[Visita de directivos da Comunidade de San Xulián ao miradoiro do Pornedo en vésperas da inauguración do Espazo Sete Camiños, xullo de 2015]
Cantos roteiros ten organizado a Asociación Monte Pituco pola súa conta ou en colaboración con algunha outra entidade? Polos arredores do Monte Pituco, polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, polo monte veciñal da parroquia… Xa van uns cantos dende finais de 2009, cando botou a andar esta aventura de David vs. Goliat. Cantos contaron coa participación dalgún representante da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián? Cero. Ningunha das directivas que pasaron pola Comunidade de Montes nestes sete anos apoiou ou se dignou en asistir a ningunha desas andainas nas que se daban a coñecer petroglifos, mámoas, lendas, especies de fauna e flora, paisaxe…
As únicas actividades das que hai constancia que participase a actual directiva teñen que ver coa inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico o 7 de xuño de 2015 e cunha andaina o 5 de xullo do mesmo ano polo Lago de Castiñeiras, organizada pola Fundación homónima.
…E cantísimo patrimonio natural e histórico ten a parroquia de San Xulián no seu monte! Como para organizar varias rutas de sendeirismo que as percorrese polo menos unha vez ao ano: o ‘balcón da ría’ no Pornedo, Castelo do Barbudo e Pedrouzos, os conxuntos rupestres de Champás e da Carrasca, o rego do Lameira, o castro da Subidá…
Por iso, no documento de propostas de actuación que se lle entregou hai dous meses á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián -agardando estamos a oportunidade de poderlle expoñer verbalmente esas suxestións nunha xuntanza ao longo deste mes de setembro- figura animar encarecidamente os representantes dos comuneiros a asistir, participar e involucrarse nas actividades de tipo divulgativo e formativo que teñan que ver co monte da parroquia: non só andainas, senón tamén charlas sobre patrimonio natural e cultural, organización de experiencias relacionadas coa dimensión multifuncional do monte veciñal, acudir a xornadas e accións formativas sobre este ámbito nas que -por experiencia propia- se aprende moito e se coñece o xeito no que funcionan outras comunidades de montes con modelos de xestión eficades e contrastados…
Non é nada malo. Sobran prexuízos e faltan ganas. Paga a pena un esforzo entre todas as persoas que conforman a directiva para írense turnando nesa faceta das ‘relacións públicas’, que vai máis aló das aparencias, das fotos e dos titulares na prensa.
Unha maior implicación da Comunidade nas iniciativas a prol da defensa do monte veciñal non só redundaría na boa imaxe da entidade, ‘tocada’ nos últimos anos polos -cando menos- extraños ‘criterios’ que marcaron o mandato de anteriores directivas. Reforzaría ademais a percepción que ten a veciñanza do compromiso por parte dos responsables da Comunidade coa mellora do monte comunal. A actitude dos directivos sería un referente e un exemplo de conducta para os habitantes da parroquia, nun momento no que é fundamental concienciar e sensibilizar a poboación no respecto ao medio natural, en inculcarlles interese e aprecio polo coñecemento e pola protección do monte de todos e todas.
Entre os directivos comuneiros polos que temos admiración, polo exemplo de entrega e de interese que representan, sempre citamos o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos. Calquera persoa que percorra o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ou o Roteiro das Mouras en Salcedo, ou a contorna do río e dos muíños do Batán, ten moitas posibilidades de atopar a Pintos camiñando polos camiños, pau en ristre, observando, supervisando a evolución das plantacións arbóreas, comprobando o bo estado dos regos ou das pontes… É o primeiro en dar a benvida cunhas palabras a todos cantos visitantes se achegan ata o monte de Salcedo nas andainas que organiza a propia Comunidade de Montes, a Asociación de Veciños de Salcedo ou o Concello de Pontevedra… E entre os directivos das Comunidades de montes de Pontevedra e da súa bisbarra, Pintos conta cun prestixio, unha solvencia e un criterio forxado a base de traballo serio, coherencia e xenerosidade.
Abofé, un espello no que mirarse.
Deixar unha resposta