“…Facede resoar dende a cimeira do Castrove, dende os outeiros da Fracha, dende o cume das Croas e do Pornedo… facede resoar a boa nova dende os catro puntos cardinais da Galiza, proclamando o acordar deste pesadelo. Nin un paso atrás!”
[Derradeiras frases do manifesto redactado e lido polo escritor, investigador e profesor Carlos Solla na Marcha contra Celulosas-Elnosa]
Na véspera do Día do Medio Ambiente, a Marcha contra Celulosas-Elnosa -organizada por primeira vez pola Plataforma Ence Fóra- partía simultaneamente das alamedas de Pontevedra e de Marín. Pancartas, bandeiras, figuras simbólicas e lemas a prol do saneamento e recuperación integral da ría de Pontevedra e contra a eucaliptización de Galicia déronlle ambiente e colorido a esta xornada reivindicativa, que mellorou notablemente a súa afluencia de público con respecto á marcha do pasado ano.
Empregando materiais reciclados, a Marea de Pontevedra representou con siluetas de peixes os beneficios que suporía para a ría a marcha de Ence, e con raspas os danos que a fábrica pasteira lle provoca aos bancos marisqueiros e ao medio ambiente en xeral.
Entre as protestas máis chamativas, a dun artista holandés que marcou a sangue no seu peito a palabra “FÓRA” e queimou carepas de eucalipto en protesta contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra.
Na cabeceira da manifestación que partiu dende Pontevedra, representantes de colectivos e entidades como En Marea, BNG e Psoe, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra, a APDR, o sindicato CGT e a Federación Ecoloxista Galega.
Tras percorrer a autovía entoando cánticos, a marcha que partira dende Pontevedra enfilou os últimos metros ata a entrada de Celulosas, onde xa se atopaban os asistentes á manifestación que saíra dende Marín.
Cabeceira da manifestación procedente dende Pontevedra.
…Os participantes na marcha dende Marín.
Como cada ano, varios traballadores de Ence ‘observaban’ dende as alturas a concentración dos participantes na Marcha contra Ence-Elnosa.
A fábrica ‘recibía’ os detractores do complexo industrial con pancartas cheas de loanzas aos parámetros medioambientais de Ence e ao anunciado ‘lavado de cara’ que lle van dar á fachada do complexo industrial no próximo ano.
Antes de que o profesor e escritor Carlos Solla lese o manifesto final, voceiras da APDR e da FEG interviron para reiterar a vontade dos colectivos que conforman a Plataforma Ence Fóra de seguir reivindicando por todas as vías posibles a revogación da prórroga que o Goberno Central en funcións lle deu á fábrica pasteira para continuar desenvolvendo a súa actividade en Lourizán durante outros 60 anos.
“…Eu teñó un soño. Eu soñei que un día todos nós gozaremos en plenitude deste couto liberado, usurpado xacando pola cobiza dos traficantes de mercurio. A pleno pulmón, libres do cheiro que nos abafa e avergoña, celebraremos a fin desta inmundicia. Cantarán as baleas, rebulirán os mazaricos e nas ourelas inzará a camariña. Esta é a nosa esperanza. Con esta fe habemos porfiar xuntos, habemos berrar xuntos, voz de trono, que a ría é nosa e non da Celulosa!”
[Fragmento do manifesto redactado e lido por Carlos Solla]
…Fin da marcha: os peixes e as raspas de cartón quedaron varados na ‘rede’ da fábrica; como as pólas de eucalipto, ensartadas polos seus portadores en sinal de reprobación contra un monocultivo que ataca a biodiversidade do monte galego.
E no acceso ao recinto industrial, unha moreíña de pedras con mensaxes a prol da recuperación da ría, contra a contaminación e polo peche de Celulosas-Elnosa.
Deixar unha resposta