O pasado sábado 14 de maio acontecía unha desgraza irreparable na Variante de Marín. O ex-xefe territorial de Novagalicia Banco en Pontevedra, o coñecido marinense Manuel Soage, perdía a vida nun tráxico accidente nun punto onde, quince días despois dese sinistro mortal, séguense producindo novas incidencias, afortunadamente sen feridos de gravidade.
Dende a Asociación Monte Pituco sumámonos ás homenaxes a este veciño e ás mostras de respecto e de solidariedade coa súa familia e cos seus achegados por esta triste perda.
Entre a relevancia social de Manuel Soage e a lóxica preocupación entre os usuarios da Variante e a veciñanza no seu conxunto, este accidente adquiriu un eco enorme e as distintas formacións políticas foron posicionándose.
O PSOE de Marín, que non atina por onde sopra o vento, reaccionou con certa ambigüidade e supeditou a súa postura a unha reunión interna da que non trascendeu ningunha conclusión:
“Está claro que habrá que hacer algo y habrá que invertir dinero para mejorar esa vía”.
O BNG local tampouco se ‘mollou’ claramente nunha hipotética solución, pero lembrou que en xaneiro de 2014 o seu partido presentou unha pregunta perante a Comisión do Parlamento galego sobre o tráfico diario que circula pola Variante, cantas incidencias se produciran neste vial e con que grao de gravidade, ademais de reclamarlle ao Goberno galego respostas sobre a súa perigosidade:
“O traxecto desta VG 4.4 discorre maioritariamente por terreo forestal, presenta conexións con outras vías pouco accesibles, pendentes moi pronunciadas, cortes brutais das ladeiras, rotura da capa freática, modificación das escorrentías naturais e, sobre todo, está a ocasionar un elevado número de sinistros”.
Pola súa parte, a alcaldesa María Ramallo eludiu facer un pronunciamento concluínte mentres os técnicos non remataran a investigación sobre as causas do accidente que lle custou a vida a Manuel Soage:
“Si hay mejoras que se puedan realizar habrá que hacerlas, pero con sentido, con razones técnicas y siempre que sean viables; no solo desde el punto de vista técnico sino también económico, porque no podemos pretender tener una autopista en cada lugar, porque eso es inviable”.
Marea Veciñal de Marín, en cambio, rexeitou taxantemente o desdobramento e reclamou medidas para mellorar a seguridade vial da Variante.
“O mal trazado da vía, con puntos negros, desniveis bruscos, pouca visibilidade entre outros defectos, fan que desde a Marea Veciñal de Marín lle reclamemos ás autoridades competentes que doten a esta vía das medidas necesarias de seguridade (…) Desde a Marea Veciñal de Marín imos presentar unha moción neste sentido na que instaremos o goberno local a que se poña á fronte do problema, solicite unha entrevista cos responsables de Estradas da Xunta de Galicia e que doten a VG. 4.4 das medidas necesarias para a redución da sinistralidade, como poderían ser entre outras a instalación de medianas para separar os carrís de circulación ou limitar a velocidade (decisións que deberán ser adoptadas por técnicos na materia).”
Paralelamente, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo fixo público un comunicado no que rexeitaba rotundamente o desdobramento da Variante:
“Este desdobramento incrementaría o impacto paisaxístico, cultural e ambiental -cortes profundos en relieve no solo e subsolo, desterros, recheos, viadutos, perda de capa vexetal e de solo fértil, alteración das capas freáticas e afección de mananciais de auga potábel, efecto barreira para a fauna, a flora e a propia accesiblidade humana, afección directa e indirecta ao patrimonio cultural e arqueolóxico- producido no territorio nas anteriores fases de construción da propia variante, afectando a solo rústico de especial protección forestal, agropecuaria, de augas, patrimonial e de espazos naturais das concas dos regos de Louredo, Lameira e Loira xunto cos seus fértiles vales, nas parroquias de Lourizán, Salcedo, San Xulián, O Campo, Seixo e Ardán. O posíbel desdobramento, para alén de provocar un efecto chamada, non resolvería os problemas de sinistralidade.
(…)
O desdobramento en autovía da variante de Marín sería unha obra moi custosa e inútil, que non resolvería os problemas de seguridade vial, produciría un meirande impacto ambiental e paisaxístico, máis problemas de capacidade e atascos na rede viaria comarcal, máis contaminación acústica e atmosférica e ademais restaría investimentos noutras alternativas viarias máis sustentábeis.
Esas alternativas máis sustentábeis, á parte da mellora sen necesidade de desdobrar do trazado actual da variante coa colocación de medianeiras, sinalizar correctamente os puntos máis conflitivos e mellorar o peralte da estrada – medidas que xa reduciron, cando menos en parte, a alta siniestralidade do corredor do Morrazo- e a educación vial”.
Sen embargo, nos últimos días, un medio de comunicación local repite moito a palabra “desdobramento” , malia que os partidos políticos non se decantaron explicitamente por apoiar esa hipotética medida.
A teimosía desta publicación por inocular na cidadanía a idea do desdobramento levouna a afirmar que Marea Marín defendía esa fórmula, o que levou ao grupo municipal da Marea a reiterar a súa postura a prol da implantación de medidas de seguridade vial e en contra do desdobramento, o que motivou que este medio tivera que publicar posteriormente unha rectificación.
“Colectivos como Marea Veciñal de Marín plantea que se adopten medidas como el desdoblamiento de esta variante”
[22 de maio 2016]
“En ningún caso, apuntan, piden el desdoblamiento”
[24 de maio de 2016]
Pero a historia da Variante de Marín é moi longa e, a falta de memoria, boas son as hemerotecas para refrescar os recordos de que tivo responsabilidades directas ou indirectas na construcción e posta en marcha desta perigosa trampa.
Se agora nos lamentamos das consecuencias dos accidentes que se producen neste pedazo de asfalto e da súa elevada incidencia, foi porque no seu día as ‘autoridades’ -sexa cal sexa a competencia de cada unha- fixeron caso omiso das advertencias dos veciños e veciñas que se opoñían ao trazado deseñado: parte deses responsables directamente ignoraron ou desprezaron as críticas; outros, aínda tendo a posibilidade de canalizalas ou interesarse pola problemática da que alertaban, fixeron oídos xordos ou lavaron as mans.
“O R.A.C.C. PIDE A MODIFICACIÓN DA VARIANTE DE MARÍN”
O políticos marinenses deron en pensar que máis vale “Variante en man que cento voando” e así quedaron retratados nas declaracións que fixeron cando se cuestionaba o deseño do segundo treito que conectaba Marín con Pontevedra ata o aberrante nó a carón de Celulosas:
[Diario, maio 2010]
“El Pleno de la Corporación DESCARTÓ en su sesión del viernes, CON LOS VOTOS DE PSOE Y BNG, reclamar al Ministerio de Fomento el alejamiento del nudo de Lourizán en el que finalizará la Variante de Marín”.
“Marín lleva mucho tiempo esperando esta Variante como para retrasarla de nuevo”, Juan Muradas, concelleiro do PSOE de Marín en 2010.
“O importante é contar co novo vial canto antes”, Xosé María Vilaboa, concelleiro do BNG de Marín en 2010.
…E daqueles poeiras, estas lameiras.
Porque ao anterior goberno bipartito todo o que cheiraba a obras -viñeran de onde viñeran, especialmente da Xunta amiga/bipartita- urxíalle moito, como se tiveran unha ansia desatada por pendurar medallas na solapa do seu currículum político que lle servisen como méritos e logros da súa xestión de goberno: así como lle urxía rematar o segundo treito da Variante, tanta présa ou máis terían para o treito anterior entre Marín e Ardán, no que se está producindo a alarmante acumulación de sinistros dos últimos tempos.
Porque sexa na parte de Marín a Ardán como na continuación de Marín a Pontevedra, en ambas fases hai zonas de dubidosa idoneidade no seu resultado: se ata Ardán causa arrepío meterse na baixada entre os pilares de reforzo do treito anterior á saída da Brea; ata Pontevedra causa certo respecto emprender a baixada ata o viaduto de Almuiña por medo a que algunha pedra veña arrebolando dende as alturas nese enorme talude; a causa das chuvias do último inverno xa se produciron dous desprendementos que obrigaron a Xunta a encargar que se reforzase cun muro de pedra un dos terrapléns.
A complexa orografía do terreo nos montes de Marín, en especial no monte de San Xulián e máis concretamente no ámbito do Monte Pituco, evidencia o que está a ollos de todo o mundo: gran desnivel, taludes de dimensións considerables e complicacións no deseño que derivaron en defectos como peraltes do revés e outras deficiencias que xa teñen denunciado os propios usuarios.
A isto cómpre engadirlle, por riba, a falta de civismo e a irresponsabilidade dalgúns particulares que se dedicaron a roubar a malla metálica que circunda o perímetro da Variante, co perigo que supón para a seguridade cando algún animal invade a calzada buscando a saída. Exemplos ten habido e Protección Civil de Marín interviu por este motivo nalgunas ocasións.
Se houbo un colectivo que, mentres permaneceu activo, tivo preocupación polos problemas que a Variante lle deparaba á veciñanza da parroquia, foi a Asociación de Veciños de San Xulián. O seu promotor, Xan Montenegro, non só denunciou os retrasos nas expropiacións do terreos, senón que moveu ceo e terra para tratar de impedir -por desgraza, sen éxito- que a empresa adxudicataria das obras soterrase un gravado rupestre pendente de catalogación, no lugar d’A Pena. Lamentablemente, a construcción da Variante de Marín veulle moi grande a este modesto colectivo veciñal, que practicamente nada puido facer para exercer medidas de presión a prol da mellora do trazado.
