Se hai uns días dabamos conta e aplaudiamos o adecentamento da arboreda a carón do Monte Pituco, tralos traballos de desbroce e control da vexetación encargados pola Comunidade de Montes de San Xulián, que lle devolven a este espazo a súa utilidade como merendeiro e área de descanso, có mpre destacar que nos arredores do Pituco hai outro enclave de interese para a veciñanza da contorna.
Trátase do recinto -dos denominados comunmente como ‘biosaudables’- situado a carón da pista de acceso ao Casal, A Laxe e Arealonga, onde se instalaron aparellos para o exercicio físico. Delimitado por un valado de madeira, no seu interior hai bancos e varios elementos de ximnasia: entre eles o coñecido como ‘timón’, para fortalecer a musculatura e as articulacións dos ombros; outro do estilo dunha bici estática para pedalear e exercitar os xeonllos; unha máquina que imita os movementos da práctica do esquí que favorece a axilidade da cadeira, da columna e a musculatura lumbar e abdominal…
Un pequeno ximnasio ao aire libre, coa vantaxe de practicar deporte gozando ao mesmo tempo das vistas da ría, mais coa desvantaxe da falta de sombra e do risco de insolación e queimaduras solares nas horas centrais do día.
En cambio, nas primeiras horas da mañá e nas últimas da tarde é un sitio moi recomendable para dedicar un momento a tonificar o corpo, estimular a flexibilidade e mellorar a mobilidade.
Este equipamento foi financiado -a través da Xunta e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente- con fondos europeos Feader, co curioso epígrafe “Mellora dos espazos adicados á infancia no rural”, malia que o público destinatario destes trebellos non son tanto nenos e nenas -máis afeccionados nesas idades aos tobogáns e os columpios- senón as persoas adultas e mesmo maiores de 60 anos.
Deixar unha resposta