…Canto choveu dende esta imaxe, plasmada nunha postal de Maky con data de 1956!
Daquela o Monte Pornedo (Pituco) tiña un perfil ben distinto mais, en esencia, hoxe en día segue conservando os seus valores paisaxísticos e naturais: a veciñanza logrou que o alto do Pornedo non se repoboara masivamente -como aconteceu cos montes de Figueirido ou do Castrove…- con eucaliptos nin piñeiros, favorecendo así que a poboación rural tivera un espazo aberto no que seguir realizando tarefas tradicionais como a recollida de estrume para as cortes, toxo, varas…
Deste xeito foi posible conservar o hábitat da matogueira, tan importante para o equilibrio biolóxico e para a biodiversidade.
Vídeo da FILMOTECA ESPAÑOLA: NO-DO sobre “Repoblación forestal” (xaneiro 1954)
A imaxe anterior é un fotograma dun vídeo da Filmoteca Española sobre a repoboación forestal que se levou a cabo durante a ditadura franquista, no decenio 1944-1953, no que a Dirección General de Montes investiu 1.000 millóns das antigas pesetas para plantar eucaliptus globulus, pinus pinaster e outras especies exóticas como a acacia. En Lourizán, onde se radicaba o antigo Centro Regional de Enseñanzas, Investigaciones y Experiencias Forestales, levábanse a cabo os estudos científicos e as plantacións experimentais.
Chama a atención a presenza de man de obra feminina no centro de investigacións de Lourizán, onde a reportaxe do NO-DO alude a “la finura y el tacto casi maternales de la mano de la mujer” para plantar os viveiros. Os homes aparecen nunha fase posterior dos traballos, en pleno monte, onde se lles exhibe con azadóns, facendo labores que requiren dureza física. E malia que o Réxime fai fincapé nos adiantos da mecanización, aquelas máquinas contrastan co precarísimo calzado que levan os operarios.
Tamén resulta chamativa a consideración que fai a redacción do NO-DO sobre a “maleza que recubre” o monte para referirse aos espazos cubertos pola matogueira natural, considerados “tierras estériles” e “improdutivas” polo mero feito de non xerar beneficios económicos ante a ausencia de arborado. Non menos sorprendente, visto con esta perspectiva temporal, é identificar a natureza coa “anarquía”, xustificando así o plan de repoboación, a realización de traballos de poda, de selección de especies fortes e de eliminación de exemplares raquíticos.
No documental aparecen tamén imaxes do Lago de Castiñeiras e do miradoiro de Cotorredondo; fálase da construcción de pistas forestais coa función de dispór de vías de saca da madeira producida e de actuar como cortalumes en caso de incendio.
Os datos oficiais apuntaban a máis de 100.ooo hectáreas repoboadas en 1953, con máis de 500.000 millóns de árbores. O que se cualificou daquela como “la obra más grande” de Franco, cifraba a extensión repoboada entre 1940 e 1953 en 503 mil hectáreas de terreo, que serían 1 millón de hectáreas máis ao cabo de 10 anos.
Deixar unha resposta