A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo dedicou o seu segundo roteiro do outono a dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte Borrallido, na parroquia de Beluso, en Bueu, situado en solo rústico de especial protección forestal e de augas.
O Monte Borrallido -orónimo referente ao recurso tradicional da roza e do queimado da vexetación para utilizalo posteriormente nos labores de cultivo- conforma, xunto co Monte Liboreiro e mais a Serra da Madalena, situados en fronte, a conca de nacemento do rego Orxás, principal curso fluvial que emboca na enseada de Aldán. Nel sitúase tamén a conca de nacemento do rego Nocedo, o maior curso fluvial que atravesa a parroquia de Beluso e que, máis abaixo, emboca na contorna da praia de Reventóns, dentro da Zona de Especial Conservación do espazo natural protexido pola Rede Natura de Cabo Udra.
Nos seus cumios, con 246 metros de altitude máxima sobre o nivel do mar, atopouse un machado da Idade do Bronce. Ademais de facer de límite entre as parroquias de Beluso (Bueu) e de Aldán (Cangas), é un extraordinario miradoiro desde o que poden observar unhas excelentes panorámicas da Serra da Madalena e do val do rego Orxás, da enseada de Aldán e do espazo natural protexido de Cabo Udra, coas Illas Ons no horizonte.
Posúe unha incipiente carballeira, hábitat de interese comunitario a nivel europeo, produto da sucesión ecolóxica do monte baixo cara á vexetación potencial ou clímax. Nalgunhas áreas, o carballo vese acompañado pola presenza minoritaria do castiñeiro e polo salgueiro nas zonas próximas aos cursos fluviais. Noutras mestúrase ou dá paso a plantacións de piñeiro do país.
Entre a vexetación arbustiva sobresae a presenza de loureiros, pereiras bravas, sanguiños, chuchameles e xilbardeiras. Tamén destaca a presenza da matogueira coa toxeira e coa brexeira seca europea que, xunto coa vexetación pioneira na rocha silícea, conforman outros dous hábitats de interese comunitario a nivel europeo.
A conformación das dúas concas e en especial da do rego Nocedo, concédelle tamén unhas excepcionais condicións de humidade ambiental onde os seus principais bioindicadores, tanto ambientais como atmosféricos, son a grande e diversa presenza de fentos, liques e brións no sustrato edáfico, vexetal e lítico. Esa excepcional humidade ambiental e a mestura do bosque da carballeira co piñeiral tamén lle dá unhas adecuadas condicións para a proliferación de fungos.
A condición de caducifolia de parte da súa vexetación dálle nesta época unha singular función policromática, cunha explosión de cores no ambiente e na paisaxe.
No Monte Borrallido resaltan a abundancia e a xeomorfoloxía das súas penedías coa grande e variada formación de pías, cacholas e alvéolos na superficie e no interior das rochas, sexan fixas ou ás veces cabalgadas, por efecto da erosión natural ou por afloramento trala actividade extractiva de antigas canteiras a nivel local.
Á parte da utilización agroforestal, gandeira e mineira do monte e da súa contorna desde tempos prehistóricos ata a actualidade -do que aínda se preservan algúns camiños e mesmo os muros empedrados de delimitación das leiras-, tense constancia tamén da súa utilización puntual a nivel histórico como lugar de xuntanza de bandas dedicadas ao bandoleirismo a principios do século XIX.
Tamén son de interese a arquitectura popular e civil do cercano núcleo rural de Bon de Arriba, entre San Amedio e o Monte do Castro, este último proba da existencia no lugar dun poboado anterior prerromano da Idade do Ferro, de hai uns 2000 anos. E o val do rego Nocedo, co bosque de ribeira e co mosaico de cultivos ao seu redor, en solo de especial protección de augas, agropecuario e de espazos naturais.
Os lugares de interese visitados no roteiro foron:
* A ermida de San Mamede, no núcleo rural de San Amedio que, xunto cun cruceiro, fonte, lavadoiro e arboredo, están situados nun pequeno outeiro, sobre o fértil val do rego Nocedo e con boa vista da enseada de Aldán. A ermida foi construída orixinariamente con toda probabilidade no século XII e está vencellada ao cancioneiro medieval a través do xograr Johan de Cangas.
* A contorna do bosque de secuoias monumentais que, con algúns dos exemplares máis altos de Europa, posúe a finca de heredeiros de Hnos. Massó fronte da Avda. de Castiñeiras, en Forqueiros de Abaixo.
* As mámoas de Castiñeiras, tamén coñecidas como da “Tomada de Martínez”, son uns túmulos funerarios de adscrición cultural neolítica e megalítica, postos en valor hai pouco tempopolo Concello de Bueu e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que dan proba da presenza humana hai ao redor de 5.000 anos no lugar.
* O petróglifo das Abelaires, situado na base do Monte Liboreiro, dentro da lindeira parroquia canguesa de Aldán, é de adscrición cultural da Idade do Bronce, e cronoloxicamente de hai ao redor dos 4.000 anos. Con varios gravados xeométricos de circos concéntricos, coviñas e apéndices insculpidos en releve na rocha, malia o seu estado actual de abandono, é un dos petróglifos máis importantes e mellor conservados do seu estilo na comarca.
Fotos, F. Currás (Plataforma Montes do Morrazo)
As principais afeccións nas últimas décadas para o Monte Borrallido e a súa contorna foron os monocultivos forestais, a eucaliptización e a invasión das acacias, a falta de silvicultura, a urbanización do parque empresarial de Bueu, a explotación mineira a nivel industrial de granito e a construcción do corredor de alta capacidade do Morrazo.
De cara ao futuro, as principais ameazas son a ampliación -con carácter supramunicipal- do parque empresarial de Bueu cara ao denominado Parque Empresarial e Industrial do Morrazo contemplado pola Xunta dentro Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza, xunto coa solicitude dunha concesión de explotación mineira de granito na zona pola empresa Granitos Aldán S.A., afectando de xeito directo, crítico e severo ao propio monte.
En xuño de 2015 varios colectivos pertencentes á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitáronlle á Xunta que se desestimara definitivamente a citada solicitude de concesión de explotación mineira. Por considerar o Monte Borrallido un espazo natural de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, en marzo de 2012 a Plataforma solicitoulle ao Goberno galego a retirada da ampliación do parque empresarial de Bueu proxectada a través do PEIM no PSOAEG.
Nesa mesma data tamén se lle pediu ao Executivo autonómico que o Monte Borrallido e a Serra da Madalena figurasen como espazos ampliables á solicitude de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que -a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo- acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro.
En abril desde 2016, Montes do Morrazo dirixiuse á Xunta demandando a declaración de Lugar de Especial Interese Paisaxístico para o Alto do Monte Borrallido dentro da elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galiza.
[Texto, Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]
Deixar unha resposta