Publicado por: MontePituco | 20/06/2017

DE RUTA POLO CARBALLAL DE COIRO

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do espazo natural do Carballal de Coiro, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra. Partindo da capela de San Cosme, o percorrido discorreu por pistas forestais, corredoiras e camiños de pé -algúns deles por treitos do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo GR-59- atravesando os lugares de Chan de Loureiro, Serra de Coiro, fervenzas do rego Bouzós, O Carballal, A Coviña, A Fraga e Chan de Loureiro.

De principios do século XVIII, a capela de San Cosme, na parroquia de Coiro (Cangas) ten inventariado nas súas proximidades o petróglifo histórico do Marco da Portela, no límite territorial coa parroquia de Bueu.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Destaca nesta contorna a catalogación do hábitat de interese comunitario das carballeiras e o hábitat prioritario do bosque de ribeira do nacemento do rego das Presas, afluente principal do rego Bouzós.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Nas carballeiras dos arredores da Serra de Coiro, mesturadas co interese xeomorfolóxico das súas penedías e co hábitat de interese comunitario dos rochedais silíceos con vexetación pioneira, sobresaen as especies do xénero Sedum -coñecidas popularmente como herba das pedras- asociadas a outras de liques e brións.

DSC_0178-min

No medio da penedía e en terreos en forte desnivel eríxese -ao redor dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar- unha área chan de rochas horizontais con pías, que funciona de atalaia sobre os montes e o val da parroquia de Coiro. Ao lonxe divísase a vila de Cangas, co Castelo de Darbo e a serra da Madalena ao seu carón. Saltan á vista as panorámicas da ría de Vigo coa serra do Galiñeiro, Alba, Maúxo e serra da Groba ata Cabo Silleiro en fronte, e as Illas Cíes ao fondo.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

As carballeiras da Fraga e O Carballal son exemplos de fitónimos, con clara referencia ao carballo. Trátase dos mellores exemplos deste hábitat de todo o espazo natural, onde o carballo vese mesturado con outras especies frondosas autóctonas como o castiñeiro e o denso sotobosque arbustivo composto por loureiros, sanguiños, estripeiros, chuchameles ou, a xilbarbeira, que dá a denominación fitosociolóxica de Rusco aculeati-Quercetum roboris ás carballeiras termófilas galaico-portuguesas, dentro de hábitat de interese comunitario a nivel europeo.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Tamén a ter en conta, as fervenzas e a área de ribeira do Bouzós, o rego principal que atravesa coa súa profunda conca de nacemento o espazo natural.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

Á parte do seu bosque de carballos, ameneiros, salgueiros ou abelaneiras, conta a nivel da flora menor cunha grande presenza de especies de fentos -dentabrú, fento femia, falso macho, fenta, fento das pedras, cabriña, etc.-, fungos, brións e liques, que se espallan polo solo e a vexetación arbustiva e arbórea, como mostra das extraordinarias condicións de humidade ambiental do lugar, representando un hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada.

Nas últimas décadas a comunidade de montes da parroquia de Coiro fixo repoboacións con especies frondosas autóctonas en A Fraga, A Coviña e Chan de Loureiro.

DSC_0165-min

As numerosas corredoiras empedradas e camiños fondos denotan un pasado non moi lonxano no que había una maior actividade agroforestal e gandeira, cunha orixe moito máis antiga que nos retrotrae a tempos prehistóricos como dan fe os xacementos arqueolóxicos atopados polos arredores: Paralaia, Chan de Coiro, Os Laguiños.

O Carballal de Coiro abrangue unhas 365 hectáreas de terreo repartidas polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu. Representa o mellor expoñente na península do Morrazo de formación de bosque caducifolio de clima oceánico, con predominio do carballo. É tamén un dos espazos máis importantes das Rías Baixas dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Dálle acubillo a máis de 150 especies de fauna vertebrada -micromamíferos, quirópteros, macromamíferos, réptiles, anfibios e aves- e outras de invertebrada de importancia, con algúns endemismos e especies vulnerábeis e ameazadas a nivel ibérico e europeo -vacaloura, saramaganta, toupa de auga,…- máis unha rica flora, tanto arbórea como herbácea.

As principais afeccións para O Carballal de Coiro nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a falta de silvicultura, os incendios forestais, as cortas indiscriminadas de carballeira e arborado autóctono, as verteduras incontroladas de lixo, o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora -en especial das acacias e falsas acacias- e a construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, que provocou un grande e irreversibel impacto na parte baixa do espazo natural.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

As principais ameazas de cara ao futuro son a Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo e a segunda fase do proxecto de desdobramento en autovía do Corredor de Alta Capacidade do Morrazo, sen esquecer que na década pasada estivoa ameazado tamén por un proxecto de investigación mineira.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a protección de solo rústico de especial protección de espazos naturais para o Carballal de Coiro é insuficiente despois de décadas de abandono e agresións, tendo en conta as novas ameazas que se cernen no horizonte, e carecendo dunha figura de protección ambiental propiamente dita.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

En marzo do 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, ampliables a outras zonas, por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental, pola súa función como corredor ecolóxico. En abril de 2016 a Plataforma solicitoulle á Xunta a catalogación de Área de Especial Importancia Paisaxística para o Carballal de Coiro dentro da tramitación do Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Ruta polo Carballal de Coiro coa Plataforma Montes do Morrazo

 

[Texto: Plataforma Montes do Morrazo / Fotos: Asociación Monte Pituco]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: