A Comunidade de Montes de Salcedo celebrou este fin de semana as súas III Xornadas sobre Montes Comunais que concluíron cunha andaina para dar a coñecer os traballos máis recentes levados a cabo pola directiva e para comprobar a evolución de anteriores labores de mantemento.
O aspecto no que fixeron máis énfase nesta cuarta edición do roteiro foi na restauración da orografía que resultara notablemente alterada cando os efectivos da Brilat realizaban manobras nestes terreos antes de que a Comunidade de Montes de Salcedo recuperase a súa titularidade. O cambio máis evidente atopámolo no espazo antigamente coñecido como “aldea afgá”, onde os comuneiros crearon un arboreto de 3,3 hectáreas con 2850 árbores perennes e caducifolias pertencentes a 14 especies distintas: abeleiras, loureiros, acibros, arces, castiñeiros, bidueiros, sobreiras, carballos…
Tamén se arranxaron vellos camiños e se abriron novos sendeiros, como o ‘atallo’ que atravesa dende Sete Camiños ata as proximidades da Fonte da Prata, coa instalación de valados e pequenas pontes de madeira sobre os regatos que conflúen no río das Flaires.
Dende hai tempo a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO vén louvando o esforzo da Comunidade de Montes de Salcedo na eliminación de especies invasoras como a acacia. O resultado é claramente visible na longa recta que conduce dende a ponte sobre o río das Flaires ata a ‘ex-aldea afgá’ -agora Arboreto do Vello- pasando polo xacemento rupestre de Chan das Mouras ou Outeiro das Mouras. Antano unha selva impenetrable de acacias, hoxe un terreo aberto que nos vindeiros meses se repoboará con piñeiro.
Pero ademais, houbo actuacións de rareo, limpeza e outros traballos silvícolas nunha superficie que suma as 35 hectáreas.
Porque “as árbores” foron os lema desta IV Saída de Amigos do Monte. E con razón: a Comunidade de Montes de Salcedo repoboou durante o último ano 8 hectáreas de terreo, nas que agora medran máis de 5000 árbores frondosas e coníferas. Algunhas, como xa se ten denunciado, foron gravemente danadas por mans covardes nun acto que suscitou a condena de toda a veciñanza. A directiva da Comunidade ten presentado a correspondente denuncia para que se localicen os culpables e paguen polos danos causados. Mais un incidente así non empaña en absoluto o mérito e o empeño dos comuneiros por ‘poñer a andar’ o seu monte despois de décadas de abandono.
Dá gusto camiñar por Salcedo, comprobar cada novo cambio na paisaxe, captar ideas que quizais algún día poderían ser aplicadas no monte veciñal de San Xulián se por fortuna non caesen en saco roto… Por riba, a directiva de Salcedo coida cada detalle neste roteiro, repartindo auga e froita entre os asistentes en distintos puntos do itinerario, entregando guías informativas no punto de partida e agasallando os rapaces con gorras e camisetas rotuladas co lema da Comunidade de Montes.
Durante o camiño dous expertos en bioloxía e antropoloxía -Manuel Domínguez e Rafael Quintía- ofreceron explicacións dos aspectos máis interesantes: especies botánicas, fauna autóctona, patrimonio rupestre, lendas de tradición oral…
E como broche de ouro, asistimos a unha muiñada nos muíños de Pastoriza e Outeiro, onde os muiñeiros ofreceron fariña recén moída de millo e de centeo. A xente non puido regresar ás súas casas máis contenta, despois de case 4 horas de paseo.
Grazas pola experiencia e moitos parabéns á Comunidade de Montes de Salcedo. Avante!
Andaina interxeracional: dende as avoas octoxenarias…
…ata unha crianza con pouco máis de tres mesiños de vida…
…e simpáticos raparigos e raparigas que non paraban de dar chimpos. O futuro está aquí: andainando cos máis novos e practicando Educación Ambiental ao pé da casa!
Petroglifos de Campo de Tiro
O antigo campo de tiro da Brilat, entre os próximos obxectivos de traballo da Comunidade de Montes de Salcedo
A cara amarga da andaina: as varas tronzadas dos castiñeiros, nun ataque covarde e reprobable
Fento real
Plantación de árbores de ribeira seguindo o curso dos regatos
A saída polo monte coincidiu cunha carreira BTT polas pistas da Comunidade de Montes
A veciñanza recolle leña procedente das labores de limpeza e rareo do arborado do monte
Observando fauna acuática no tanque a carón da Fonte das Pulgas
Tritón
Notonecta, garapito, abella de auga. Distínguese porque nada de costas
Esta zona antano era unha selva impenetrable de acacias e mimosas, ademais de estar chea de buratos feitos nos exercicios de adestramento da Brilat
Novo sendeiro ata Sete Camiños
En Chan das Mouras, ou Outeiro das Mouras, lugar de importancia arqueolóxica, que forma parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
No lugar que antes ocupaba a ‘aldea afgá’ da Brilat
Os nomes dos arboretos atenden á toponima tradicional da zona
Este carballo portugués plantouse hai dous anos, coas mans dos nenos e nenas da parroquia, na II Saída polo Monte de Salcedo
Tempo para repoñer enerxía con auga e froita fresca, por cortesía da Comunidade de Montes de Salcedo
Pozos Doces
Anfibios en Pozos Doces
Monte restaurado cun programa de fondos europeos
Pozo dos Frairas
No muíño de Outeiro, recibidos polo muiñeiro, candil en ristre, e coa fariña de millo recén moída
[…] con repasar a crónica da andaina organizada en 2016 para decatarse das diferenzas, dos […]
By: MONTE DE SALCEDO: SEMPRE ALGO NOVO POR DESCUBRIR | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 15/05/2017
at 21:47