[Foto, Antonio Costa]
Queremos compartir con todos os amig@s do ‘balcón da ría’ a intervención da Asociación Monte Pituco (Pornedo) no acto de entrega dos premios de Queremos Galego Marín.
Boa tarde e grazas por acompañarnos nesta arboreda do Monte Pornedo
O primeiro que podemos dicir ao recibir esta Lingua de Ouro é GRAZAS a Queremos Galego Marín polo recoñecemento á modesta traxectoria da Asociación Monte Pituco (Pornedo), no que respecta á promoción que vimos facendo dende 2010 -data na que comezamos a traballar- da nosa lingua, a través da defensa do monte veciñal da parroquia de San Xián, do patrimonio histórico e cultural que atesoura este territorio e, por suposto, da natureza e da paisaxe privilexiada que podemos gozar dende os seus miradoiros, que o noso veciño Xan Montenegro deu en elevar á categoría de “balcón da ría”.
Mais o agradecemento ten que ser tamén para as persoas que nos veñen inspirando dende o comezo. Sen dúbida, Xan é o primeiro referente porque a través da Asociación de Veciños de San Xián canalizou os primeiros pasos da oposición ao polígono industrial que se proxectaba no PXOM que daquela se estaba tramitando. É de xustiza citar que tamén a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra fixo oficial o seu rexeitamento a través das oportunas alegacións. E como ningunha desas frontes parecía ser suficiente, un grupo de veciñas e veciños acabamos dando o paso de crear este pequeno colectivo.
Pasaron sete anos e por fin estamos vendo o froito de tanto esforzo mental, físico e mesmo económico. Aínda que faltan uns días para sabermos se finalmente é firme, seguimos saboreando o mel da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle ordea á Xunta retirar o parque empresarial Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Esa foi a segunda batalla legal que emprendemos, porque o primeiro recurso que interpuxemos contra o Concello de Marín segue aínda pendente de resolución.
Neste tempo non quedamos de brazos cruzados e fixemos todo o posible por coñecer e aprender máis sobre o monte que nos dá auga, abrigo, madeira, osíxeno, memoria; por rodearnos de persoas comprometidas coa protección da súa contorna, coa promoción da cultura tradicional, coa divulgación da fauna e da flora autóctonas. E así foron aparecendo no noso camiño persoas tan valiosas como Mari Carmen Santos, Álvaro Arizaga, Paulo Troitiño, Cándido Martínez, Ana Acuña, Antonio Costa, Juan Carlos Epifanio, Fernando Pintos, o equipo de Ronsel, de Vaipolorío, da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres…
Grazas ao tempo que compartimos e os coñecementos que nos aportan, hoxe estamos aquí, celebrando a amizade, a complicidade; e felices de que na nosa humilde bagaxe recuperaramos e reforzaramos o uso de palabras tan fermosas como “conciencia”, “moura”, “petroglifo”… e que aprendemos outras como “avenoiteira”, “tollemerendas”, “saramaganta”, “intervisibilidade”…
Se de algo estamos moi satisfeitos é de ter contribuído a que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños sexa unha realidade. Aquela comisión técnica da que formamos parte a Asociación Monte Pituco xunto co compañeiro Francisco Currás -agora en Queremos Galego-, con David Suárez da veciña comunidade de Vilaboa, co arqueólogo Lukas Santiago, e co antropólogo Rafael Quintía, foi unha das experiencias máis enriquecedoras da miña vida: percorrer o monte a carón de profesionais que artellaron un discurso en clave histórica e simbólica, colaborar na gravación dun documental co que tratamos de contribuír a chamar a atención sobre o enorme potencial dunha zona sobre a que planeaban non poucas ameazas, e acabar asistindo á inauguración dun proxecto asumido polas comunidades de montes, foi moi especial. De aí a ledicia de compartir este momento con Quintía: polos (non tan) vellos tempos…
Queda moito por facer nunha parroquia, a de San Xián, onde a Asociación Monte Pituco atopou máis atrancos que facilidades para desenvolver o seu labor de concienciación e reivindicación.
