Dende hai uns días a pista forestal do Monte Pituco presenta un aspecto ‘renovado’ tralos traballos de desbroce realizados con medios mecánicos en ambas marxes do camiño.
A diferenza doutros anos nos que se ten cometido a imprudencia de realizar esta actuación en plena vaga de calor, co terreo e coa vexetación extremadamente afectados pola seca -co que isto implica no elevado risco de incendios-, nesta ocasión estas labores cadraron con temperaturas moderadas e tendo pasado uns días dende que caeron precipitacións que contribuíron en parte a refrescar un pouco o ambiente neste verán que pasará aos rexistros históricos por ser dos máis cálidos dos últimos anos.
O que seguramente lle pagaría moito a pena á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián sería ter supervisado ao pé do terreo o desenvolvemento das manobras de desbroce para comprobar que se realizaban con plenas garantías.
Independentemente de que tal vez con maquinaria tan pesada non é doado traballar con demasiada precisión, cabe salientar a cantidade de árbores que resultaron con ‘feridas’ no seu tronco a consecuencia das coitelas do brazo articulado co que se esgaza, corta e tritura a materia vexetal rozada.
En todo caso, o máis destacable no resultado destas labores de desbroce é -ao noso modesto modo de ver- a cantidade de materia vexetal -pólas e troncos de árbores, restos de xestas e mesmo pedras tronzadas dos taludes- que quedaron tirados no rego lateral esquerdo, en dirección ascendente. Por esta canle de terra é por onde discorren maiormente as augas pluviais, de aí a importancia de que estea o máis limpa posible para que poida evacuar a auga que baixa con forza pola incidencia da pendente natural do monte.
Se estes regos se atascan con materia vexetal ou pedras, o que sucederá é que a auga rebordará da canle e acabará formando un torrente polo medio e medio da pista, erosionando o firme e deixando o vial impracticable. Quedaría así ao descuberto a rocha nai que hai no subsolo, máis todos os residuos -restos de obra, anacos de asfalto que foron depositaron os desaprensivos en sucesivos recheos, residuos de orixe variopinta e mesmo a mangueira que conduce a auga dende o manancial ata o depósito que abastece a veciñanza da Laxe, que ata hai ben pouco estaba á vista-.
Quen poida achegarse polo Monte Pituco apreciará que, en efecto, a pista ampliou notablemente a súa superficie porque os operarios das máquinas foron mesmo xenerosos no seu quefacer, e extenderon o brazo articulado ata espazos onde as desbrozadoras non se tiñan adentrado en anteriores operativos, máis superficiais.
Iso non quita que, quen se considere perfeccionista e detallista, bote en falta un “repaso” con medios humanos e unhas poucas ferramentas para ‘raspillar o máis gordo’ que quedou atrás, retirar os restos vexetais do rego principal e amorealos para ser desmenuzados.
…Sobre todo, porque se trata dunha medida perfectamente asequible, que non cómpre extender a todo o trazado da pista, senón tan só a treitos puntuais onde había máis concentración de xestas e de especies invasoras, como pequenas acacias. Quitando eses puntos máis sensibles, o estado da pista en xeral xa era relativamente aceptable.
Ogallá se puidera completar esta actuación con ese “repaso” preventivo, antes de que cheguen as chuvias intensas e continuadas do outono e do inverno, e que a pista do Pituco estea a punto para superar as inclemencias do tempo que nos agardan para os vindeiros meses.
[…] dende os meses de setembro e outubro se viña traballando na mellora da pista, desbrozando os taludes laterais, limpando os […]
By: NOVA SINALIZACIÓN NA PISTA DO PORNEDO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 15/11/2016
at 20:23