O segundo roteiro etnográfico e natural promovido pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano do Patrimonio discorreu por Cotobade, terra de boa pedra e bos canteiros, para dar a coñecer o patrimonio arquitectónico vencellado ás vivendas, hórreos, muíños, pontellas e outros elementos construídos con técnicas tradicionais.
Na primeira parada descubrimos unha vivenda con anexo para gardar o carro, máis un hórreo. Na zona de Cotobade os hórreos -denominados canastros no sur de Galicia- constrúense sobre pés de pedra con lousas transversais sobre as que repousa a estrutura principal.
Na parede da vivenda destaca a presenza de algo semellante a unha bufarda: un pequeno burato que, tradicionalmente, dá ao cortello situado na parte inferior da zona habitada e que cumpriría a función de respiradeiro para o gando.
E ao carón do acceso á estancia reservada para o carro, incrustada na porta, os restos dunha ferradura, como amuleto para atraer a boa sorte.
A carón da capela de San Brais, un cruceiro con capitel labrado e cruz lisa.
A aldea de Arufe, onde dende aproximadamente os anos 60 xa non reside ninguén nas cinco casas que conforman este pequeno núcleo, é outra mostra máis desta riqueza esquecida, tan só visitada por algún turista.
Deixando atrás Arufe, as paisaxes verdes dos prados e a humidade das carballeiras seguen acompañando os pasos desta expedición cara ao pasado. Nun punto do traxecto sorpréndenos a presenza dunha urna cun libro e notas manuscritas das persoas que comparten as súas impresións do camiño.
Ademais de Damián Pereira para explicar aspectos da andaina relacionados coa flora e coa fauna da contorna, as explicacións técnicas sobre o oficio da canteiría corren a cargo do escultor e canteiro Marcos Escudero. A través do percorrido polas distintas vivendas e estruturas que fomos visitando non só coñecemos os nomes das pedras coas que se constrúe cada edificación -lintel, canzorro, jamba…-, senón tamén as ferramentas coas que se traballa. E algo moi importante, a fala dos canteiros, o verbo dos arginas.
Así, aprendemos algunhas palabras dos ‘arginas’ relacionadas co gremio…
arría: pedra
oereteira: fonte
lumia: porta
ciba: casa
escurio: pico
maruxa: maza
ferroncho: punteiro
cincel: quinto
xanvo: compás
gillo: cuña
mouco: monte
Esta andaina permitiunos recordar a figura e o legado intelectual de Feliciano Trigo, autor -entre outras obras- do libro “O verbo dos arginas de Avedra. Xerga gremial dos canteiros de Pontevedra”, publicado en 1993 pola Deputación de Pontevedra. Home sabio e afable, de conversa fluida e xenerosa, este sacerdote oriundo de Vilanova de Arousa e afincado durante moitos anos no sur da provincia de Pontevedra, dedicouse á investigación e ao estudo do ‘latín’ dos picapedreiros e dos fabricantes de tellas e ladrillos. Faleceu en setembro de 2016 aos 94 anos. Sirva este artigo para honrar a súa memoria.
[P.D.: Os itinerarios culturais da Deputación continuarán en Mondariz-Balneario arredor da carpinteiría, en Oia a través do oficio das redeiras, e en Mos coa cerámica]
Deixar unha resposta