Xa tardaban en facer das súas. Non son endexamais benvidos, pero cada pouco déixanse caer polo Monte Pituco co seu cargamento de vergoña e de cobardía. Nesta ocasión, máis do mesmo, materiais de construcción, dunha pequena reforma, probablemente: sacos de plástico cheos de restos de plaqueta, cemento, anacos de plancha de madeira podre, láminas de material sintético, unha fregona con cubo e todo, molduras de aluminio…
Lixo contaminante, en definitiva, que debería ter sido depositado nun punto limpo en vez de acabar furtivamente nun terraplén.
Un Garda Rural inspeccionou o vertido e agardamos que o organismo competente -Comunidade de Montes de San Xulián ou Concello de Marín- teñan a ben retirar este verquido ilegal.
Cando se proceda á limpeza destes restos de obra, os operarios ou os axentes -se isto dese lugar a unha investigación para esclarecer a orixe do verquido- farían moi ben en examinar cada peza que retiren porque probablemente se atope a parte que falta deste fragmento do que podería ser un albarán que tal vez conteña información sobre a procedencia do material, o que permitiría esclarecer a autoría desta falcatruada intolerable.
Que non quede impune, sobre todo. Como non quedou impune outra gravísima irresponsabilidade cometida a finais de marzo deste ano, cando unha enorme cantidade de pinturas, disolventes e sustancias químicas foron abandonados noutro punto desta mesma pista forestal:
[Ver artigo: VERTIDO CONTAMINANTE NO MONTE PITUCO]
Se de algo servise identificar o culpable ou culpables desta canallada sería, en primeiro lugar, para cargarlle a factura pola limpeza, nada desdeñable, tendo en conta a cantidade e o peso dos materiais ciscados.
En segundo lugar, para impoñer unha sanción económica exemplarizante, e que trascendese amplamente por terra, mar e aire, para que os potenciais agresores do monte e do medio ambiente o pensen cando menos unha vez antes de coller a furgalla e poñer rumbo á pista forestal do Monte Pituco.
Precisamente, agora que a pista foi lixeiramente remozada a conta das obras de ACUAES, e a homoxeneidade do firme -antes moi deteriorado- fai máis transitable este vial, especialmente ás persoas, damos de fuciños coa crúa realidade: a dos desaprensivos que aproveitan para acceder sen dificultades ao primeiro recuncho que atopan para baleirar a súa carga de miseria, de odio polo medio ambiente e de falta de respecto polo monte veciñal.
Urxe pois devolverlle ao monte o seu aspecto orixinal, investigar en segundo lugar a procedencia desta vertedura e adoptar por parte da Comunidade de Montes algunha medida disuasoria para evitar que máis actos vandálicos deste tipo se repitan, polo menos, nunha tempada.
[…] no Monte Pituco debido ao incivismo, a irresponsabilidade e a falta de escrúpulos do autor/es dun verquido ilegal composto principalmente por restos de obra, entre plaquetas, cemento, pranchas de madeira e […]
By: RETIRADO O VERQUIDO ILEGAL NA PISTA DO PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 30/12/2015
at 20:14