A día de hoxe contamos cunha comunidade de montes que se pronuncia a favor de avanzar na consolidación do Espazo Sete Camiños ampliando o roteiro a través dos xacementos catalogados de Champás e da Carrasca, onde nos últimos meses, ademais, foron localizados novos vestixios arqueolóxicos que seguen confirmando San Xián como a parroquia coa maior densidade de xacementos rupestres no termo municipal de Marín; sen embargo, contraditoriamente, a sinalización está moi deteriorada, os petroglifos nunhas condicións de conservación bastante precarias pola acumulación de vexetación que urxe limpar, e as excusas que recibimos para non remediar estas eivas non teñen nada que ver coa realidade.
Para certas persoas somos os “veciños denunciadores e molestos” que poñemos trabas ás súas actuacións; unhas actuacións que estariamos encantados de aplaudir se, como no caso do desbroce de pistas e camiños, non tiveran como consecuencia unha agresión grave ao grupo número 5 da Carrasca por falta de sinalización previa e de supervisión arqueolóxica.
Somos os “veciños denunciadores e molestos” que, ante a negativa dos responsables do mantemento desta arboreda a adecentala para que hoxe puideramos reunirnos en clave festiva, acudimos coa organización á Delegación Territorial da Xunta para verificar que neste recinto non hai ningún elemento patrimonial susceptible de ser afectado, como aducía a comunidade de montes. E previa autorización deles, dobramos o lombo, fouciño en ristre, para rozar herbas e silvas.
Somos os “veciños denunciadores e molestos” que antano tivemos que defendernos da campaña de pseudo-acoso e desprestixio persoal e profesional instigada por un veciño -daquela menor de idade- aguilloado por un dirixente veciñal con intereses en instalar, non un, senón dous polígonos empresariais entre o Monte Pituco e os Sete Camiños.
Somos os veciños “denunciadores e molestos” que, na nosa inxenuidade, chegamos a aprender cousas tan abraiantes como que unhas alegacións non só poden servir para argumentar o rexeitamento a unha infraestrutura que consideramos letal para un espazo natural protexido pertencente aos Montes do Morrazo; senón que as alegacións tamén se poden formular en sentido positivo para que semellante aberración se leve a cabo, como así se pronunciaron o Concello de Marín, a Asociación Virxe dos Remedios, Revestimientos Tito e Eventos Dibay, e así quedou recollido no expediente do Plan Sectorial autonómico.
Somos, en realidade, veciñas e veciños activos e participativos, colaboradores e entusiastas, libres e independentes, orgullosos dos recursos que ten a nosa parroquia e os primeiros interesados en que se activen mecanismos para poñelos en valor con criterios de sostibilidade e de respecto ao medio ambiente e á cultura. E aínda que por veces sintamos a tentación de pedir asilo na parroquia veciña de Salcedo, cuxa comunidade de montes é un exemplo e un espello no que deberían mirarse as comunidades de toda Galicia, non cambiamos por nada o noso San Xián, o noso Pituco. Que é o voso, que é de todas e todos.
Dicimos “miñato”, “sabugueiro”, “mámoa”, “manancial”. Dicimos “Pornedo”, “Pinal de Caeiro”, “Sete Camiños”. Falamos, escribimos, sentimos en galego con verbas que nos enchen a boca. E temos a esperanza de que aos escritos, ás instancias, aos artigos, aos recursos que nos queden por facer na nosa lingua, se sume máis pronto que tarde a Administración de Xustiza para que sentenzas coma esta do TSXG que tanto nos animan e fortalecen, sexan tamén na fala do país.
Moitas grazas.
[…] Asociación Monte Pituco (Pornedo), Premio Lingua de Ouro 2017 no apartado de […]
By: ACTO DE QUEREMOS GALEGO: PREMIOS LINGUA DE OURO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/07/2017
at 14:55