Neste Día das Letras Galegas cómpre reivindicar que temos unha lingua viva, coa que podemos sentir e expresar todo canto queiramos: dende defender o Monte Pituco ata desempeñar calquera oficio, pasando por facer misa ou ler as actas dunha asemblea de comuneiros…
Podendo facer todo iso e moitas cousas máis en lingua galega, celebramos que os primeiros en darlle vida ao galego sexan os rapaces e as rapazas; sen o seu compromiso co idioma, o galego irá esmorecendo ata a extinción, como nos veñen advertindo as últimas enquisas sobre o uso da nosa fala.
O equipo de Normalización Lingüística do CEP Sequelo tivo a ben autorizarnos a compartir nesta bitácora o relato dunha alumna que elixiu a figura de José Meijón Area (Marín, 1899-1980) para protagonizar un conto da súa creación.
Feliz Día das Letras Galegas… todo o ano!
“Todas as persoas dinme que son diferente, pero eu non me atopo nada de estravagante. Claro, despois esta a miña “MFC” Memoria Fotográfica de Coidado, como se fose unha cámara de alta gama. Recordo onde está cada cousa despois de ser colocada, unha cara de alguén novo… e moitas cousas que contaría se non fosen tantas.
Son quen de diferenciar cada pequena pedra picada que hai na Ponte Zapal, perto da miña casa. Cada mañá paso por alí para ir ao colexio. Non me paro moito nesas pedras picadas polo mal cheiro da ponte, pero recordo cada centímetro, cada gravado e cada letra, número ou signo que nelas hai.
Un día, logo de saír do colexio camiño da casa, parei a observar aquel faitío. Empecei a marearme, atopábame moi mal, intentei camiñar, pero caín no chan. De súpeto, espertei, no mesmo lugar onde caera redonda. Estrañoume moito que ninguén me vira no chan. A xente ao meu redor levaba unha vestimenta moi antiga.
Alí uns nenos xogaban coa súa pelota, unha muller paseaba co seu can e un home vello picaba nas pedras. Quedei abraiada ao ver aquel home. Vestía uns pantalóns todos roídos. A súa fasquía era dunha enorme pena, parecía canso. As súas mans manexaban unhas ferramentas moi estranas.
Achegueime para preguntar como facía aquelas picadas, el parecía ser moi bo e contoume todo canto quería saber. A conversa foi amea e divertida. Pasamos horas falando, el picando, e eu observando con que mestría facía aqueles gravados.
Volvín preguntarlle onde estaba, e el rindo, contestoume:
-Ai, rapariga que cabeza temos! Estamos na Ponte Zapal de Marín.
As súas mans deseñaron na rocha unha figura nova, composta de números, 1943. Estabamos no 1943!
Nunca tivera unha conversa tan emocionante como aquela. Pregunteille o porque daquel constante picar na pedra, pero el non contestou e seguiu picando. Eu volvín falarlle pois quería saber porque facía aquilo, pero el non contestou. Tiña que saber a resposta; non me podía ir dalí sen sábelo.
Insistín, pero non había forma. Non sei canto tempo pasei repetíndolle a pregunta. Por fin o home cansou e contestou:
-A miña defunta muller, era pintora. Coñecímonos no Con da Gamela, esa pedra chea de gravados antigos que está na praia. A ella gustábanlle moito aqueles gravados. Hai uns anos morreu e dende entón fago gravados nas pedras para recordala cada día da miña vida.
De súpeto noteime moi cansa, todo parecía dar voltas e caín ao chan. Nada máis caer, quedei durmida nun profundo sono. Espertei outra vez, naquel fedorento chan e corrín cara á casa. Tan só eran ás dúas e dez. Varias horas pasaran no pouco tempo que pasara falando con aquel home.
Ao día seguinte, pola mañá cediño, ao pasar pola ponte Zapal, o meu MFC decatouse dun novo gravado que nunca vira. Achegueime e puden ler un nome que, porén, semellaba ter estado alí dende sempre: José Meijón.”
[Gravados ‘modernos’ de José Meijón no Monte Pituco]
Deixar unha resposta