Publicado por: MontePituco | 15/11/2016

NOVA SINALIZACIÓN NA PISTA DO PORNEDO

A Comunidade de Montes de San Xulián está instalando nova sinaléctica no monte veciñal da parroquia. Os novos carteles xa locen na entrada da pista forestal do Monte Pituco onde, ademais, hai unha novidade: a dotación dun espazo para aparcadoiro de vehículos, que era unha das actuacións contempladas no proxecto de execución do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

20161114_145144

Se dende os meses de setembro e outubro se viña traballando na mellora da pista, desbrozando os taludes laterais, limpando os regos e achandando a superficie, nas últimas semanas semella que se van ultimando detalles, como a colocación de novos paneis informativos.

A maiores, descubrimos que se ‘reciclaron’ sinais antigos: anteriormente xa fora reubicado na entrada da pista o da prohibición de verter residuos; agora, descubrimos que o cartel que había no sendeiro de acceso ao conxunto rupestre do Pornedo advertindo que non se autorizaba a circulación de vehículos a motor agás para tarefas agrogandeiras, e que permanecía tirado e deteriorándose no chan dende hai moito tempo, tamén foi recolocado na entrada da pista principal.

20161114_145228

Agora, quen se dirixa á pista do Pornedo e pretenda acceder co seu turismo, ou vehículo todoterreo, atopará tres sinais. Unha de gran tamaño coas seguintes mensaxes:

COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XULIÁN-MARÍN

Prohibido verter cascallo ou entullo en toda a zona

Prohibido circular vehículos non relacionados coa explotación forestal

Calquera actividade precisa permiso da Comunidade de Montes

Lei de Montes 10/2006 (art. 54 bis)

No mesmo poste, unha flecha indicando o acceso ao aparcadoiro que se acaba de habilitar. E ao carón, o vello panel de “Prohibido circular con vehículos a motor excepto para uso de aproveitamentos agrícolas”.

…Un tanto redundantes na reiteración da mensaxe, pero necesarios, a fin de contas, para ir erradicando o tránsito indiscriminado de vehículos. Tralas recentes obras na pista, víñase notando un aumento do ‘tráfico’ de condutores que utilizaban este vial forestal para comunicarse coa zona de Castiñeiras. Se non se atalla ese problema, os arranxos na pista vanse estragar nun breve espazo de tempo e volverá quedar impracticable como ata hai ben pouco.

20161114_145240

20161022_181432

O Monte Pituco non é o único punto onde se instalou esta nova sinalización, que tamén se pode ver na estrada ao Lago de Castiñeiras, entre outros lugares.

dsc_2103

Con esta acción, a Comunidade de Montes de San Xulián vaise poñendo á altura doutras comunidades no que concerne á delimitación dos deberes e das obrigas dos usuarios do monte. 

A Asociación Monte Pituco viña demandando dende hai tempo que os responsables da comunidade -xa os antecesores da actual xunta rectora- imitasen ou tomasen como referencia a sinaléctica que empregaban comunidades de montes veciñas, como Salcedo, Figueirido, Vilaboa, Mourente…

E coa mellora da pista forestal do Pituco tamén se dá cumprimento a unha reivindicación que a Asociación Monte Pituco viña reiterando dende hai anos. 

Cómpre agradecer, pois, á Comunidade de Montes, estes traballos. Este agradecemento non lle resta gravidade á neglixencia cometida no desbroce das marxes do camiño que pasa a carón do conxunto rupestre do Pornedo, que a piques estivo de ser destruído polas máquinas que pasaron a rente da laxe. Un importante punto negativo que haberá que ter en conta e corrixir da cara a próximas actuacións, tendo en conta que calquera agresión a estes xacementos rupestres ten consecuencias irreversibles e mesmo punibles dende o punto de vista legal, polo grao de protección total que ampara estes Bens de Interese Cultural.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: