Publicado por: MontePituco | 01/09/2016

PROPOSTAS DE MELLORA NO PITUCO PARA A COMUNIDADE DE MONTES (6/12)

Folletos do Espazo Sete Camiños

Comezamos o mes de setembro coa expectativa de que a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián atenda a petición da Asociación MONTE PITUCO para manter unha xuntanza na que poder detallar polo miúdo a ducia de propostas que se lle trasladaron por escrito a mediados do pasado mes de xullo.

Entre as medidas que se lle trasladaron á Comunidade de Montes figuraba instar o Concello de Marín a incluír folletos divulgativos do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños na oferta informativa da caseta turística situada a carón da Escola Naval Militar. Así como o ano pasado o expositor estaba practicamente desabastecido, este verán puidemos comprobar que a punto de información aos visitantes dispón dun puñado de trípticos e de cadernos explicativos da ruta.

Ao parecer, sen embargo, é na Comunidade de Montes de San Xulián onde se esgotou este material gráfico, de modo que a directiva tería iniciado conversas co Concello de Marín para que o Goberno local colabore na impresión dunha nova tirada de folletos. Que nos conste, o único colectivo -polo menos desta parroquia- que ten demandado en varias ocasións lotes de trípticos e cadernos é a Asociación MONTE PITUCO, con motivo das andainas organizadas en colaboración con colectivos, como a Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo, o colectivo xuvenil Jóvenes Pioneros e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo

…Nin sequera con motivo do primeiro aniversario da inauguración do Espazo Sete Camiños as tres comunidades de montes de San Xulián, Salcedo e Lourizán se puxeron de acordo para repetir a experiencia e convocar a cidadanía dos concellos de Marín, Pontevedra e dos arredores a conmemorar xuntas a posta en marcha desta iniciativa tan longamente ansiada polos integrantes da comisión técnica que hai anos comezamos a traballar a prol da súa creación.

Igualmente, no documento presentado á directiva dos comuneiros de San Xulián se suxería que o material informativo de Sete Camiños estivese tamén a disposición do público que visita o Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor, onde periodicamente se fan visitas diurnas e nocturnas. Entendemos que a difusión do patrimonio arqueolóxico do Concello de Marín non debe cinguirse unicamente aos gravados de Mogor, senón facela extensible ao resto do patrimonio arqueolóxico da vila e, particularmente, a San Xulián, a parroquia con maior densidade de xacementos rupestres do municipio.

Outro organismo que podería contribuír a amplificar o eco do Espazo Sete Camiños é a Mancomunidade Terras de Pontevedra, á que pertence o Concello de Marín, e que ten entre os seus obxectivos a promoción do patrimonio arqueolóxico. Obviamente o Goberno local tería que ser o primeiro en “crer” no Espazo Sete Camiños, apoialo dun xeito moito máis comprometido do que ten feito ata agora -en todo un ano non organizou máis que un roteiro guiado pola zona, que a piques estivo de quedar aparcado ou descartado- e valorar accións de mellora, reposición de sinalización e liñas de axudas ás que se poida acoller para dalo a coñecer a nivel provincial e autonómico.

Pero por forza hai que comezar a intensificar a súa promoción entre a propia veciñanza marinense, que maioritariamente non ten nin idea de que nesta área que abranguen os montes de San Xulián, Salcedo e Lourizán se atopa unha das principais concentracións de arte rupestre de toda a contorna, á que se suman mámoas, patrimonio inmaterial e unha rica biodiversidade.

Por iso cómpre instalar sinais indicadores de dirección nalgún punto determinado do casco urbán de Marín que indiquen a habitantes e visitantes foráneos como se chega á entrada do Espazo Sete Camiños que se atopa no acceso á pista forestal do Monte Pituco. Dous deses puntos poderían ser o cruce da Avenida de Ourense coa rúa República Arxentina para os que veñan dende Pontevedra; e outro na intersección das rúas Jaime Janer e Concepción Arenal para quen chegue ata o centro dende Seixo e Bueu.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: