Publicado por: MontePituco | 11/02/2017

SALVEMOS O CASTRO DE MONTEALEGRE

Por fin, despois de moitas xestións por parte da Plataforma Salvemos o Castro de Montealegre coa Dirección Xeral de Infraestruturas, este organismo autorizou a visita guiada ao poboado castrexo. Aquela que non se puido facer o pasado 22 de xaneiro, con motivo da primeira marcha porque, a tres días da mobilización, os responsables do desdobramento do Corredor do Morrazo decidiron que esa forma de protesta non lles conviña.

E non foi doado. As condicións que Infraestruturas poñía para autorizar a visita eran surrealistas: que non se podía acceder ao recinto da obra, que toda a zona do castro estaba valada e que calquera incidente por caída, golpe ou derrumbe de muro ou talude era responsabilidade dos asistentes á visita porque a dirección de obra non se facía responsable. Para iso podían ter aforrado todo este tempo mareando os voceiros da Plataforma porque todos eses impedimentos non tiñan outro obxectivo que facer desistir a organización. 

Vivimos tempos para a resistencia.

…Aí está unha das claves para seguir loitando contra esta nova agresión ao castro de Montealegre por parte da Xunta: non perder o alento, seguir poñendo en evidencia o incomprensible papel do Goberno autonómico e dos seus organismos -Axencia Galega de Infraestruturas e Dirección Xeral de Patrimonio- como responsables desta aberración contra un dos poboados castrexos máis valiosos da provincia e do territorio galego, procurar unha implicación aínda maior por parte do concello de Moaña e doutros municipios do Morrazo a prol da negociación de alternativas ao trazado actual das obras, formar unha fronte con todas as entidades posibles -arqueólogos, Consello da Cultura Galega, Asociación para Defensa do Patrimonio Cultural Galego…- e procurar todo tipo de informes técnicos que avalen a importancia deste xacemento, e por suposto, emprender accións legais parar tratar de evitar pola vía xurídica que as máquinas arrasen este castro…

Porque o mundo sería un lugar moito menos ‘habitable’ sen o reducido e irreductible puñado de ‘tol@s’ que defendemos a nosa terra das infraestruturas pensadas para destruír máis do que constrúen, para aniquilar a nosa identidade e o milenario legado histórico ao que temos dereito os galeg@s, porque non todo vale en aras duns cartos que compran vontades e enchen petos.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña.

As barreiras que o pasado mes de xaneiro se pecharon para os defensores do castro de Montealegre, abríronse por fin para deixar paso ao coñecemento, á divulgación, ao sentido común.

Un monte… con portas? A Comunidade de Montes non participou na visita. Igual por aquilo de que ollos que non ven, corazón que non sente.

Visita guiada ao castro de Montealegre

En vez de deseñar un trazado que minimizase a afección ao castro, a Axencia Galega de Infraestruturas apostou por desprazar cara ao sur o desdobramento do Corredor do Morrazo. Máis barato, tal vez. Pero menos respectuoso co patrimonio. A carón do túnel actual obsérvase un pedazo de excavación que desvelou a existencia dun ‘cuncheiro’: caracolas e cunchas de ostras na terra, en medio do monte! Unha evidencia inequívoca de que os habitantes deste castro -calcúlase que a poboación podería chegar aos 300 individuos- vivían da pesca e do marisqueo hai milleiros de anos. O estreito de Rande xa era daquela unha localización estratéxica.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Unhas 150 persoas acudiron á chamada da Plataforma Salvemos o Castro de Montealegre. Houbo que facer ata tres quendas para facilitar o acceso ao xacemento. A decisión de Infraestruturas de autorizar a visita un sábado pola mañá restou afluencia -por cuestións fundamentalmente laborais- aos preto de 250 interesados que se inscribiran previamente. A Administración sempre ten ‘o as para matar o tres’. O arqueólogo Alexandre Paz Camaño foi un excelente guía desta expedición e as súas explicacións -con apoio visual e bibliográfico a través dun dossier de fotos e do libro “O castro de Montealegre“, de Roberto Aboal e Virginia Castro, editado por Toxosoutos- foron moi didácticas e clarificadoras da gravidade da situación.

A vexetación autóctona do castro, loureiros e sobreiras que -malia a presenza do eucalipto- manteñen a humidade da zona, dando lugar a unha abondosa presenza de liques.

dsc_2558

dsc_2557

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña.

O ‘cuncheiro’, afectado pola construcción dun túnel. A Plataforma defende como alternativa un trazado que discorra máis ao norte.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña.

Os restos de caracolas e cunchas de molusco atópanse a ras de terra. Este aporte de carbonato cálcico favoreceu que chegasen ata os nosos días pezas metálicas e mesmo  un corno de cervo cunha antigüidade de 2000 anos nun estado de conservación “excelente”, como explicou Alexandre Paz.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

O castro de Montealegre foi excavado en 1925 e 1926 polo intelectual galeguista Antón Losada Diéguez -casado coa propietaria do monte no que se atopa o poboado-. Daquela saíron á luz estruturas asociadas a vivendas e mesmo unha lareira.

Cerámica decorada, asas de xerras, agullas, anzós, fíbulas, brazaletes… miles de pezas de extraordinario valor foron atopados na excavación realizada en 2004 con motivo da construcción do Corredor. Xa daquela se lle causou ao castro un dano importante; agora, en vez de atender á importancia deste xacemento, a Xunta pretende darlle o ‘golpe de gracia’ e, por riba, ten o atrevemento de ‘vender’ esta actuación como a máis beneficiosa para a conservación do poboado. Os arqueólogos independentes non dan creto! Ninguén con dous dedos de fronte pode ‘tragar’ semellante invención.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Toda a visita transcorreu co ruído atronador dos martelos metálicos esgazando a pedra, dos guindastres movendo terra, dos camións circulando pola ladeira… A dimensión que pode acadar a transformación do terreo é espectacular.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Estamos diante dunha calzada empedrada que tería sido o acceso ao castro, onde posiblemente se terían instalado as estruturas dun ‘corpo de garda’ que controlase o tránsito de persoas e de mercadorías. Nesta zona localízanse os restos dunha muralla que veñen sendo os vestixios máis antigos documentados, de hai 2600 anos.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Na última parte da visita, Alexandre Paz guiou o público ata un afloramento granítico onde se catalogou unha combinación de coviñas. Este gravado rupestre está clasificado como Ben de Interse Cultural.

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Visita guiada ao castro de Montealegre, Moaña

Cómpre difundir, concienciar e sensibilizar a veciñanza, unir vontades. No ‘corazón’ do Morrazo temos un ben patrimonial que noutro país, con outra dimensión política e nun contexto social avanzado, sería motivo de orgullo, estaría posto en valor e actuaría como polo de desenvolvemento cultural, educativo, turístico e económico. No corazón do Morrazo temos un xacemento que complementa e conecta con outros poboados e outros elementos de orixe prehistórica; por que non, tamén co castro da Subidá e co ‘balcón da ría’ no Monte Pituco (Pornedo). 

Salvemos o Castro de Montealegre.

Protexe o ‘corazón’ do Morrazo.


Responses

  1. […] ao patrimonio dos dous municipios: por unha parte, o Corredor do Morrazo e os danos que conlevou ao castro de Montealegre -agora tristemente volve estar de actualidade pola ampliación desta infraestrutura, que leva por […]

  2. […] do IES As Barxas  de Moaña, nunha charla sobre a excavación arqueolóxica que se realizou no castro de Montealegre con motivo da primeira fase das obras do Corredor do […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: