Publicado por: MontePituco | 13/07/2016

SEGUEN AS QUEIXAS POLA PÉSIMA SITUACIÓN DO LAGO DE CASTIÑEIRAS

Mentres a Asociación DEFENDE O MONTE PITUCO e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo se esforzan na promoción dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás para que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños poida conectarse -a través desas estacións rupestres- coa contorna do Lago de Castiñeiras, outro colectivo quéixase ostensiblemente da pésima situación na que se atopa o Lago, tanto nas infraestruturas coas que conta como nos bens de interese arqueolóxico existentes nesa área, responsabilizando a Xunta de incumprir os seus compromisos en materia de conservación e mantemento.

A continuación, o comunicado íntegro da Comunidade de Montes San Martiño de Vilaboa denunciando esta situación.

Situación do Lago de Castiñeiras (foto: Comunidade de Montes S. Martiño de Vilaboa).

A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa, despois de reclamar en reiteradas ocasións á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o cumprimento -por parte desta- do convenio asinado entre as dúas partes, e despois de ter falado hai un mes e medio cos responsables da Xunta, e de comprometerse estes a realizar varios traballos de carácter urxente, de limpeza e de conservación do terreo conveniado, denuncia que todo segue igual e que só cumpriron un dos puntos que se lles reclamaba.

* Unico punto cumprido pola Xunta:

1º.- Existencia na contorna do Lago de Castiñeiras de varios abedules dañados e secos que é preciso cortar, fundamentalmente polo risco que pode supoñer a súa caída para a integridade física dos visitantes do Parque.

* Puntos que aínda faltan por cumprir:

2º.- Necesidade de reparar os valados de madeira no perímetro do monte obxecto de convenio, e de arranxar ou substituír as entradas a recinto, que tamén están danadas. Este punto é un dos máis importantes, polo mal estado no que están gran parte das balaustradas, moi deterioradas. Á parte de dar moi mala imaxe, tamén son un perigo, xa que en moitos treitos a madeira está rota e hai zonas cortantes e puntas metálicas oxidadas que quedan en situación de perigo para os visitantes.

3º.- Reparación e acondicionamento dos baños públicos que están nun pésimo estado.

4º.- Limpeza e poda das árbores do monte conveniado.

5º.- Limpeza da “Mamoa do Rei”, que está chea de matorral. Malia tratarse dun dos bens arqueolóxicos máis importantes de toda a bisbarra, está nun claro estado de abandono e deixadez.

6º.- Sinalización do Lago de Castiñeiras con carteis indicativos da localización das mámoas, dos baños públicos, dos quioscos e dos demais puntos de interese. É unha pena que coa cantidade de visitantes que nestas datas deciden achegarse durante as fins de semana ao lago, non haxa unha mínima sinalización para poder moverse pola contorna.

7º.- Reparación das casetas de madeira que albergan os contenedores de lixo.

8º.- Reparación das fugas de agua do muro de contención do propio lago.

Situación do Lago de Castiñeiras (foto: Comunidade de Montes S. Martiño de Vilaboa).

O 16 de novembro de 2001 asinouse un convenio entre a Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa e a Consellería de Medio Ambiente, que abrangue a zona do parque de Castiñeiras e a casa-refuxio situada na marxe do Lago. Neste convenio establecéronse unha serie de obrigas e de deberes para a Consellería, entre eles o “axeitamento e conservación como área de uso público” dos terreos conveniados.

Ante o incumprimento destas obrigas por parte da Consellería, e ante o estado de abandono actual que sofre o Lago de Castiñeiras, a CMVMC de San Martiño de Vilaboa presentou a correspondente queixa en xaneiro deste ano, seguida doutra nesa mesma liña o pasado 25 de maio.

Trala reunión nas instalaciones da Consellería entre ámbalas dúas partes, os responsables da Xunta comprometéronse a facer un recoñecemento sobre o terreo das deficiencias existentes. Despois de ter visitado o lago con estes responsables e maila xefa de área, hai mes e medio, comprobamos que a Xunta de Galicia segue sen facer un mínimo esforzo para manter o Lago de Castiñeiras en boas condicións para os visitantes, nin tampouco por prevención, nas datas nas que nos atopamos.

A Xunta Rectora da CMVMC de San Martiño de Vilaboa seguirá insistindo para que a Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente tomen en serio o convenio firmado e realicen os traballos necesarios. De seguir así, a Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa estudará tomar medidas legais para defender o Espazo Natural do Lago de Castiñeiras.

Situación do Lago de Castiñeiras (foto: Comunidade de Montes S. Martiño de Vilaboa).

[Fotografías achegadas pola Comunidade de Montes San Martiño de Vilaboa]

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: