Publicado por: MontePituco | 16/11/2016

16 DE NOVEMBRO, DÍA DO PATRIMONIO

O 16 de novembro foi declarado pola UNESCO como Día Internacional do Patrimonio Mundial. Conmemórase que nesta data, do ano 1972, asinouse en París a Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que sentaba as bases para desenvolver este tipo de protección cultural.

44 anos despois da promulgación dese documento, o patrimonio, o NOSO patrimonio, o PRIMEIRO patrimonio do que hai constancia física en Galicia, o patrimonio arqueolóxico -léase gravados rupestres, mámoas, castros…- está en grave perigo pola neglixencia e o desleixo das Administracións, pola despreocupación e a falta de implicación -agás contados casos- da sociedade.

Na Asociación Monte Pituco non pasamos por alto esta conmemoración e lanzamos aos catro ventos unha nova chamada de alerta: defendendo unha vez máis a necesidade de preservar os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro -estes tres ameazados polo proxecto de construcción dun polígono industrial aberrante en pleno ‘balcón da ría’-, da Carrasca, de Champás… das mámoas de Sete Camiños e de Catadoiro integradas no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños… das mámoas situadas na contorna de Castiñeiras… e en xeral o legado ancestral espallado nas parroquias do rural marinense e da bisbarra do Morrazo. Porque hai moito máis que os poucos xacementos que os concellos, a Deputación e a Xunta teñen ao seu abeiro para ‘xustificar’ diante da opinión pública que se preocupan pola conservación destes bens.

Porque se esa implicación das Administracións fose real, non sería necesario que uns modestos colectivos sociais puxeran o berro no ceo diante das agresións que sofre o patrimonio, do risco de desaparición que se cerne sobre tantos e tan valiosos vestixios. 

Nos últimos días botou a andar unha iniciativa da plataforma SOS Arte Rupestre en Change.org, dirixida á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para recoller sinaturas a prol da declaración da arte rupestre de Galicia como Patrimonio da Humanidade.

 

sin-titulo

El patrimonio arqueológico de Galicia tiene en el conjunto de grabados rupestres prehistóricos al aire libre –petroglifos- una de la manifestaciones culturales más importantes y representativas.

Estos grabados, diseminados por el monte, son BIC –Bien de Interés Cultural- y, en consecuencia, deberían gozar por ley de la máxima protección. Sin embargo se encuentran seriamente amenazados al no llevarse a cabo tareas de roza y limpieza, estando indefensos ante los incendios forestales, las obras incontroladas y los trabajos sin adoptar las cautelas necesarias.

Por todo ello, y ante el grave riesgo no solo de deterioro sino de desaparición, solicitamos su apoyo para demandar que la Xunta de Galicia inicie ya los trámites para conseguir su declaración como  Patrimonio de la Humanidad, la medida más eficaz para garantizar su supervivencia.

Outra mostra sangrante de desprezo polo patrimonio: as obras do desdobramento do Corredor do Morrazo, que van acabar por esnaquizar o castro de Montealegre, en Domaio. Nesta ocasión é unha veciña de Moaña a que toma a iniciativa da mobilización social a través de Change.org para intentar salvar o que queda deste asentamento prehistórico.

sin-titulo

As obras para desdobrar o Corredor do Morrazo, que comezaron a pasada semana, van a supoñer a case desaparición do Castro de Montealegre, en Moaña, un dos máis grandes de Galicia. E é que a infraestrutura proxectada só vai deixar en pe a croa deste xacemento, a pesar dos numerosos achados atopados, entre eles, unha figura castrexa e un camiño empedrado de entrada que se verá afectado.

Precisamente, as obras deste vial xa foron obxecto de polémica hai dez anos xa que o castro estivo a piques de desaparecer. A construción dun túnel na base do monte posibilitou que se puidera manter en pe boa parte do ben arqueolóxico. Pero as novas obras suporán case unha estocada definitiva ao arrasar con boa parte da estrutura exterior do castro.

