Pasaron 24 anos dende a plantación de medio milleiro de sequoias vermellas de California (Sequoia sempervirens) no monte Castrove, en Poio, nunha zona pertencente á Comunidade de Montes de San Xoán. Varios sinais indicadores guían -en dirección ao lugar da Escusa- os visitantes que se acheguen a este espazo natural, con amplas vistas da ría.
Un grupo de mozos estadounidenses desprazáronse en 1992 ata Poio para estudar as dúas hectáreas de terreo no que os técnicos acabaron plantando as árbores, das que prosperaron uns 450 exemplares. Unha resolución do Congreso de Estados Unidos asinada polo daquela presidente George Bush (pai) da fe do propósito desta iniciativa: “Un agasallo á xente de España” con motivo do quinto centenario da viaxe de Cristóbal Colón.
Símbolo “da esperanza dun futuro de crecente amizade” entre os habitantes das dúas beiras do Atlántico, estas sequoias do Monte Castrove aínda son bastante novas, tendo en conta que se trata dunha especie que pode acadar os 115 metros de altura e superar os 2.000 anos de vida
Hai artigos que se refiren ao “bosque de Colón” como a meirande plantación de sequoias a nivel europeo. Sen embargo, no Monte Cabezón, no municipio cántabro de Cabezón de la Sal, existe dende 1940 outro bosque de 2 hectáreas con máis de 800 sequoias, que está catalogado como “Monumento Natural”.
O bosque de sequoias no concello de Poio é un espazo tranquilo e agradable, relativamente ben conservado, malia algúns ataques vandálicos puntuais: falta a placa instalada no penedo que dá a benvida ao recinto aos visitantes, a porta de madeira no acceso está deteriorada e os comuneiros teñen referido outras agresións en fontes e outro mobiliario… Pero paga a pena coñecelo, dar un relaxante paseo entre estas árbores de porte tan grandioso, deterse a escoitar os paxaros que pían nas súas pólas e observar os insectos que habitan entre a flora que poboa o solo.
Algunha que outra familia vén pasar a xornada nesta paraxe, aproveitando as mesas e os bancos de pedra dun merendeiro próximo. E por suposto, gozar da panorámica, con Marín e o Monte Pornedo en fronte, a illa de Tambo no medio da ría e un extenso piñeiral na ladeira do Castrove.
Deixar unha resposta