“Aprendendo de erros pasados, tíñase que facer con miras de futuro e de respecto polo estricto cumprimento das normas de seguridade vial e ao medio ambiente e impacto paisaxístico”
Xan Montenegro trala colocación da primeira pedra do treito entre Marín (dende o Monte Pituco) ata Pontevedra.
“A nós gustaríanos máis estar no Pituco cos veciños afectados para dicirlle á cara e con todo o respecto o que publicamente denunciamos neste comunicado e, ademais, pensamos que en época de crise os actos propagandísticos, electorais e demais papadas, deberían ser suprimidos por decreto”.
Xan Montenegro, xenio e figura, xustificando a ausencia de representantes da Asociación de Veciños de San Xulián no acto de colocación da primeira pedra.
Exercicios de destreza memorística coma este son necesarios de cando en vez para resituarnos diante do complexo taboleiro que é a realidade; para comprendermos a orixe dalgúns problemas aos que nos enfrontamos na actualidade polas decisións mal tomadas no pasado; para que non poidan saír ‘de rositas’ os que querían ‘máis madeira’ para a tola locomotora do mal chamado progreso no que nos instalaron a marchas forzadas durante a época das vacas gordas.
Mais toca volver ao presente, enfrontarse á perda dunha vida humana con pragmatismo pero sen perder a sensibilidade; toca reflexionar ante a sucesión de persoas que resultaron feridas de diversa consideración nos percances posteriores que se rexistraron nesta Variante. E toca elixir: circular por unha estrada na que tardamos uns minutos máis en chegar ao noso destino a cambio de máis fiabilidade -dentro das incertezas que conleva coller o volante dun vehículo e asumindo que o risco cero non existe- ou asumir un perigo maior circulando por un vial cunha alta taxa de sinistralidade coa hipotética vantaxe de aforrar un tempo que, en caso de circunstancias desfavorables, poden truncar o porvir.
Na Asociación Monte Pituco avogamos polo BOICOT á Variante de Marín, por rachar a ‘dependencia’ que teña xerado nos usuarios que sucumbiron á rapidez e ás supostas prestacións que, dende o Concello de Marín e a Xunta, se venderon como cantos de serea para xustificar un investimento económico considerable na súa construcción.
A Asociación Monte Pituco REXEITA O DESDOBRAMENTO da Variante de Marín porque suporía afondar no dano ambiental causado, acrecentar a fenda no corredor ecolóxico da bisbarra, empeorar as precarias condicións nas que se resolveu a canalización das augas de escorrentía no seu curso natural pola pendente do terreo, agredir novamente a calidade de vida da veciñanza das parroquias polas que discorre o trazado actual, comprometer o cumprimento da lexislación en materia de conservación do patrimonio histórico pola presenza de restos arqueolóxicos catalogados que xa foron violentados na súa área de protección con motivo das obras realizadas, xerar un gasto anti-sustentable dende o punto de vista económico pola complexidade técnica que xa quedou de manifesto coa apertura de enormes taludes e un inxente movemento de terras con maquinaria pesada e uso de material explosivo para vencer a composición granítica do terreo…
[Excavacións no Monte Pituco, á altura do Caeiro]
[Taludes no Monte Pituco, na parte alta de Arealonga]
[Excavacións no lugar de Gandarela, onde se construíu o viaduto anterior ao nó de Celulosas]
Todo isto para non acabar resolvendo os problemas de seguridade viaria, senón para acabar multiplicando de xeito exponencial a circulación de vehículos particulares e agravando a perigosidade pola maior densidade de tráfico.
A Asociación Monte Pituco súmase ás peticións xurdidas para que se adopten medidas puntuais de seguridade viaria en función dos consellos técnicos: medianeiras que separen os dous sentidos de circulación, bandas rugosas que alerten os usuarios ante o risco de desviárense do rumbo marcado en cada carril, iluminación, sinais de limitación de velocidade e radares sinalizados… Todo isto incrementando tamén as medidas de mantemento do vial, de limpeza do firme para eliminar restos de aceites, de reparación dos desperfectos e de dotación de gardarraís seguros para os motoristas. De nada serve poñer en servizo un vial se logo os promotores da súa construcción -a Xunta- eluden as súas responsabilidades no que atinxe á súa correcta conservación.
…E rigor informativo. Non pode ser que un medio de comunicación incorra deliberadamente na “colonización mental” dos lectores, inoculando o “virus do desdobramento” ata o extremo de atribuírlle a súa defensa a entidades que reclaman todo o contrario, e que noutra publicación distinta se anuncie discretamente, a dúas simples columnas, a reducción a 60 km/h no límite de velocidade nun treito que lle custou a vida a un veciño e que enviou ao hospital a outras persoas.
[Hemeroteca ‘histórica’: blog de Breaseixo. Grazas!]
Deixar unha resposta