Guerreiro castrexo atopado no castro de Montealegre/ http://www.historiayarqueologia.com/ FdV
Guerreiro castrexo atopado no castro de Montealegre/ http://www.historiayarqueologia.com/ FdV
Nas escavacións de urxencia que se levan realizado nos últimos meses para rescatar, precisamente, os restos de zonas que se verán afectadas pola ampliación do túnel no desdobramento do Corredor, apareceron numeroso obxectos, aínda que o máis destacado é unha escultura antropomorfa duns 60 centímetros de altura.

A figura é de granito e non conserva a cabeza. Representa un humano sedente cos brazos pegados ao corpo. O gran valor da peza reside, entre outros aspectos, en que foi atopada no propio contexto arqueolóxico. Un feito que fai que o equipo do arqueólogo Miguel Vidal apunte a que se trate dun guerreiro castrexo.

As escavacións centráronse nos estratos inferiores do castro datados no chamado “cambio de era”, entre o século I a.C. e o século I d.C. Ademais do suposto guerreiro castrexo tamén foron clasificadas máis de 20.000 pezas, sobre todo restos de ánforas e de recipientes e utensilios de cociña. Parte deses obxectos serán reconstruídas en 3D.

Camiño de entrada

Outro dos grandes achados deste castro é o viario de entrada ao castro. Consérvanse en perfecto estado máis de 10 metros desa vía. Algo que non é nada común nos castros galegos. E, curiosamente, parte dese viario pode ser afectado polas obras do corredor.

Asta de cervo de 2000 anos / http://www.historiayarqueologia.com/ FdV
Asta de cervo de 2000 anos / http://www.historiayarqueologia.com/ FdV
O castro de Montealegre alcanzou as 3 hectáreas de superficie e calcúlase que residiron nel unhas 300 persoas. Unha superficie enorme e que o sitúa xunto con castros como o de Santa Tegra ou San Cibrao de Las entre os máis grandes de Galicia.

Na zona oeste do xacemento escavado atopouse un enorme concheiro colectivo, con grande cantidade de restos de molusco o que denota a importancia destes na dieta da época. Tamén se conservan restos orgánicos das especies de animais que comían, entre as que destaca unha hasta de cervo con 2.000 anos de antigüidade. Apareceu tamén unha moeda coa efixie do emperador romano Tiberio (14-37 A.C.).

Petróglifos

Outra das riquezas deste ben arqueolóxico é a presenza preto do lugra de varios gravados rupestres que foron declarados BIC no ano 1974 co nome Petróglifo Castro de Montealegre. Outra construción relevante, tanto dende o punto de vista arqueolóxico como etnográfico, é o manantial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, situado na zona norte do castro.

Precisamente, o perigo ao que están expostos os petroglifos galegos e tamén a situación do castro de Montealegre son temas aos que se refire o arqueólogo marinense Álvaro Arizaga nunha entrevista publicada esta mesma semana na páxina do proxecto TeleArqueoloxía. Para Arizaga só temos palabras de admiración e de agradecemento: de grande admiración polo seu labor divulgativo colaborando con entidades sociais e culturais como guía de rutas enfocadas á promoción do patrimonio ou como ponente en xornadas informativas; de fondo agradecemento pola súa implicación -asesorando, elaborando documentación, participando en xuntanzas a nivel político- no rexeitamento ao polígono industrial proxectado no Monte Pornedo (Pituco) e que afectaría aos conxuntos rupestres de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro.

Tan interesante é a súa achega, que a reproducimos integramente a continuación:

100_2185

Álvaro R. Arizaga Castro estudou Historia coa especialidade de Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente imparte docencia na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Ten participado en diversos traballos de investigación arqueolóxica, entre os que destacan por exemplo as intervencións na necrópole megalítica de Hayas-Pozobal (Cantabria), Le Yaudet (Bretaña), Forno dos Mouros e Punta dos Prados (Ortigueira), Castro do Neixón (Boiro), A Cabeciña de Mougás (Oia), xunto con outros diversos traballos de prospección e investigación antropolóxica. O seu proxecto de tese de doutoramento trata de relacionar o folklore europeo coa arqueoloxía da paisaxe. 

Telearqueoloxía. Durante a súa intervención nos Obradoiros de Investigación Arqueolóxica de Telearqueoloxía 2016 celebrados na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, non faltaron as referencias ao Castro de Neixón en Boiro, un xacemento no que se leva traballando xa por máis de vinte anos. Cales son as sorpesas que esconde Neixón?

Álvaro Arizaga. O Neixón é un lugar moi fermoso e un xacemento arqueolóxico excepcional na arqueoloxía galega, por ser un dos primeiros escavados científicamente en Galicia e polo peculiar dos seus resultados. Nel se combinan varios factores de mérito: a antigüidade dos restos, a presenza de elementos foráneos (vidro), a relación coa explotación metalúrxica do estaño, a interesante evolución dende a época prehistórica á romana, a relación co mar e outros moitos debates históricos. Por desgraza é tamen un lugar difícil de escavar, de restaurar e tamén de explicar, entre outras razóns porque moitas estruturas eran perecedeiras, de madeira e terra. Isto provoca que sexa un castro tecnicamente “difícil”, pero precisamente por iso tamén é un desafío aprender á xente a entender ese lugar con ollos de arqueólogo.

Por outra banda, a principal virtude do Neixón é a xente que vive en torno a él, a xente da parroquia de Cespón e o seu patrimonio antropolóxico excepcional, como xa destacara López Cuevillas. Nós aprendemos moito máis deles ca eles de nós. No proxecto dirixido por Xurxo Ayán dende 2003 ata 2008, un dos principais obxectivos era precisamente relacionar antropoloxía e arqueoloxía e rachar coa barreira e os recelos que normalmente separan aos arqueólogos dos habitantes do lugar. Honestamente, creo que foi a maior virtude daquel proxecto. Para nós, e para os veciños, as obras inacabadas e extremadamente agresivas que se fixeron no entorno do centro de interpretación foron unha catástrofe, precisamente porque significaron o final daquela confianza e daquela esperanza. Os traballos arqueolóxicos “tradicionais” seguen en marcha hoxe en día, pero para min os tesouros e “sorpresas” que garda O Neixón non son tanto os novos restos que poidan aparecer, como o que ese xacemento nos ensina sobre a historia da investigación arqueolóxica en Galicia. Para mellorar a xestión do patrimonio en Galicia debemos reflexionar sobre as virtudes e defectos dos traballos arqueolóxicos realizados no Neixón, dende principios do século XX ata principios do século XXI. É un caso moi ilustrativo.

T. Dentro xa do ámbito pontevedrés, mencionou o castro de Montealegre no Morrazo, un castro de grande entidade descoñecido para moita xente. Qué nos pode contar deste interesante lugar arqueolóxico?

A.A. O castro de Montealegre, ó lado de Rande e Domaio, é un caso moi semellante ó Neixón nalgúns aspectos: por exemplo, ambos están entre os primeiros castros escavados en Galicia, ambos teñen unha longa ocupación (entre a idade do bronce e a época romana), as estruturas visibles son impresionantes en ambos casos, os dous son castros “marítimos” (ou, mellor dito, costeiros) fundamentais na historia das Rías Baixas… Tamén existen notables diferencias: principalmente, Montealegre nunca foi convertido nun lugar visitable para o turismo e o público en xeral, en parte por ser de propiedade privada, entre outras razóns relacionadas coa desidia e o desleixo patrimonial que sofre o país. Ademais diso, Montealegre, pese a ser un dos castros máis importantes e espectaculares da Ría de Vigo, padeceu múltiples destrozos en tempos recentes: destrucción do seu ámbito costeiro, industrias, vías de comunicación… O máis recente é o túnel do Corredor do Morrazo, que o atravesa polo medio e precisamente se está ampliando agora mesmo. Nas obras arqueolóxicas que se fixeran no seu momento, dirixidas por Roberto Aboal, apareceron en ambas ladeiras moitísimas estructuras (muros, casas) e unha enorme riqueza de materiais cerámicos e metálicos. Destacaron sobre todo as xoias romanas, algunhas delas practicamente novas, como para usar. As escavacións actuais, dirixidas por Miguel Vidal, prometen resultados semellantes. O malo disto é que, como case sempre na arqueoloxía de obras públicas, os obxectos se recuperan e as estructuras se documentan, pero todo remata nos almacéns dun museo e, no caso dos inmobles, destruído polas máquinas despois da escavación. Estase a escavar agora mesmo pero non existe ningún programa de visitas e a sociedade nin sequera sabe que é a súa última oportunidade para ver ese xacemento antes da súa (segunda) destrucción parcial. A Xunta e as empresas ampáranse en que é unha obra perigosa que non se pode visitar pero… definitivamente, temos un problema con este tipo de casos (pode buscarse na rede o que pasou co castro de Punta de Muros / Punta Langosteira, escavado por completo e destruido por completo, con ignorancia total por parte da sociedade, na construcción do Porto Exterior da Coruña). Ademais de todo isto, Montealegre é un lugar fermosísimo, polas vistas sobre a ría, pola fraga de corticeiras que o cobre, polos petroglifos que hai no castro, pola impresionante fonte-mina da Cova da Londra, con lenda incluída… Riqueza arqueolóxica oculta, moi oculta, pese ós esforzos dos investigadores por sacala á luz.  

T. Alá polo ano 2007 publicaba xunto con Xulio Abal o primeiro catálogo de petróglifos do concello de Marín, e xa daquela deixaba varios apuntes sobre o seu delicado estado de conservación. Desde o seu punto de vista, cales son as principais ameazas ás que se enfronta o noso patrimonio arqueolóxico rupestre actualmente?

A.A. Antes de nada, debo dicir que en absoluto é o primeiro catálogo de petróglifos do concello de Marín. Precisamente a nosa laboura foi a mera recompilación de traballos anteriores, así que todo o mérito do traballo de campo débese ós que traballaron antes ca nós, como Antonio de la Peña, por mencionar o exemplo máis evidente. Para ese libro consultamos, entre outros moitos traballos del, a súa tesiña de licenciatura sobre a arte rupestre do Morrazo, inédita, depositada no departamento de Historia I da Universidade de Santiago, que data de 1978.

Tratarei de ser máis breve nesta resposta, porque a realidade é moi sinxela e contundente. O perigo físico inminente para os petróglifos son os incendios forestais. Un lume por riba da pedra significa a desaparición inmediata dos gravados, como xa ten pasado en moitos casos que temos documentados, con perdas parciais ou totais dos motivos. Isto podería evitarse cunha sinxela limpeza forestal periódica no entorno das pedras, pero aquí chega o segundo perigo, que non é físico senón sociopolítico: o principal perigo para os petróglifos galegos é o incumprimento das leis de protección do patrimonio por parte das institucións políticas. A culpa recae en todas as administracións (locais, provinciais…) pero moi especialmente na Xunta de Galicia, directamente na Consellería de Cultura e na Dirección Xeral do Patrimonio. A investigación está feita, teñen toda a información e teñen profesionais cualificados (arqueólogos e conservadores-restauradores). Investigadores como Fernando Carrera teñen protestado unha e mil veces por esta situación, como mínimo dende hai 25 anos para aquí. Se non se poñen as medidas para que isto non pase é por desinterese, ignorancia, deixadez… ou por causas económicas. Que conste que cando digo isto non me refiro a que non haxa cartos para facelo, en absoluto: protexer o patrimonio é moi barato. O problema é que protexer o patrimonio pode ir contra outros intereses económicos que hai no monte (basicamente a industria do eucalipto, léase ENCE). Preguntémonos: ¿cales son as prioridades da sociedade galega?

T. No pasado mes de maio, durante a presentación de Telearqueoloxía 2016 no Museo de Pontevedra, escoitamos a Buenaventura Aparicio falar das necesarias conexións entre antropoloxía e arqueoloxía como disciplinas complementarias que deben ir sempre da mán. Cal é a súa opinión ao respecto?

A.A. Xa comentei algo en relación con isto anteriormente, falando do Neixón. Buenaventura Aparicio é un verdadeiro mestre ó que moitos tentamos seguir na súa loita por relacionar antropoloxía e arqueoloxía, etnografía e prehistoria. Podo mencionar outros grandes mestres coma él, que van na mesma liña, como Vázquez Varela e, por suposto, antes deles todos os da Xeneración Nós, coma López Cuevillas e Xaquín Lorenzo. A tradición académica hispana (e latina en xeral) separa ambas disciplinas porque case tódolos arqueólogos procedían e proceden da historia ou da historia da arte. Pouco que ver coa antropoloxía. Sen embargo, nos países anglosaxóns, por exemplo, arqueoloxía e antropoloxía estúdanse conxuntamente, para min, esta mistura é absolutamente fundamental, porque o risco da arqueoloxía é rematar convertida nunha “ciencia dos obxectos” separada do ser humano. A antropoloxía apórtalle ese compoñente inmaterial que é clave para entender o obxectivo último das ciencias humanas. Por outra banda, o certo é que na Galiza temos un patrimonio antropolóxico extraordinario derivado da forte conservación da cultura campesiña. Temos ademais unha certa “urxencia” por estudar e documentar este patrimonio en risco de extinción. Existen moitísimos ámbitos nos que ambas disciplinas están interconectadas, se é que realmente son disciplinas diferentes. Hai quen dixo que “a arqueoloxía, ou é antropoloxía, ou non é nada”.

T. Se tivera que escoller ou destacar un lugar arqueolóxico concreto dentro do ámbito provincial pontevedrés, por cal se decidiría? por qué?

A.A. Non se pode escoller un único lugar. É imposible. Precisamente Galiza caracterízase por unha extraordinaria densidade de sitios arqueolóxicos, moitos deles pequenos e de importancia aparente relativa collidos dun en un. O que aporta riqueza é o contexto, a pluralidade, as conexións entre uns e outros, o territorio e a paisaxe como patrimonio múltiple e colectivo. No momento en que a Xunta escolleu privilexiar catro grandes Parques Arqueolóxicos, como o de Campolameiro e San Cibrán de Lás por exemplo, escolleron unha tendencia científica que busca primar os exemplos concretos de “calidade” pero vai totalmente en contra da realidade arqueolóxica galega, onde a cantidade destaca moi poderosamente. Todo isto dígoo en comparación con outros territorios peninsulares e europeos. A única maneira de escoller, para min, deriva de aprezos moi subxectivos e persoais, así que, dado que nesta entrevista estou mencionando castros das Rías Baixas, mencionarei outros dous castros das Rías Baixas moi importantes na miña vida: o Castro da Subidá, en Marín, e o Castro Liboreiro, en Bueu. Ambos impresionantes, dos máis importantes do Morrazo xunto con Montealegre e Donón, ambos bastante esquecidos e bastante abandonados, cada un á súa maneira.

Finalmente, dado que a arqueoloxía é, e debe ser sempre unha busca, unha investigación, un “aprender a mirar”, para excitar a curiosidade dos lectores mencionarei tamén un monumento megalítico que existe na provincia de Pontevedra, totalmente ignorado pola sociedade en xeral pese a estar catalogado e publicado, totalmente sen escavar, pero que é tan impresionante como Dombate e ten, incluso, máis pintura que o dolmen de Dombate. Nese lugar, no seu estado actual, o risco derivado do turismo masivo sería enorme. Non mencionarei o seu nome. Escollo, por tanto, tres sitios arqueolóxicos que precisan actuacións de protección e conservación con maior ou menor urxencia.

T. Xa por último, qué opinión lle merece a idea de divulgar o noso patrimonio arqueolóxico a través de curtametraxes ou videograbacións realizadas por aficionados, tal e como propón Telearqueoloxía 2016?

A.A. Na medida en que é unha iniciativa para o coñecemento e divulgación do patrimonio arqueolóxico, paréceme excelente. Dito isto, sempre hai aspectos mellorables. O primeiro é que existen carencias enormes na protección do patrimonio arqueolóxico, como xa levo mencionado varias veces nesta entrevista. O problema da divulgación sen protección previa é que pode xenerar consecuencias indeseadas: penso no megalito mencionado na resposta anterior e penso sobre todo no Ghidoiro Areoso, na Ría da Arousa, un espazo natural e arqueolóxico impresionante en situación crítica de conservación pola afluencia masiva de turismo incontrolado. Non quero dicir que non debamos dar a coñecer o que hai, en absoluto: precisamente o que temos que facer é rematar coa ignorancia e quizais o concurso “Telearqueoloxía 2016” sirva precisamente para que se dea a coñecer o mal estado e a fraxilidade do noso patrimonio arqueolóxico. Pese a estas reticencias, é obvio que este tipo de proxectos e iniciativas sempre son benvidos. Agardo con moitísimo interese os resultados.  


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: