arqueolóxicos.

No Monte Pituco non temos banco como o que o Concello instalou en Pastoriza…

Guía turística de Pontevedra 2017

…Pero temos penedos con historia: os que labraron os antigos poboadores destas terras na Idade do Bronce, as que gravou co seu punteiro José Meijón, e as que traballaron golpe de maza e ghillo os canteiros de antano. Son algúns destes outeiros graníticos os auténticos miradoiros da vila; lugares nos que sentar en contacto coa pedra para admirar a ampla panorámica que abrangue a vista dende o saco da ría ata o arquipélago de Ons no horizonte, pasando pola illa de Tambo.

Aquí está, neste 25 de xullo e sempre, a nosa Ítaca, o noso Macondo, o noso Fogar de Breogán.

Vista da ría dende o Monte Pituco (Pornedo)

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: