O mestre Amancio Castro, de Vaipolorío, guiou a andaina organizada hoxe por este colectivo ambiental pontevedrés -co gallo do Día dos Humidais- para amosar a riqueza biolóxica do Gafos, e máis concretamente da parte denominada As Brañas.
As Brañas -situado en Salcedo, onde o Gafos recibe o nome de río Tomeza- é un dos dous humidais de terreo baixo que existen neste cauce fluvial. O outro, denominado A Fonteiriña, está en Bértola, onde o río se chama Toxal.
Amancio Castro explicou que antano, por descoñecemento ou por precaución, as poboacións tiñan tendencia a denostar e a demonizar estes espazos naturais. Eses temores xa se remontan á antigüidade: os gregos falaban das aves da lagoa de Estínfalo; nos traballos de Heracles cítase a Hidra de Lerna.
Na mitoloxía galega tamén están presentes as pozas das mouras, das que se contan vellas lendas; unha delas recollida na contorna de Tomeza:
A historia fala dunha moura que se lle apareceu a un home que levaba un carro de vacas, unha das cales lle anunciou que tería crías. A que fose femia tería que levarlla ao río, pediulle á moura. Así aconteceu e, ao cabo dun tempo, naceron un becerriño e unha becerriña. Sen embargo, o home faltou á palabra que lle dera á moura e, no canto da femia, levoulle o macho. Daquela, diante do home apareceu unha grade de madeira. Como lle dixo despois a moura, se tivera cumprido o prometido, en vez dunha grade de madeira tería sido recibido cunha de ouro.
A falta de información entre os que pensaban que eran terreo inservible, motivou que os humidais foran desaparecendo ou se foran desecando. Uns foron apropiados para convertelos en solo industrial ou instalar equipamentos deportivos ou doutro tipo. No caso de Pontevedra foi así na Xunqueira de Alba, que dun tempo a esta parte está sendo recuperada polo Concello de Pontevedra e mais os comuneiros de Lérez.
Amancio Castro reivindicou neste roteiro a importancia ecolóxica dos humidais: neles crece moito plancton que vai dar aos bancos marisqueiros da ría; son fonte de alimento para os paxaros insectívoros; tamén son a despensa da que se nutren as aves que comen landras ou sementes; mesmo aqueles que, como o peto, atopan o seu sustento nas larvas que habitan nos toros e nas pólas das árbores mortas, que non deben ser retirados para que o ciclo natural siga o seu curso…
O “Narcissus cyclamineus” -en galego o narciso coñécese co nome de amarelle- é un endemismo galaico-portugués. En Galicia aparece na metade occidental. É a única especie de Narcissus atopada no río dos Gafos. Esta especie considérase vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
[Fonte: “Flora do río dos Gafos”, de Amancio Castro e Francisco Javier Silva-Pando]
A “Primula acaulis”, en galego herba de San Pablo ou cáncaro, require lugares frescos, como noiros, prados e bosques caducifolios. En Galicia é frecuente nas catro provincias. Ten propiedades expectorantes e interese melífero. Tamén é cultivada como planta ornamental.
[Fonte: “Flora do río dos Gafos”, de Amancio Castro e Francisco Javier Silva-Pando]
“Galinsoga ciliata” ou botón de ouro.
[Fonte: “Flora do río dos Gafos”, de Amancio Castro e Francisco Javier Silva-Pando]
A “Tradescantia flumiensis” é orixinaria do Suroeste de Sudamérica e naturalizouse en moitos lugares do mundo. Na Península Ibérica medra en zonas baixas non lonxe da costa. Está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.
[Fonte: “Flora do río dos Gafos”, de Amancio Castro e Francisco Javier Silva-Pando]
Contemplando ‘o avó’, un dos carballos senlleiros que medran na ribeira do Gafos. Ten una altura de 35 metros e calcúlase que a súa idade ronda os 150 anos.
“Sarcoscypha coccinea”, coñecida como Peziza escarlata: é un fungo carpóforo -con forma de copa- que medra en pólas caídas na época que vai dende o inverno ata principios da primavera. Non ten valor culinario.
Amancio Castro é co-autor, xunto con Francisco Javier Silva-Pando, doutor en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e xefe do departamento de Ecosistemas Forestais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dun interesante libro que se presentou a finais de xaneiro: FLORA DO RÍO DOS GAFOS, editado pola Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra.
“A Monte Pornedo, con afecto” (F.J. Silva-Pando)
“Aos compañeiros de Monte Pituco, cos que temos dende Vaipolorío, una sintonía total. Saudiña” (A. Castro)
Nunha multitudinaria presentación na Casa da Luz, en Pontevedra, os artífices deste laborioso traballo ao que lle dedicaron dez anos de recollida de material, investigación e composición da obra, debullaron os seus contidos: a situación xeográfica do río, os nomes cos que se denomina segundo as zonas polas que discorre o cauce fluvial, datos climáticos, a relación entre o clima e a flora, as plantas e as árbores ordenadas en cadanseu apartado (árbores, arbustos e lianas, fentos, herbas, plantas cultivadas ou escapadas dos cultivos, e outras plantas).
Inclúe ademais un anexo con información sobre as formas biolóxicas vexetais, a morfoloxía das plantas con flores, os tipos de follas, un glosario, bibliografía botánica sobre Pontevedra e a súa contorna, e un índice de nomes científicos e populares.
En suma, unha obra moi completa, moi interesante e que será moi útil na biblioteca do Monte Pituco. Parabéns aos autores e a Vaipolorío por esta iniciativa!
Deixar unha resposta