A homenaxe a Xan Montenegro que se celebrará este sábado ás 21:00h no Carballal, diante do monumento á súa memoria, vai ter un aquel moi especial.
Xan foi a primeira persoa na que pensamos cando, a finais do mes pasado, se nos comunicou o fallo do TSXG contra o Plan Sectorial de Áreas Empresariais ordeando a retirada do parque empresarial Marín-Pornedo.
Estabamos en Compostela, unha cidade pola que Xan tiña unha inclinación especial. Quizais foi unha virada do destino, ou unha chiscadela súa dende o Alén, ternos conducido aquel día ata Santiago. Pero por máis que marcamos e marcamos o número do seu fogar familiar para facer partícipes os seus máis directos achegados daquela feliz noticia, que nos encheu de entusiasmo, foi imposible conectar con ningún/ningunha Montenegro. Nin sequera coas súas omnipresentes ‘Lucindas’.
De modo que foron outras persoas as que recibiron os primeiros ecos da nosa voz exultante dando conta da pequena gran vitoria de David-Pituco contra Goliat-Xunta. Mais estamos seguros de que Xan ría para si desta anécdota; porque para el estaba máis claro que a auga que mana da Fonte das Pulgas, máis nidio que os sucos dos petróglifos do Pornedo, máis certo que as curvas de nivel que testemuñan o impacto irreversible que tería construír un mamotreto de naves industriais en pleno ‘balcón da ría’, como el ben denominaba este espazo.
…Sabedoría de Xan.
Deixar unha resposta