Se o pasado 27 de xullo DEFENDE O MONTE PITUCO presentaba no Concello de Marín unha solicitude para que se limpe a vexetación que invade as cunetas na estrada provincial Marín-Figueirido á altura dos lugares de A Bouza, O Caeiro e A Pena; se esa mesma petición houbo que reiterala este 16 de agosto ante a propia Deputación Provincial, como titular do vial; se nestes días son tamén veciños de San Xulián os que se queixan que nas propias beirarrúas -entre o cruce de San Pedro e o Muíño do Valado- as silvas sobrepasan as fincas para ocupar o espazo das baldosas; agora cómpre engadir unha nova eiva: a aparición de reiterados verquidos ilegais, localizados principalmente entre O Caeiro e a pista do Pituco.
Primeiro foron uns mobles vellos e destartalados que alguén tirou na arboreda a carón da estrada, na recta anterior ao cruce do Regueiriño. Nin sequera un panel metálico apelando a manter o recinto limpo pode frear a falta de conciencia social, a irresponsabilidade e o incivismo de quen ten a ‘caradura’ de vir chimpar ao monte uns residuos para os que xa existe un servizo municipal GRATUITO de recollida de enseres.
Uns días despois, a carón do contedor do lixo situado no lugar do Caeiro localizáronse seis garrafas que resultaron conter no seu interior restos de aceite de motor procedentes, case con toda probabilidade, dalgún taller. A propia veciñanza notificou este desagradable e sorprendente achado á Policía e unhas horas despois os bidóns foron recollidos.
O verquido máis recente atópase no lugar da Pena, a carón do acceso á Variante de Marín en sentido Bueu. Trátase de materiais de revestimento e sustancias aillantes, que por riba seguro que son pouco recomendables para a saúde e o medio ambiente, que poden ter a súa orixe nalgunha obra de reforma que se estea a facer nas proximidades.
Había tempo que non se producía unha sucesión de episodios deste calibre nesta parte de San Xulián. Contabamos con que o activismo da Asociación MONTE PITUCO denunciando todo tipo de agresións á natureza, ao patrimonio, á paisaxe e aos bens comúns da parroquia podía disuadir os maleantes, pero o atrevemento e a mala educación semellan non ter límites.
Só queda seguir erguendo a voz contra este tipo de accións reprobables; apelar sempre á colaboración veciñal para que denuncien se son testemuñas destas actitudes; solicitar a retirada dos residuos ás autoridades competentes e animar a que se investigue a orixe destas verteduras para sancionar duramente os autores, dándolle máxima difusión ás multas para que a súa trascendencia faga que alguén o pense dúas veces antes de encher o chimpín, o tractor ou a furgoneta para botar no monte o que corresponde depositar nun punto limpo ou a carón dun contedor previa notificación ao servizo de recollida.
Deixar unha resposta