Hai varios meses desapareceu o cartel de prohibición para circular con vehículos de motor -agás os agrícolas- polo Alto do Pornedo. Este panel informativo instalárase en xuño de 2011 tras reiteradas peticións a raís da protestada presenza de pilotos de motos e quads que, de forma irregular, sen o permiso oficial da Comunidade de Montes de San Xulián, acudían a esta zona para adestrarse e rodar constantemente, causando graves problemas de erosión no terreo.
Non é a primeira vez que a sinalización instalada para advertir contra os vertidos de lixo ou a circulación motorizada sofre agresións e sabotaxes.
Ao pouco de ser literalmente arrincado, localizámolo a poucos metros da súa ubicación, tirado entre os fentos ao pé do camiño. Coa altura da vexetación, era case imperceptible. Agora que o fento seco quedou a ras do chan e está agromando fento novo, o cartel quedou máis á vista.
A Comunidade de Montes é coñecedora deste desperfecto. Agardamos que poidan repoñelo á maior brevidade posible. Coa progresiva chegada do bo tempo, a afluencia de público ao Monte Pituco é crecente. Non está de máis que os visitantes tomen nota de ata onde poden chegar cos seus vehículos e onde teñen que estacionar para continuar a ruta ou o paseo a pé, respectando non só a actividade agrogandeira dos comuneiros, senón tamén o benestar da fauna e a protección dos xacementos arqueolóxicos catalogados na contorna do miradoiro do Pituco.
Deixar unha resposta