A Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo constituíuse o 28 de xuño de 2015. Dende entón procuran axustar os seus estatutos aos requerimentos da Administración autonómica. Mentres acadan a súa legalización oficial, este colectivo xa suma 60 propietarios de Marín e Bueu (San Tomé, Ardán, Cela, Beluso…) que posúen unhas 450 parcelas cunha extensión global de 30 hectáreas.
Na primeira xuntanza que organizaron na Casa de Montes de San Xulián -con arredor de 50 asistentes- o presidente da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo, Chano Guimeráns, lembrou que antano o monte era “unha riqueza fundamental para a economía dos nosos pais e avós”; un espazo ao que se acudía a cotío para obter broza, madeira, froitos, auga, caza…
Daquela, as familias eran numerosas e os pais e as nais dividían as cachadas en pequenas parcelas para deixarlle un anaco a cada fillo ou filla.
…Esa realidade mudou. Coa industrialización nos anos 60-70 produciuse un “cambio de ciclo económico” que se plasmou no desprazamento da poboación ás cidades, na emigración a outros países, no emprego na pesca de altura. Como consecuencia dese novo modelo produtivo, a sociedade actual vive “de costas ao monte”, lamentou Guimeráns.
Esta Asociación xorde co propósito de “restaurar” o monte, “igual que coas casas antigas”, comparou o presidente desta entidade. Dos castiñeiros, dos piñeiros e dos carballos pasouse ao eucalipto, criticou Chano Guimeráns, atribuíndolle á implantación de Celulosas a intención de “convertir o monte galego nun eucaliptal”.
Entre as desvantaxes desta especie invasora, fixo fincapé na proliferación de incendios forestais. E aínda recoñecendo a súa maior rendibilidade polo seu rápido crecemento, advertiu que os prezos que a industria paga actualmente pola madeira de eucalipto son moi baixos; non compensa.
En todo caso, Guimeráns expuxo que a Asociación está para orientar -co asesoramento dos técnicos que colaboran- e que a decisión sobre os posibles cultivos correspóndelle aos propietarios dos terreos.
“Auga, aire saudable, vida…” son algunhas achegas do que o monte nos proporciona pero, ademais do “enfoque medioambiental e sostible” desta nova proposta de xestión, outro factor sobre o que chamou a atención foi a posibilidade de creación de emprego: “Un monte ordenado, activo e ben programado pode xerar riqueza para os propietarios e dárlle saídas laborais aos mozos e mozas”, explicou Guimeráns.
Entre os primeiros obxectivos da Asociación figuran “recuperar as fincas perdidas” e os lindantes actuais; saber canto miden as tomadas para discernir cal é a súa extensión concreta: a que figura no catastro ou a declarada nas escrituras.
Tamén se avaliará a que se poderían destinar eses matos, unha vez limpos, contando coa orientación de especialistas que indiquen “que se daría mellor” nesas terras.
Malia que podería estar entre as súas competencias, as Administracións non están polo labor de implicarse nun proceso longo, complexo e costoso.
Por outra parte, está a deixadez dos propietarios: “O monte está aí, non dá traballo; se hai madeira, córtase, pero que o lindante non mova os marcos”, apuntou Guimeráns sobre a mentalidade da veciñanza.
A Asociación pretende optar ás axudas da Administración para levar a cabo accións de mellora. Axudas que agora están acaparando as corporacións empresariais, “ben organizadas” e asesoradas.
Conseguir mellores prezos pola madeira que se corte é outro dos retos desta organización. Neste momento os madeireiros “conseguen a madeira case regalada”. O propósito deste colectivo é sensibilizar os propietarios para que recuperen a confianza nas posibilidades dos seus matos; devolverlle á madeira o seu valor para que os donos poidan obter prezos de mercado.
“O labor das comunidades de montes é encomiable pero de nada vale que o monte público estea limpo se o privado segue abandonado”, resumiu Guimeráns. A Asociación precisa fortalecerse con máis socios/as e incrementar a extensión de monte agregado; mentres os seus directivos seguen cos contactos, tanto a nivel institucional -xa celebraron reunións coa alcaldesa de Marín e co seu homólogo de Bueu- e coa veciñanza do Morrazo.
A xuntanza en San Xulián foi satisfactoria e produtiva, con intervencións que destacaron polo interese dos propietarios en clarificar dúbidas e problemas: dende a situación confusa dos lindes das súas parcelas ata as responsabilidades dos propietarios con matos nos que se localizan xacementos arqueolóxicos. Dentro dun mes celebrarase un novo encontro en San Xulián para concretar as adhesións. A medida que se vaian incorporando propietarios de novas zonas, a directiva da Asociación irá incorporando a representantes deses lugares que sirvan de nexo e referencia aos socios/as.
[…] encontro resolveranse as dúbidas dos asistentes á reunión do pasado mes de febreiro, que poderán inscribirse como socios/as unha vez que a entidade xa obtivo o visto e prace da Xunta […]
By: ESTE DOMINGO, ENCONTRO COA ASOCIACIÓN DE PROPIETARIOS DE MONTE PRIVADO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 07/04/2016
at 18:09
[…] xuntanza celebrada este pasado domingo na Casa de Montes de San Xulián -o segundo encontro trala reunión de presentación do 28 de febreiro-. Neste tempo, a Asociación xa acadou a súa legalización perante a Xunta, co cal a entidade […]
By: CASE 80 SOCI@S NA ASOCIACIÓN DE PROPIETARIOS DE MONTE PRIVADO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 11/04/2016
at 22:11