Publicado por: MontePituco | 26/02/2016

ASOCIACIÓN DE PROPIETARIOS DE MONTE, EN SAN XULIÁN

Reunión da Asociación de Propietarios de Monte

A Casa de Montes de San Xulián acolle este domingo ás 11:00 horas un encontro organizado pola Asociación de Propietari@s de Monte do Morrazo coa finalidade de dar a coñecer esta entidade na nosa parroquia. Partindo da base de que o monte se atopa nun preocupante e lamentable estado de “abandono”, o que propón esta organización é agrupar o maior número posible de propietarios de monte privado -é dicir, de matos ou tomadas- para, entre todos, procurar clarificar lindes entre parcelas que, en moitos casos, se descoñecen, son confusos ou foron alterados.

Coa unión dos propietarios, sería posible comezar a poñer en marcha accións conxuntas: a máis urxente de todas, a limpeza dos terreos para minimizar os riscos dos temidos e terribles incendios forestais. Contratando os traballos necesarios de forma colectiva lograríanse mellores prezos e o importe poderíase repartir entre os beneficiarios, disminuíndo a carga económica que lle corresponda a cada propietari@ individualmente.

Tendo en conta o desleixo histórico que arrastran os montes, o seu valor actual non corresponde para nada co valor potencial que atesouran. Cómpre ser realistas: a extensión descontrolada do eucalipto empobreceu notablemente as terras e, agás contados espazos que conservan aínda as súas cualidades naturais. Nos matos ou tomadas da parroquia hai un elevado volume de paus de eucalipto con máis ou menos taxación. Que un propietario/a -pola súa conta- venda uns poucos vaille repercutir dun xeito moi discreto no seu peto; pola contra, xuntándose con outros lindantes, a cantidade de madeira increméntase e aumenta a capacidade para negociar mellores prezos cos empresarios do sector.

Mudando o modelo produtivo, ata agora practicamente inexistente pola despreocupación ou descoñecemento dos propietarios/as, o monte pode dar máis que eucaliptos ventureiros: pode diversificarse o uso dos terreos con novos aproveitamentos, dende arborado autóctono que ten máis valor no mercado ata mel, froitos silvestres ou gando… A máis variedade (dentro duns criterios de sostibilidade), máis ingresos para todos/as.

Para ter un monte coidado, saneado e dando rendemento, haille que dedicar moito tempo e traballo. Actuando pola súa conta en cadansúa parcela e de forma desorganizada, cada propietario/a estaría facendo un esforzo inmenso en termos físicos e económicos; inasumible en moitos casos por razóns laborais, familiares ou de saúde. En cambio, poñéndose de acordo para agrupar as súas parcelas e contratar a súa limpeza de xeito global, non só estarían aforrando cartos, senón que estarían xerando oportunidades de emprego para outras persoas que o necesitan.

Cun monte privado “funcionando”, ordenado e identificado cos seus lexítimos propietarios pódense xerar tamén dinámicas enfocadas a que os donos dos terreos cheguen a acordos para permutarse os matos en función dos seus intereses: proximidade ás vivendas, a outras tomadas coas que poderían dotarse de parcelas máis grandes… Tamén se podería dinamizar a compra/venda desas terras, coa posibilidade de revitalizar e incorporar novos propietarios ou xente nova, nunha parroquia onde estas preocupacións recaen en persoas de idade avanzada.

Cunha Asociación de Propietari@s de Monte forte e ben organizada pódense abrir canles de interlocución coas Administracións a nivel local, provincial e autonómico, optar a axudas institucionais e demandar colaboración para a mellora destes espazos.

En definitiva, dende a Asociación Monte Pituco facemos un chamamento para que a veciñanza se implique, xa non só no coidado do monte comunal, senón tamén do monte privado, tan importante coma a propiedade colectiva. Que da desorganización actual se dea un cambio de mentalidade; que se impulse unha revolución social na que os montes deixen de ser o ‘cuarto de atrás’ para situarse na vangarda da xeración de riqueza na nosa comunidade, que redunde nunha maior calidade de vida para tod@s en tanto coidar do monte é defender tamén a natureza, a biodiversidade e o patrimonio dos nosos montes.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: