“…O noso veciño Xan foi, en vida, unha persoa que sempre se entregou na defensa das causas colectivas en xeral, e en particular nas da nosa parroquia. Sempre estivo traballando ao noso carón para buscar solucións aos diversos problemas que nos afectaban, e nunca dubidou en dedicarlle todo o tempo que fose preciso para tratar de resolver a diversa problemática que ía xurdindo no día a día: dende a defensa dos petróglifos ata a petición dun saneamento ou dun punto de luz, alí estaba el buscando remedio. Pero se nalgo se singularizou a súa actuación veciñal foi, sen dúbida, no traballo de conquerir que as beirarrúas da rúa para a que solicitamos o seu nome fosen unha realidade; traballo que ao final tivo os seus froitos…”
Con estes argumentos, a Asociación de Veciños de San Xulián diríxese ao Pleno da Corporación Local de Marín para solicitar que a estrada PO-313 -dende Coirados ata a Casa de Cultura de San Xulián- leve o nome de Xan Montenegro.
…E por que non, cabería engadir, toda a estrada ata o enlace da Variante de Marín, para que tamén a veciñanza da Grela, da Bouza, da Pena e do Caeiro poidamos levar a mesma denominación nos seus enderezos postais. Sería un orgullo e un xeito de recoñecer o labor altruista e incansable de Xan a prol da parroquia.
As persoas que desexen asinar poden atopar exemplares deste escrito no Ateneo Santa Cecilia de Marín e na Casa da Cultura de Seixo. Tamén se poden dirixir á propia Asociación de Veciños de San Xulián, como promotora da iniciativa.
Deixar unha resposta