Publicado por: MontePituco | 15/05/2017

MONTE DE SALCEDO: SEMPRE ALGO NOVO POR DESCUBRIR

Non hai excusa que valla para non ir visitar o monte veciñal de Salcedo. Un pode pensar que xa o ten moi visto, que xa foi o ano pasado, o anterior e o anterior… que xa coñece os xacementos arqueolóxicos, as replantacións forestais e os muíños rehabilitados…

Pero sempre hai algo novo que ver, algo novo que admirar; nesta ocasión, os miradoiros, os valados de madeira que protexen os conxuntos rupestres… a Fonte da Prata, que volve botar auga!

Abonda con repasar a crónica da andaina organizada en 2016 para decatarse das diferenzas, dos progresos.

Hai que seguir parabenizando os comuneiros de Salcedo, xente unida en torno ao seu monte, cada día máis fermoso, verde e vizoso.

A próxima andaina tampouco a perderemos: para daquela seguramente vexamos xa as cabanas da aldea etno-castrexa que pretenden instalar preto dos petroglifos de Outeiro da Mina, o novo proxecto que teñen entre mans e que abofé vai acaparar o interese e a curiosidade da veciñanza, dos turistas, da comunidade escolar.

Velaquí un referente de xestión multifuncional do monte e de respecto pola cultura e pola natureza. Ogallá outras comunidades seguiran o seu exemplo.

Novo miradoiro no monte de Salcedo a carón da Brilat.

Novo miradoiro no monte de Salcedo a carón da Brilat.

Este roteiro -colofón das IV Xornadas de Montes Comunais celebradas na parroquia- partiu dende o novo miradoiro instalado na Armada, dende onde se divisan practicamente todas as parroquias de Pontevedra. O obxectivo da Comunidade de Montes de Salcedo era percorrer o monte de San Martiño visitando os últimos traballos de restauración da orografía dos terreos agredidos durante tantos anos de ocupación militar, durante os cales a Brilat alterou a fisonomía da zona abrindo gabias, construíndo edificacións, destruíndo xacementos arqueolóxicos como a desaparecida mámoa de Louredo…

Nos últimos anos a directiva da Comunidade de Montes xestionou o arranxo e a apertura de camiños e sendeiros, traballos silvícolas de limpeza, eliminación de especies invasoras -especialmente acacias que ocupaban enormes extensións-, corta e rareo de especies a conservar, e conseguiuse a repoboación de 14 hectáreas de terreo con especies de frondosas, coníferas e árbores de ribeira. O presidente da Comunidade de Montes, Fernando Pintos, calcula que neste tempo lévanse plantado unhas 40.000 árbores. E as que quedan por plantar, porque aínda hai un 20% de terreo pendente de novas actuacións.

Sinaléctica da Comunidade de Montes de Salcedo

Paneis de gran formato que xa levan tempo instalados, dan a ‘benvida’ aos camiñantes informando do que está prohibido facer no monte veciñal: prender lume, verter lixo, cortar madeira sen autorización, circular con vehículos sen permiso. Outros avisos de menor tamaño advirten sobre incidencias puntuais; neste caso, alertan da presenza de cabalos ceibes dos que os seus propietarios se desentenden malia que causan danos nas plantacións de arborado.

Sinaléctica da Comunidade de Montes de Salcedo

Vista dos traballos de recuperación do monte veciñal de Salcedo

Ao lonxe é visible o traballo de eliminación de especies invasoras. Ese terreo que aparentemente parece baleiro, antano estaba inzado de acacias; nos últimos meses foi repoboado con especies frondosas.

Novo miradoiro sobre unha plantación de castiñeiros

Un segundo miradoiro permite aos visitantes contemplar unha plantación de castiñeiros. Fernando Pintos foi o anfitrión deste paseo, explicando as actuacións que se foron realizando nestes últimos anos, detallando a evolución das repoboacións e anticipando os novos proxectos nos que está embarcada a Comunidade. Canda el tamén interviron os antropólogos Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía.

O presidente da Comunidade de Salcedo, Fernando Pintos, guía da andaina

Vista do souto dende o novo miradoiro construído pola Comunidade de Salcedo

Plantación de castiñeiros.

A Comunidade de Montes de Salcedo dispuxo un abundante avituallamento para os participantes na andaina, a base de auga e froita. Tamén agasallou os asistentes con chapeus de tea e aos máis novos con camisetas estampadas co lema “Amigos do monte”.

Visita a un dos espazos rexenerados, antigamente cheo de acacias

Visita a un dos espazos rexenerados, antigamente cheo de acacias

Plantación de castiñeiros onde antano había un bosque de acacias. Esta é a vista a pé do terreo da panorámica que se amosaba na terceira imaxe desta reportaxe gráfica.

Como foi evolucionando esta zona?

En outubro de 2011 o panorama era este:

No monte comunal de Salcedo estase facendo unha importante intervención para eliminar a praga de acacias que ocupa unha ampla extensión de terreo.

A Fonte da Prata volve botar auga

Unha das grandes -e felices- novidades do roteiro deste ano: a Fonte da Prata volve botar auga! Secara hai uns anos e agora por fin volve surtir as cantimploras dos paseantes.

Zona de adestramento para a práctica do ciclismo

Nesta parte de monte -acoutado cun valado de madeira- habilitouse un espazo para que os rapaces que participan na escola deportiva do Club Cilista Farto poidan adestrarse.

No sendeiro que conduce ao conxunto rupestre de Outeiro da Mina

Durante a andaina fomos testemuñas dunha anécdota: un ciclista circulaba polo sendeiro a carón do regato e da plantación de castiñeiros realizada nesta zona do monte. Un comuneiro dirixiuse a el e indicoulle que estaba cruzando por un espazo non habilitado para a práctica deportiva. O ciclista preguntou “por que?”. O comuneiro indicoulle que estaba atravesando un espazo rehabilitado cunha plantación, a risco de poñer en perigo a integridade das árbores e instouno a que a próxima vez optase por utilizar as pistas para desprazarse polo monte. 

…Nunca está de máis lembrar que o monte comunal non é un espazo “público” no sentido literal da palabra, senón “privado”. Cómpre adaptarse ás normas que establece a Comunidade de Montes; no caso de Salcedo, os comuneiros están encantados de compartir con toda a cidadanía os múltiples beneficios -para a saúde, o coñecemento, a formación, o benestar- que supón gozar da natureza, do patrimonio e da paisaxe nesta contorna. Iso si, respectando os traballos forestais e de protección do patrimonio.

Plantación de castiñeiros que fora agredida o pasado ano.

O pasado ano unha parte da plantación de castiñeiros foi agredida. Afortunadamente, as árbores foron repostas e atópanse en bo estado.

Vista do novo campo de tiro habilitado pola Brilat

Vista do novo campo de tiro habilitado pola Brilat no terreo cedido pola Comunidade de Montes de Salcedo.

Estado actual do antigo terreo utilizado como campo de tiro

Estado actual do terreo onde antano a Brilat realizaba as súas prácticas de tiro.

Terreo recuperado con novas plantacións; antes, inzado de acacias.

Outra vista da zona antes ocupada por acacias e agora repoboada con especies frondosas. A Comunidade de Montes tamén encargou que se rehabilitase o terreo, degradado polas manobras militares de antano. Coas pedras que se amorearon creáronse dous biotopos.

No xacemento de Outeiro da Mina, que agora ten un novo valado de madeira

Unha parte da visita transcorreu no conxunto rupestre de Outeiro da Mina, tamén coñecido como Chan das Mouras. Aquí púidose ver unha das novidades máis salientables: a Comunidade de Montes instalou un valado protector dos xacementos arqueolóxicos. A medida é un enorme acerto; os xacementos, ademais, están nun impecable estado de limpeza, xa que se a vexetación retírase periodicamente con medios exclusivamente manuais.

Novo valado protexendo os petroglifos de Outeiro da Mina

Zona onde se vai instalar a futura aldea etno-neolítica

Zona habilitada pola Comunidade de Montes de Salcedo para instalar unhas cabanas coas que se pretende recrear unha aldea etno-castrexa. Rafael Quintía explicou que a presenza de varias mámoas nesta contorna -a desaparecida de Louredo, ou a de Sete Camiños no linde con Lourizán e San Xulián- fan pensar que esta zona estivo habitada en tempos prehistóricos.

Reforestación nunha zona antigamente invadida con acacia

A loita contra as especies invasoras

A loita contra as especies invasoras é lenta, pero Salcedo afronta este reto con paso firme e constante.

Monumento aos comuneiros comprometidos coa defensa do monte veciñal

Monumento dedicado ás veciñas e veciños que se manifestaron en defensa do monte veciñal. O monolito está instalado a carón da zona onde antano a Brilat construíu bloques de edificacións para facer adestramento militar; unha acción que supuxo a destrucción da mámoa de Louredo. Actualmente a zona está repoboada con especies autóctonas.

Novo piñeiral 'acosado' polas xestas

Un dos espazos onde cómpre seguir actuando: as xestas medran nunha plantación de piñeiro.

Arboreda da Carrasqueira

No arboredo da Carrasqueira, a Comunidade de Montes de Salcedo encomendoulle a unha empresa de control de pragas a instalación de trampas con feromonas para evitar que os castiñeiros resulten danados pola presenza dunha especie de avespa -Dryocosmus kuriphilius- que ataca as gaias das árbores. Un 80% dos soutos de toda Galicia están afectados por este insecto.

En Salcedo tampouco se libran dos verquidos ilegais...

En Salcedo tampouco son ‘inmunes’ a outra clase de ‘ataques’: o dos desaprensivos que ciscan verquidos ilegais e contaminantes.

Pozos Dulces

Pozos Doces.

Plantación realizada por escolares en febreiro deste ano

Plantación de frondosas realizada por escolares de Salcedo, en febreiro deste ano. A concienciación ambiental e o sentimento de apego á propia terra tamén se inculca dende a nenez, tanto nas familias como nas aulas.

Pozo das Fraires

Pozos dos Frairas.

Colmeas nunha finca preto do rego que conduce aos muíños do Batán

Colmeas instaladas nunha finca preto dos muíños de Pereira e de Outeiro.

Pozo nas proximidades dos muíños de Matías e de Outeiro.

Muíño de Pereira.

Muíño de Outeiro

Muíño rehabilitado do Outeiro, onde rematou a andaina e dous mozos muiñeiros agasallaron os participantes con fariña de millo recén moído.

DSC_0330.JPG

Obsequio da Comunidade de Montes de Salcedo aos nenos e nenas que participaban na andaina

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: