Publicado por: MontePituco | 24/08/2016

CASTIÑEIRAS: REFLEXIÓN POST-ECOFEIRA

Ecofeira en Castiñeiras

O Lago de Castiñeiras volveu encherse de xente este pasado domingo con motivo das actividades organizadas pola empresa Ekohuerta Eventos. Grupos de familias e de amigos ocupaban as mesas e os bancos de pedra para pasar o día de xantar e de merenda, gozando do bo tempo e do ambiente lúdico desta feira.

Malia o deterioro que presenta actualmente este entorno natural, coa acumulación de vexetación e os desperfectos nas instalacións, a afluencia de público permitía rememorar en parte a época de esplendor de Castiñeiras, nos anos 80, coa mítica Festa do Cazador na que se organizaban concursos de pesca infantís, exhibicións deportivas, sorteos, actuacións musicais -quen non lembra o xenuino John Balan aporreando unha porta vella e imitando as melodías dunha trompeta- e ata misa ao aire libre…

Ecofeira en Castiñeiras

Poderíase opinar se foi atinada a data de celebración da feira no calendario festivo da contorna, polo feito de cadrar coa Festa Corsaria en Marín ou coa derradeira xornada das Festas da Peregrina en Pontevedra; se esas coincidencias restaron asistencia (ou non) a esta convocatoria; se a información e a promoción que se fixo foi suficientemente intensa, extensa e eficaz para acadar o eco desexado.

Sobre o contido da ecofeira, pódese opinar se había moitos ou poucos postos; se os produtos que había á venda -artesanía creativa e complementos, plantas medicinais, decorativas e aromáticas, antigüidades, prendas de roupa, cervexas artesanais, queixos, chourizos e alimentos de granxa, artículos de cestería e de madeira…- eran os idóneos; se a ubicación da feira era axeitada ou se eran equitativos os criterios da organización para adxudicar as prazas aos vendedores que participaron; se o volume da música que saía dos amplificadores da discoteca móbil era o atinado ou se podía ser aínda máis enxordecedor; se o estilo e a calidade dos temas musicais que soaban era apropiado para un espazo aberto ou se as letras das cancións podían subir o nivel en machismo e vulgaridade.

Ecofeira en Castiñeiras

…O que non é opinable é o desastroso estado da lagoa; unha situación que se repite verán tras verán cando o sol apreta elevando os termómetros por riba dos 30 graos e cando as precipitacións diminúen drasticamente. Entre as filtracións que presenta o dique de contención, o fenómeno natural da evaporación da auga e a ausencia de chuvias, apenas queda un mísero ‘chupito’ de auga para que os patos poidan refrescarse, porque o resto da fauna -foránea e invasiva nunha meirande parte, entre carpas, cangrexos e outras especies exóticas- debeu facer as maletas, metaforicamente falando.

A Comunidade de Montes de San Xulián queixábase nos últimos días dos serios inconvintes que suporía a falta de auga en Castiñeiras no caso de sufrir un incendio forestal nas proximidades, pola imposibilidade para as motobombas e os helicópteros se abasteceran neste punto de captación que actualmente se atopa tan gravemente mermado.

Escased de auga no lago

Escased de auga no lago20160821_195933

Pódese opinar da proliferación de cartelería, paneis e sinais indicadores, cada un ‘de seu pai e de súa nai’ en termos de deseño gráfico, pola falla de homoxeneidade e de criterio dende o punto de vista da ausencia dunha imaxe corporativa unificada e coherente. Hainos rectangulares, cadrados, metálicos, de madeira…

Uns anuncian a posta en marcha da Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo, outros indican a senda dos muíños de Vilaboa, outros marcan o comezo da ruta das mámoas, ou advirten sobre a obriga de depositar o lixo nos contedores, ou avisan das prohibicións que rexen na parte do lago correspondente á Comunidade de Montes de Vilaboa…

Cando non é a propia Administración autonómica a que vén plantarnos diante do fuciño un enorme valado publicitario anunciando -casualmente, en época preelectoral- unha operación de “acondicionamento e mellora de infraestruturas” na que se preocupan de poñer ben visible o logo da Unión Europea para que ninguén desconfíe das ‘honrosas’ intencións de tan nobre fin…

Sinaléctica no Lago de Castiñeiras

Escased de auga no lago

Escased de auga no lago

Escased de auga no lago

Escased de auga no lago

Sinaléctica no Lago de Castiñeiras

Sinaléctica no Lago de Castiñeiras

Como tamén é opinable que na contorna do lago, no medio do bosque, estea abríndose unha tupida rede de sendas entre o arborado, feitas cun material moi compactado que mesmo debe conter algún produto endurecedor semellante ao cemento.

Porque poderíase opinar sobre a utilidade destes camiños e a súa hipotética función de -acaso- facer o paseo accesible a persoas que se desprazan, por exemplo, en cadeiras de rodas, ou procurar que sexa máis asequible para os anciáns con dificultades de mobilidade que non se manexan entre as raíces das árbores, a lama ou as irregularidades propias do terreo.

Aínda que tamén se podería opinar sobre a idoneidade (ou non) de levar a cabo actuacións que rematan convertendo un espazo natural -e que debería seguir sendo completamente natural- nunha deturpación, pola viciada práctica nalgúns concellos de levar a ‘civilización’ e a urbanización ata a mesmísima area da praia, ou a mesmísima pedra do río, ou o mesmísimo borde do acantilado…

Novas sendas... con cemento?

Novas sendas... con cemento?

Novas sendas... con cemento?

Rede de sendeiros interiores no recinto do lago

E mesmo debería ser opinable se un sendeiro pode chegar (ou non) ata un territorio tan sensible de Castiñeiras como é unha braña; o delicado ecosistema no que habitan especies de fauna e flora que deberían contar cun ‘plus’ de protección…

Novas sendas... ata a mesmísima zona de braña?

…E seguindo coa relación de aspectos opinables, por que non opinar tamén  sobre a época do ano -en pleno agosto, con alertas por vaga de calor e alto risco de incencios- na que se está levando a cabo o desbroce dos espazos arborados, coa eliminación de especies invasivas e pirófitas como as acacias.

Tarefas de desbroce

Pero o que non é en absoluto opinable, onde non cabe nin ápice de discusión, o que ninguén cun mínimo de sensibilidade e de sentido común pode negar é que a Mámoa do Rei se atopa nun estado de abandono atroz, despois de que investiran -ou máis ben se tiraran ao lixo, visto o visto- moitos cartos na súa recuperación.

Un dos principais activos na promoción turística da bisbarra do Morrazo e na provincia de Pontevedra, un dos polos de referencia do patrimonio histórico galego, un dos lugares de visita obrigada por parte de escolares, afeccionados á arqueoloxía ou visitantes en xeral, está literalmente cuberto de xestas, silvas e toxos. A imaxe é lamentable e provoca unha mestura de vergoña allea, indignación e mágoa.

O risco de incendio é máis que evidente, con tanta vexetación rodeando o xacemento. As posibilidades de que as lapas leven por diante este e outros túmulos da contorna son elevadas: a cista e a mámoa de Chan de Castiñeiras malamente se dan atopado entre a follaxe e o fento. 

Resulta inexplicable que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta consinta ter estes vestixios nestas condicións; que os concellos de Marín e de Vilaboa non tomen cartas no asunto para protexer estes bens, como corresponde por lei; que as comunidades de montes non poidan facer máis para garantir a súa conservación integrándoas na vocación multifuncional que debería ter o monte; que a sociedade non erga a voz contra este clamoroso caso de deixadez, abandono e desprezo pola identidade cultural e pola historia do pobo…

Non é opinable. Para algo que á vez é tan duradeiro no tempo -tanto como milleiros de anos- e tan efémero -tanto como que o lume pode destruílo de xeito irreversible en cuestión de minutos- esta situación é insostible e calquera actuación pola posta en valor do Lago de Castiñeiras pasa, ineludiblemente, polo mantemento do patrimonio. É unha cuestión de imaxe, de compromiso, de lóxica aplastante, de rigor legal, de aposta pola promoción turística e económica da zona…

Logo diso, todas as ecofeiras do mundo (e máis).

O lamentable estado da Mámoa do Rei

O lamentable estado da Mámoa do Rei

O lamentable estado da Mámoa do Rei

O lamentable estado da Mámoa do Rei

O lamentable estado da Mámoa do Rei

O lamentable estado da Mámoa do Rei

A Ruta das Mámoas de Castiñeiras, con vexetación de máis dun metro

 

 


Respostas

  1. lamentable!

  2. Paréceme xusto deixar constancia dun comentario a este mesmo artigo que aparece na rede social Facebook, asinado por Uxía Ojea, que di así:
    “Totalmente d acordo. Kerendo puntualizar q, nestos intres, as eleccións valen para algo. Non valdrán para sacar das nosas vidas o PP (que no caso d Marín, son os únicos q están traballando e mediando coa Xunta para q se leven a cabo os traballos no Lago), pero están servindo para q se esté vendo q con pouco q se fai na contorna do lago, o cambio é notable. Está claro q o desbroce está totalmente fóra d época e q o fan sen criterio, pois deixan en pé todo jarabullo vivo, cando un dos problemas do espacio é o excesivo volume d arbolado. Pero kero sinalar q os camiños q se están realizando (oportunismos aparte) son os diseñados no plan director para o arboreto. Están pensados e non postos o tun-tún. A braña se respeta e se kere sinalar para facela visible e protexela. E dos materiais, q decir (zahorra: material formado x áridos non triturados, suelos granulares, ou unha mixtura d ambos. Os materiais empregados para a súa elaboración son áridos non triturados procedentes d graveras ou depósitos naturais. Moi empregado como capa d firme).
    Sexamos críticos pero non protestóns. Os camiños nun lugar de uso público están ben e son necesarios. O lago Castiñeiras non é unha paraxe natural, é un lugar artificial, o cal precisa unhas mínimas adecuacións pra ser accesible a tod@s.
    A ecoferia d marras puido estar mellor ou peor, pero axudou a q o estado detestable do lago e a súa contorna fora visto por máis persoas e non só polos q loitamos e buscamos un espazo limpo e ben xestionado”.

  3. […] que foi dos sendeiros trazados e realizados con materiais compactados o verán pasado? Que as chuvias erosionaron o […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: